Zas é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca da Terra de Soneira. Segundo o IGE en 2020 tiña 4.393 habitantes (4.902 no 2014, 5.295 no 2010, 5.674 no 2006, 5.780 no 2005, 5.867 no 2004, 5.978 no 2003). O xentilicio é ou .
Xeografía Situación Limita cos concellos de Coristanco, Santa Comba, Mazaricos, Vimianzo, Laxe e Cabana de Bergantiños. Aínda que non ten litoral, atópase na zona central da Costa da Morte. Ten unha forma alongada en dirección norte-sur. O cumio máis elevado é o Bico de Meda (567 m). Polo norte do concello pasa o río do Porto, e polas parroquias do sur o río Xallas. Parroquias de Zas
Demografía
Padrón municipal 2020 4.393 habitantes Menores de 15 anos 336 (7,65 %) Entre 16 e 64 anos 2.533 (57,66 %) Maiores de 65 anos 1.524 (34,69 %)
Fonte: IGE e INE.
Cultura Toponimia Amais do concello de Zas e da parroquia na que radica a súa capitalidade, Santo André de Zas, hai en Galicia outras dúas freguesías con ese nome: San Mamede de Zas (en Negreira) e San Xiao de Zas de Rei (en Melide).
Etimoloxía Segundo a teoría máis estendida entre os investigadores, o actual nome de Zas procede do xermánico SALAS, plural de SALA (‘pazo, residencia principal’) e faría referencia a un asentamento humano. Esta forma evolucionaría a Saas, resultado dunha síncope do ele intervocálico tamén rexistrada noutros topónimos galegos actuais como Saa, Saamil ou Saavedra, e de aí, por contración do a duplo, converteríase en Sas (existen outros casos de Sas en Galicia, así como Sa, Samil ou Sasdónigas, de idéntica orixe). A escrita Zas respondería a unha ultracorrección do seseo explosivo propio das falas máis occidentais como a soneirense.
Con todo, o filólogo Paulo Martínez Lema, na súa tese de doutoramento sobre a toponimia de Bergantiños, Nemancos, Soneira e Xallas no tombo de Toxosoutos propón unha etimoloxía fitonímica a partir do latino SALIX (‘salgueiro’) na súa declinación en ablativo SALICE, nun proceso análogo ao dos topónimos Saceda e Sacido.Martínez Lema, P. (2010): A toponimia das comarcas de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas na documentación do tombo de Toxos Outos (séculos XII-XIV), pp. 394-397. Santiago de Compostela: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico. Esta hipótese encontra sustento no feito de que a forma documentada máis antiga, nos séculos XII e XIII sexa Saz, na que non hai pegada do suposto hiato resultante da síncope da consoante lateral. Tamén apoia esta teoría a aparición dunha referencia ao nome da parroquia como “Sn Andres de Sauces” de 1745, cando a forma Zas xa se estaba impoñendo na escrita, que podería deberse a un coñecemento da etimoloxía pola parte do escribán. Para explicar a ortografía actual, Martínez Lema pensa no fenómeno da metátese (Saz>Zas) ou, de novo, por ultracorrección do seseo.Domínguez Rial, E. e Lema Suárez, X. Mª. (2017) Zas polo miúdo: ZAS, Santo André. pp. 6-9. Concello de Zas
Patrimonio Patrimonio arqueolóxico Consérvanse restos megalíticos de hai uns 5.000 anos, sendo a máis coñecida a Arca da Piosa, situada na parroquia de Muíño. Tamén se conservan algúns castros, coma o de Santo Adrián. Patrimonio arquitectónico Ao sur do concello está a Ponte de Brandomil, da época medieval e construída segundo bases romanas.
Entre os moitos edificios relixiosos do concello, salienta a Igrexa de Gándara (románica), a Igrexa de Lamas (cunha ábsida renacentista e unha nave barroca), e a Igrexa de Zas (de 1540). Pazos Torres do Allo, pazo do século XVI de estilo gótico-renacentista, na parroquia do Allo. O descoñecido arquitecto foi o mesmo que deseñou a fachada do Hospital Real de Santiago de Compostela. Salientan a fachada e as dúas torres. Pazo das Hedreiras, do século XVII, no lugar das Hedreiras, na parroquia de San Martiño de Meanos; conta cunha fermosa escalinata. Pazo de Daneiro, do século XVII, no lugar de Daneiro, na parroquia de San Cremenzo de Pazos, que salienta polo xardín e a hedra que cobre a súa fachada. Pazo de Follente, do século XVIII, no lugar de Follente, na parroquia de Mira, recentemente restaurado, salienta unha larga galería. Pazo de Romelle ou Torres de Romelle, no lugar de Romelle, na parroquia de Loroño, do século XVI (reformado no XVIII).
Etnografía Zas conta co museo do liño, no que se poden ver as distintas fases do cultivo e fiado do mesmo: a sementeira en abril - a colla en xullo - o lagado e enxugado - o tascado e o espadelado - O rastreado - A fiadura - a lavadura do fío e o tecido. Trátase dun museo vivente onde se pode asistir a demostracións de fiado e tecido.
Festas e celebracións Na vila de Zas lévase a cabo o encontro de música folk da Festa da Carballeira, que en 2019 celebrou a súa XXXVI edición.
Economía Zas susténtase nunha economía agrícola e gandeira, de explotacións minifundistas.
Galería de imaxes
Lugares de Zas Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Zas vexa: Lugares de Zas.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos Eleccións municipais en Zas
Ligazóns externas Xosé María Lema Suárez en "O Seminario de Onomástica responde (Real Academia Galega, 20.10.2020) Xosé María Lema Suárez en "O Seminario de Onomástica responde (Real Academia Galega, 4.11.2024)