Viktor Ėduardovič Kingissepp (en ruso: Виктор Эдуардович Кингисепп), nado na parroquia de Kaarma-Suure, distrito de Oeselsky, provincia de Livonia, Imperio ruso, o 24 de marzoNo calendario xuliano, 12 de marzo. de 1888 e finado en Talín o 4 de maio de 1922, foi un político comunista estoniano, un dos organizadores e líder do Partido Comunista de Estonia. Durante a revolución de outubro, foi Vicepresidente del Consejo Militar Revolucionario e, postriormente, formou oarte do Tribunal Revolucionario Supremo da RSFSR e do Comité Executivo Central de toda Rusia.

Traxectoria

Primeiros anos e formación Foi o segundo dos cinco fillos do ferreiro Eduard Kingissepp e Elise Kingissepp. A irmá maior de Viktor, Helmi Melita (1886–1890), e o seu irmán máis novo, August Voldemar (1892–1893), morreron na infancia, mentres que o seu irmán, Oskar Theodor (1890–1943) e a súa irmá, Metha Melita (1895–1976), sobreviviron ata a idade adulta.

Recibiu a súa educación primaria na casa e nunha escola privada de tres graos. En 1889, a familia mudouse a Kuressaare e, de 1898 a 1906, estudou no Gymnasium de Kuressaare. Kingissepp foi un estudante exitoso, sendo as súas materias favoritas as matemáticas e as linguas estranxeiras. Na escola, pertencía a un círculo clandestino de estudantes revolucionarios, onde se lía literatura marxista. A maioría deles eran estudantes de Lituania, Polonia e Rusia que foran expulsados ​​das escolas do seu país debido ás súas actividades políticas. Kingissepp foi un dos iniciadores da folga estudantil de 1906 durante a que o Gymnasium estivo pechado durante varias semanas.

Actividade política na universidade En 1906, ingresou no Departamento de Ciencias Naturais da Facultade de Física e Matemáticas da Universidade Imperial de San Petersburgo. Kingissepp foi membro e organizou a rama estoniana de San Petersburgo do Partido Obreiro Socialdemócrata Ruso (VSDTP), co que visitou Talín entre 1907 e 1908. En 1907, participou na conferencia de Terijoki das organizacións estonianas do VSDTP.

En 1908 foi expulsado da universidade debido ás súas actividades políticas e, de 1908 a 1909, viviu e estudou en Moscova. En 1910 continuou os seus estudos no Departamento de Linguas Románicas e Xermánicas da Facultade de Historia e Linguas da Universidade Imperial de San Petersburgo e, de 1911 a 1917, estudou e graduouse na Facultade de Dereito da mesma universidade.

De 1912 a 1914, foi colaborador do xornal de orientación bolxevique Kiir, publicado por Jaan Anvelt en Narva. De 1914 a 1916, foi condenado a tres anos de exilio administrativo en Tver e Kazán. Tras a súa liberación do exilio en 1916, Kingissepp foi mobilizado para o servizo militar na Primeira Guerra Mundial e, ata 1917, serviu como comandante dun tren sanitario na fronte transcaucásica.

Actividade política e toma do poder Despois da Revolución de febreiro de 1917, Viktor Kingissepp deixou o tren sanitario e dirixiuse a Petrogrado o 9 de maio, onde recibiu un diploma na Facultade de Dereito e despois púxose en camiño a Estonia. O 5 de xuño de 1917, Kingissepp chegou a Talín e de xullo a setembro traballou para o partido en Narva, onde organizou a Garda Vermella de Narva e tamén foi membro da xunta para a formación da Garda Vermella de Estonia.

En setembro de 1917, durante a Rebelión de Kornilov, Kingissepp organizou un bloqueo do transporte ferroviario, que foi utilizado para viaxar a Petrogrado polas tropas do 49º Corpo na rexión de Rakvere, que apoiaban as intencións de Lavr Kornilov e estaban a tomar o poder en Petrogrado.

Revolución de outubro en Estonia Durante a Revolución de Outubro, o 4 de novembro de 1917 (22 de outubro, no calendario xuliano) fundouse o Comité Revolucionario de Guerra de Estonia para liderar o levantamento, con Ivan Rabchinsky elixido como o seu presidente e Viktor Kingissepp como o seu vicepresidente. O 7 de novembro, o Goberno Provisional Ruso foi derrocado e estableceuse en Petrogrado o Consello de Deputados de Traballadores e Soldados de Petrogrado. O 8 de novembro de 1917, Kingissepp foi elixido membro do Comité Executivo do Soviet de Estonia, o órgano de poder bolxevique estoniano, no II Congreso dos Soviets en Estonia. Tamén foi elixido membro do Comité de Guerra e do Comité de Alimentación do Comité Executivo do Soviet de Estonia, e participou na nacionalización de bancos, terras e empresas industriais.

En Estonia, seguindo o exemplo do Soviet de Petrogrado, o Comité Revolucionario de Guerra Estoniano asumiu o poder e a administración o 9 de novembro (27 de outubro de 1917 do calendario xuliano) do comisario provincial estoniano Jaan Poskal, nomeado polo Goberno Provisional Ruso, e de Viktor Kingissepp, o representante provincial do Comité Revolucionario de Guerra.

O 20 de novembro (3 de decembro de 1917), o comisario de Guerra e Alimentación do Comité Executivo do Soviet Estoniano V. Kingissepp e o presidente do Comité Executivo Jaan Anvelt asumiron o poder do Consello Provincial Estoniano presidido por Konstantin Päts. Kingissepp organizou a disolución do Consello Provincial Estoniano e, o 28 de novembro (15 de novembro de 1917), e mediante unha decisión, o Consello Provincial (Maapäev) declarouse a máxima autoridade de Estonia ata a convocatoria dunha Asemblea Constituínte democraticamente elixida e, tamén, decidiu a supresión do movemento independentista en Estonia.

No Segundo Congreso de Soldados Estonianos celebrado no Teatro de Estonia do 7 ao 13 de xaneiro (do 20 ao 26 de xaneiro de 1918, no calendario xuliano), Viktor Kingissepp foi elixido para o Consello Militar de Estonia. Cando os bolxeviques abandonaron o congreso e se reuniron o 13 de xaneiro en Toompea como o "Primeiro Congreso Militar Socialista Estoniano", fundaron o Consello Militar Socialista no lugar do Comité Supremo de Soldados Estonianos, para o cal os bolxeviques elixiron 17 membros, incluído Viktor Kingissepp o 13 de xaneiro.

Despois da Revolución Bolxevique, foi vicepresidente do Soviet Revolucionario de Estonia en Reval (agora Talín), pero fuxiu de volta a Petrogrado despois de que Estonia fose ocupada polo exército alemán. Uniuse á Cheka e, en agosto de 1918, levou a cabo o arresto de Fanni Kaplán, quen disparara e intentara matar a Lenin.

Regresou a Estonia en novembro de 1918 para organizar o prohibido Partido Comunista Estoniano e presidiu o seu primeiro congreso en novembro de 1920. Foi arrestado pola Policía Política Estoniana o 3 de maio de 1922, despois dunha manifestación masiva do Primeiro de Maio en Talín, e executado esa mesma noite.Vaino, K. (24 de marzo de 1988). "A Fiery Soul - the 100th Anniversary of the Birth of V.E.Kingissepp". Pravda (Moscow).

Legado O goberno soviético ruso renomeou a cidade de Yamburg no (Óblast de Leningrado) como Kingissepp na súa honra. A cidade estoniana de Kuressaare, na illa de Saaremaa, durante o control soviético tamén foi renomeada, en 1952, e pasou a chamarse Kingissepp; recuperou o seu nome estoniano orixinal, Kuressaare, en 1988.Pospelov (1993), p. 28 Ese mesmo ano, en Kuressaare, na primavera, para celebrar o centenario do seu nacemento, se ergueu unha estatua conmemorativa. Porén, foi retirada e levada a un almacán a finais de ano.

Moitas cidades estonianas tiveron a súa propia rúa Viktor Kingissepa tänav, «Rúa Viktor Kingissepp», durante a era soviética.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Nados en 1888 Categoría:Nados en Estonia Categoría:Finados en 1922 Categoría:Políticos de Estonia Categoría:Comunistas de Estonia