A rozadoira é unha máquina utilizada en xardinaría para cortar as malas herbas a niveis de chan e para repasar os lugares aos que un cortacéspede non pode chegar, como as esquinas e os bordos. O corte realízao cun fío de nailon ou coitelas presentadas en discos.

Tamén pode ser unha máquina que corta, prensa e machuca as herbas, plantas e ramas que crecen no campo, para conseguir un secado máis rápido e uniforme do terreo. Este tipo de rozadoiras poden ser accionadas e arrastradas por un tractor. As unidades do corte pódense montar por baixo do tractor entre as rodas dianteiras e posteriores, ou ben, montar na parte posterior cun enganche de tres puntos.

Rozadoira a gasolina Preparación inicial

Verificación do equipo: Iñantes de usar a rozadoira, o usuario debe asegurarse de que estea en bo estado. Debe revisar as coitelas, o cabezal de corte e calquera compoñente móbil para asegurarse de que non haxa danos ou desgaste excesivo. Combustíbel: Débese encher o tanque de combustíbel coa mestura axeitada de gasolina e aceite segundo as recomendacións do fabricante.

Arrinque do motor

O usuario debe asegurarse de que a rozadoira estea colocada sobre unha superficie plana e estábel. Débese acender o interruptor de aceso/apagado na posición correcta. Se a rozadoira ten un cebador, debe premerse varias veces para bombear combustíbel ao carburador. Debe suxeitarse firmemente a rozadoira e tirar do cordón de arrinque cun movemento rápido e firme ata que o motor arrinque.

Xeración de enerxía

O motor da rozadoira, que funciona con gasolina, xera enerxía para alimentar o mecanismo de corte. A gasolina entra ao carburador, onde se mestura con ar na proporción axeitada. A mestura de combustíbel e ar entra na cámara de combustión, e a buxía xera unha faísca que acende a mestura, provocando a combustión. A enerxía liberada durante a combustión impulsa o pistón, que á súa vez fai virar o cegoñal e o volante de inercia, xerando movemento e potencia.

Mecanismo de corte

A potencia xerada polo motor transmítese ao mecanismo de corte a través dun eixo ou unha transmisión. Dependendo do modelo da rozadoira, o mecanismo de corte pode ser unha cabeza de nailon con fío dese mesmo material para cortar herba lixeira ou coitelas metálicas para cortar maleza máis densa e arbustos.

Operación e mantemento

Unha vez que a rozadoira está en funcionamento, débese axustar a velocidade e a altura de corte segundo as necesidades. Débense realizar cortes suaves e evitar forzar a máquina para prolongar a súa vida útil. Débese realizar un mantemento regular, como a limpeza do filtro de ar, o cambio de aceite, e o afiado de coitelas, para garantir un rendemento óptimo.

Mantemento O mantemento dunha rozadoira ten como finalidade conservar o rendemento de corte e reducir o desgaste dos compoñentes mecánicos, ademais de contribuír a un uso máis seguro. As operacións concretas e a súa periodicidade varían segundo o tipo de máquina (motor de combustión, eléctrica con cable ou a batería), as horas de traballo e as condicións do contorno (po, humidade ou vexetación densa); por iso, os fabricantes adoitan indicar intervalos de revisión no manual do equipo.

De maneira xeral, o mantemento preventivo inclúe a limpeza exterior para evitar a acumulación de restos vexetais en proteccións, reixas de ventilación e zonas próximas á transmisión, así como a comprobación do estado de elementos sometidos a desgaste (cabezal de fío, coitelas ou discos) e do correcto axuste da parafusaría e das proteccións. En modelos con transmisión mecánica, tamén pode contemplarse a inspección do redutor ou caixa de engrenaxes e a súa lubricación cando corresponda.

Sistema de corte O mantemento do sistema de corte adoita consistir en substituír o fío de nailon cando se consome, revisar o desgaste ou deformacións do cabezal e, no caso de coitelas ou discos, comprobar o seu estado e equilibrado. Un útil de corte deteriorado ou desequilibrado pode incrementar as vibracións e acelerar o desgaste da transmisión.

Modelos con motor de combustión Nas rozadoiras con motor de combustión, as tarefas habituais céntranse nos elementos relacionados coa admisión, o acendido e o combustible. Entre elas atópanse a revisión e limpeza ou substitución do filtro de aire, a inspección da buxía e a comprobación do estado dos condutos e do filtro de combustible, de acordo cos intervalos indicados polo fabricante.

Modelos eléctricos e a batería Nos equipos eléctricos e a batería, o mantemento adoita orientarse á limpeza das tomas de aire e da carcasa, á revisión do cableado ou conectores e ao control do estado da batería (ciclos de carga e almacenamento), sempre de acordo coas recomendacións do fabricante.

Almacenamento Para períodos de inactividade prolongados, normalmente realízase unha limpeza xeral e gárdase a máquina nun lugar seco, co útil de corte protexido. En modelos de combustión, algúns fabricantes contemplan medidas específicas para o circuíto de combustible durante o almacenamento prolongado, que dependen do deseño do equipo e das recomendacións do manual.

Medidas de seguridade Cómpre ter en conta que a máquina se colga do pescozo cunha cinta grosa e lévase por debaixo da axila apoiada na cadeira, onde o brazo esquerdo aparece moito máis longo ca o dereito, de maneira que o corpo do xardineiro quede centrado respecto ao "pseudo-guiador" (nas máquinas modernas de baixo prezo isto non é así).

A máquina debe estar equipada cun protector, consistente nunha chapa que cobre a parte superior dos elementos de corte, que evita que saian pedras, restos vexetais ou outros obxectos proxectados cara ao usuario.

É obrigatorio que o operario leve casco de protección, con reixa ou pantalla para protexer a cara. Por outra parte, se no terreo hai moitos obxectos ou pedras soltas, tamén é conveniente que utilice roupa axustada, cómoda e resistente para protexer o corpo de posibles impactos por proxección.

O protector incorporado na máquina non garante a protección contra obxectos proxectados cara adiante e, por iso, cómpre ter moito coidado coas persoas que poidan estar nas proximidades do operario. Como norma xeral, a persoa que utilice a rozadoira debe asegurarse de que non hai ninguén a menos de 15 metros, especialmente diante súa.

Tamén é recomendable o uso de orelleiras de protección, así como luvas acolchadas e con superficie antiescorregadiza para mellorar o agarre e evitar rozaduras e golpes nas mans, e botas de seguridade con sola antiescorregadiza.

Accesorios

Disco metálico, moito máis potente ca o fío de nailon, e que serve para cortar matogueiras e malas herbas grandes. Teñen entre 3 e 22 dentes —estes últimos permiten cortar madeira. Cortasebes Serra ou podadora con dentes, para cortar arbustos e pólas.

Antes da invención e adopción da rozadoira mecánica, nos lugares onde resultaba pouco práctico ou pouco económico o uso dun cortacéspede, a herba cortábase a man empregando unha dalla ou unha fouce.

Marcas de rozadoiras

Alpina Black+Decker Bosch Ducati Echo Einhell FUXTEC Garland Greenworks Greencut Honda Husqvarna Hyundai Kawasaki KPC Makita McCulloch Oleo Mac Ryobi Stihl Worx Lidl Alcampo Gardebruk

Notas Expertos en Jardinería. (s. f.). Descubre las Mejores Herramientas para tu Jardín .

Categoría:Maquinaria agrícola