Fry's Turkish Delight é unha chocolatina fabricada por Cadbury. Foi lanzada no Reino Unido en 1914 polo fabricante de chocolate de Bristol J. S. Fry & Sons e consiste nunha delicia turca de rosa bañada en chocolate con leite. A identidade de Fry mantívose en uso despois de que Fry & Sons se fusionara con Cadbury en 1919.
En Australia e Nova Zelandia, a gama de produtos "Turkish" comercializados por Cadbury expandiuse para incluír ovos mini de Pascua, xeados, barras de chocolate en seccións familiares, e pequenas versións utilizadas en caixas de chocolatinas. En Irlanda, Cadbury fabricou tamén Dairy Milk Turkish, empregando o chocolate Cadbury Dairy Milk e unha delicia turca lixeiramente diferente.
Dende agosto do 2010, o Fry's Turkish Delight (xunto con outros produtos coma Fry's Chocolate Cream) para o mercado británico é producido en Polonia.
Dende finais da década de 1950, o slogan 'Full of Eastern Promise' é empregado para anunciar o produto en comerciais da televisión británica. Entre quen apareceron nos comerciais do produto, atopouse, na década de 1960, a actriz e modelo Jane Lumb. No ano 2000, ‘Eastern Promise’ foi situado no posto 37 da enquisa do Canal 4 dos 100 mellores comerciais. Debido á perspectiva orientalista e aos estereotipos enganosos sobre os turcos, os anuncios representaron Turquía como o deserto árabe e aos turcos como beduínos árabes.
Ademais do clásico de rosa, existen versións que empregan outros sabores no recheo de delicia turca, como limón, cereixa ou laranxa.
Notas
Categoría:Chocolate