Antonio Miranda Cabo, nado en Ourense o 17 de febreiro de 1910 e finado na mesma cidade o 29 de outubro de 1999, foi un propietario, político, policía e xogador de billar galego.
Traxectoria Era o primoxénito de Antonio Miranda-Altamirano González, notable de Parada de Amoeiro e señor do pazo da mesma parroquia; un dos maiores foristas da bisbarra, que ocupou a alcaldía en varias ocasións; seguidor da fracción bugallalista do Partido Conservador durante a Restauración.Prada Rodríguez (1998), p. 190
En abril de 1934, entrou a formar parte da primeira xunta directiva provincial das Juventudes de Acción Popular (JAP) como secretario da mesma, sendo José Pérez Ávila o seu presidente e Alejandro Outeiriño Rodríguez (futuro director de La Región), o seu contador.Prada Rodríguez (2023), p. 160. En outubro do mesmo ano perdeu ao seu irmán menor, José, que fora tiroteado o 1 de xullo na estrada de Santiago, nas inmediacións da estación de Ourense, presuntamente polo militante comunista José Villar Lafuente.
En 1935 encargouse de organizar as JAP en Amoeiro, temendo que algúns revolucionarios ou, simplemente, resentidos, da freguesía de Parada asaltasen o pazo, ao que entregaran rendas forais durante xeracións e votos durante toda a Restauración. Daquela, o pazo familiar pasou a convertirse na base de operacións deste grupo, que bloqueou a expansión dos falanxistas.
Foi proclamado candidato da Confederación Española de Derechas Autónomas (CEDA) nas eleccións xerais de febreiro de 1936, aínda que, a efectos electorais, non puido competir en postos de saída.
Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 encargouse de presentar na Comandancia Militar de Ourense ao industrial madereiro Juan Paradela Nóvoa e o xefe de Falange de Amoeiro, o capataz do ferrocarril Manuel Casalderrey Asperón, para colaborar cos sublevados. A Falange de Parada procedía do grupo de japistas recrutados por Miranda en 1935, que se radicalizara co triunfo da Fronte Popular nas eleccións de febreiro de 1936 pasando a engrosar as filas dos camisas azuis. Co control absoluto da situación en Amoeiro cara o 25 de xullo, os falanxistas ocuparon o Pazo de Parada, converténdoo no seu cuartel xeral contra a vontade dos seus donos, especialmente da nai do señor Miranda, Carmen Cabo Couñago. Alí foron conducidos os líderes das sociedades agrarias, sindicatos obreiros e outros veciños para ser interrogados e torturados; entre eles Marcial Vázquez Vázquez, Sindo Fernández González, Antonio Pérez Gutiérrez “Pinante”, Enrique Pérez González, e o último alcalde republicano do municipio, Castor Sánchez Martínez. Porén, a mediación de Miranda ante o Gobernador Militar de Ourense, Luis Soto Rodríguez, conseguiu salvar a vida de Marcial e Sindo. Ademais, librou a Celso López Martínez de presentarse no Pazo e, previsiblemente, ser enviado á fronte de guerra, xa que os falanxistas buscaban "voluntarios" pola parroquia para non ir eles.
En novembro de 1936 figuraba como xefe de milicias das JAP ourensanas, e en novembro de 1937 estaba destinado na fronte de Madrid, dentro da 4ª compañía do rexemento de infantería Mérida 95, mantendo certo contacto co comandante Julio Fortea García. No seo da compañía organizou, así mesmo, unha milicia das JAP formada por 36 compañeiros de armas.
En 1938 foi nomeado axente auxiliar interino do Corpo de Investigación e Vixilancia, e en 1941 converteuse en axente de terceira clase do Corpo Xeral de Policía, xubilándose en 1975 como inspector-xefe adscrito ao cadro de persoal de Ourense.
Foi campión provincial de billar libre (segunda categoría) en 1959.
Ademais do pazo de Parada de Amoeiro, foi propietario da casa dos Arrojo Altamirano, na parroquia de Covelas (Os Blancos), ata a súa venda a don Francisco Rúa.
Vida persoal Casou en setembro de 1934 con Isabel Alarcón Núñez, irmá do odontólogo Ricardo Alarcón Núñez (vicepresidente provincial das JAP) no Pazo de Parada de Amoeiro e tiveron catro fillos.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Nados en Ourense Categoría:Nados en 1910 Categoría:Policías de Galicia Categoría:Finados en 1999