A Igrexa católica e a guerra civil española é o relato da cuestión relixiosa na guerra civil española e do diferente papel que desempeñou a Igrexa católica nos dous bandos do conflito. Mentres na zona republicana máis de 6000 membros do clero católico foron asasinados, os templos pechados e o culto católico perseguido, na zona sublevada a Igrexa católica española apoiou con entusiasmo a «causa nacional». Cualificou a guerra como unha «cruzada» ou «guerra santa» en defensa da relixión e outorgoulle ao bando sublevado e ao seu xefe supremo o xeneral Franco a lexitimidade relixiosa.
Antecedentes: o conflito entre a República e a Igrexa católica A «cuestión relixiosa» foi un dos temas que contribuíu a polarizar a vida política durante a Segunda República española. Nun bando do conflito atopábanse os republicanos e socialistas que defendían o Estado laico plasmado na Constitución de 1931, especialmente no artigo 26 (en cuxo debate de outubro de 1931 Manuel Azaña pronunciou a frase «España deixou de ser católica», que logo sería sacada de contexto e terxiversada). No outro bando situábase a Igrexa católica en España, cun sector integrista maioritario encabezado polo cardeal Pedro Segura e despois polo cardeal Isidre Gomà. Defendía sen concesións un Estado confesional «que impuxese pola forza a todos os seus súbditos a profesión e a práctica da relixión católica e prohibise calquera outra». Así, opoñíase frontalmente a calquera forma de Separación da Igrexa e o Estado. Este sector interpretou as reformas republicanas como un ataque á Igrexa.
Con todo, outro sector da Igrexa encabezado polo cardeal primado de Tarragona Francesc Vidal i Barraquer e o director do diario católico El Debate, Ángel Herrera Oria, co apoio do Vaticano a través do nuncio Tedeschini, adoptou unha posición prudente ante unhas circunstancias adversas baseada no «accidentalismo», segundo o cal o importante eran o contido e a orientación do réxime, non a súa forma de goberno. Este sector tentou sen éxito alcanzar algún tipo de conllevanza coa República laica, que abolira os subsidios ao clero, prohibira o exercicio do ensino ás ordes relixiosas (potenciando no seu lugar o ensino público mediante a creación de novas escolas do Estado, malia as dificultades económicas), e introducira o matrimonio civil, a lei de divorcio e o enterro civil.
A Igrexa católica na zona sublevada
Do pronunciamento á cruzada A motivación relixiosa non aparece en ningún dos bandos de pronunciamento do golpe de estado de xullo de 1936 (nin sequera no que o xeneral Franco proclamou o estado de guerra en Canarias). A declaración programática da Xunta de Defensa Nacional do 24 de xullo tampouco alude á relixión («é un manifesto contrarrevolucionario, anticomunista e antiseparatista en defensa da orde»).
Con todo o conflito pronto tomou un cariz relixioso. Aínda que a Igrexa católica española non participou na preparación do golpe, no ambiente tenso da primavera de 1936 pode dicirse que a case totalidade dos bispos desexaban unha intervención do Exército que puxese fin a tal estado de cousas. Doutra banda José María Gil Robles, o líder do partido católico CEDA —que durante as eleccións de febreiro de 1936 fora apoiado pola xerarquía eclesiástica española e polo Vaticano—, entregou ao xeneral Mola unhas semanas antes do golpe medio millón de pesetas dos fondos do partido «para os primeiros gastos do movemento militar... salvador de España».
A «sacralización» do pronunciamento, é dicir, a conversión do golpe de estado nunha «cruzada» ou «guerra santa» en defensa da relixión, produciuse rapidamente. Iso resultou moi oportuno para lexitimar e maquillar o golpe militar, aínda que «non foron os sublevados quen solicitaron a adhesión da Igrexa, senón que foi esta a que axiña se lles entregou en corpo e alma». En Navarra o clero non só apoiou con entusiasmo o bando sublevado, senón que moitos sacerdotes se ofreceron voluntarios para combateren nas columnas de requetés que se dirixían a Madrid ou a Guipúscoa. A «sacralización» acentuouse sobre todo cando comezaron a chegar á zona sublevada as primeiras noticias da «salvaxe persecución relixiosa» que se desencadeou na zona republicana, onde fracasara o alzamento militar.Axiña os militares sublevados, que nos seus bandos de pronunciamento non aduciron a defensa da relixión, utilizárona como xustificación do seu alzamento. No discurso radiado de agosto de 1936 o xeneral Mola (no que se referiu á «quinta columna» interior que ía tomar Madrid) explicou o que pretendían os sublevados: O xeneral Cabanellas, coñecido masón e presidente da Xunta de Defensa Nacional, na carta do 16 de agosto que acreditaba a Antonio Magaz como axente confidencial ante o Vaticano, falaba dun «movemento nacional que tanto ten de cruzada relixiosa como de rescate da Patria fronte a tiranía de Moscova». Porén, non foi cousa só dos militares. Tamén numerosos eclesiásticos e laicos católicos proclamaron de forma entusiasta que a guerra que estaba a levar a cabo o bando sublevado era unha cruzada. Frei Justo Pérez de Urbel díxolle ao xeneral Millán-Astray que o obxectivo da guerra era «rescatar a España para Deus». José María Pemán escribiu:
«o fume do incenso e o fume do canón, que sobe até as plantas de Deus, son unha mesma vontade vertical de afirmar unha fe e sobre ela salvar un mundo e restaurar unha civilización».
En 1938 publicou «Poema de la Bestia y el Ángel», talvez o texto máis representativo da idea de «cruzada» aplicada á guerra civil.
A actitude inicial da xerarquía eclesiástica española e da Santa Sé miniatura|O papa Pío XI A maioría dos bispos españois esperaron a que o Vaticano se pronunciase antes de facer pública a súa visión da guerra. Isto non ocorreu até o 14 de setembro de 1936, cando o papa Pío XI pronunciou o discurso La vostra presenza na súa residencia estival de Castelgandolfo. Fíxoo nunha audiencia pública ante un grupo duns 500 católicos españois, na súa maioría sacerdotes e relixiosos (encabezados polos bispos de Cartaxena, Tortosa, Vic e Urgell), que conseguiran fuxir da zona republicana. Moitos deles lográrono grazas á axuda das autoridades republicanas, especialmente da Generalitat de Cataluña. O discurso comezou lamentando as vítimas que se produciron na zona republicana, referiuse ao «esplendor de virtudes cristiás e sacerdotais, de heroísmos e de martirios; verdadeiros martirios en todo o sagrado e glorioso significado da palabra» e condenou o comunismo. Porén, non utilizou o termo «cruzada» para referirse ao conflito bélico en España, senón o de «guerra civil entre os fillos do mesmo pobo, da mesma nai patria». Así mesmo, abriu un interrogante sobre a causa dos sublevados, pois tras bendicir «cantos asumiron a difícil e perigosa misión de defender e restaurar os dereitos e a honra de Deus e da relixión» advertiu que «moi facilmente o esforzo e a dificultade da defensa fana excesiva e non plenamente xustificábel, ademais de que non menos facilmente se introducen intereses non rectos e intencións egoístas ou de partido para turbiar e alterar toda a moralidade da acción e toda a responsabilidade». O máis duro para os partidarios da «guerra santa» foi a exhortación final que fixo Pío XI a amar os inimigos:
A parte final do discurso do papa provocou murmurios de desaprobación entre algúns dos sacerdotes e relixiosos españois presentes, pois segundo eles equiparaba os dous bandos. De feito, o discurso de Castelgandolfo difundiuse amplamente na zona sublevada, pero mutilado. Só se publicaron os parágrafos que parecían ratificar a condición de cruzada da guerra civil e suprimiuse a parte que exhortaba a amar os inimigos. Os bispos españois, que no inicio só coñeceron a versión propagandística dese discurso, decontado fixeron públicas acesas pastorais a prol do bando sublevado. Entre elas destacou a do bispo de Salamanca Enrique Pla publicada o 30 de setembro de 1936, só un día antes de o xeneral Franco ser proclamado «Xeneralísmo» e «Xefe do Goberno do Estado». Baixo o título «Las dos ciudades», declaraba a guerra como unha «cruzada». Con todo, cando Pla coñeceu a versión completa do discurso do papa, non se retractou en absoluto da súa mensaxe, como tampouco o fixeron o resto de bispos.
Na pastoral Enrique Pla presentaba a guerra como «unha cruzada pola relixión, a patria e a civilización» e daba unha nova lexitimidade á causa sublevada: a relixiosa. Así, o xeneral Franco non era só «xefe e salvador da Patria», senón tamén o «Caudillo» dunha nova «Cruzada» en defensa da fe católica e da orde social anterior á proclamación da Segunda República española.
Desta forma Franco contou co apoio e a bendición da Igrexa católica. O clero comezou a tratar a Franco como un enviado de Deus para pór orde na cidade terreal e Franco acabou crendo que, efectivamente, tiña unha relación especial coa divina providencia. O cardeal primado de Toledo Isidre Gomà envioulle un telegrama para felicitalo polo seu nomeamento como Xefe do Goberno do Estado Español. Na súa resposta, despois de dicirlle que «non podía recibir mellor auxilio que a bendición da Vosa Eminencia», o Xeneralísimo pedíalle que rogase a Deus nas súas oracións para que «me ilumine e dea forzas bastantes para a ímproba tarefa de crear unha nova España de cuxo feliz termo é xa garantía a bondadosa colaboración que tan patrioticamente ofrece A Vosa Eminencia cuxo anel pastoral bico». O bispo Enrique Pla cedeulle a Franco o seu palacio episcopal en Salamanca para que o utilizase como o seu Cuartel Xeral.Outras manifestacións do cardeal Isidre Gomà, arcebispo de Toledo e primado de España, abundaron na mesma idea de «cruzada»:
O papa Pío XI volveu referirse á situación en España na encíclica <i>Divini Redemptoris</i> do 19 de marzo de 1937 na que condenaba o comunismo. Dedicaba o parágrafo 20 aos «horrores do comunismo en España», no que denunciaba os asasinatos de sacerdotes e relixiosos na zona republicana. Porén, seguiu sen considerar a guerra de España como unha cruzada, como esperaban a xerarquía eclesiástica española e as autoridades franquistas, a diferenza do que faría poucos días despois na encíclica <i>Firmissimam constantiam</i> do 28 de marzo na que xustificaba o recurso á forza armada dos cristeros mexicanos. Días antes destas dúas encíclicas Pío XI acabara <i>Mit brennender Sorge</i> o 14 de marzo, sobre a situación da igrexa en Alemaña, na que denunciaba o nazismo. Da mesma forma que na zona sublevada se difundiu amplamente o parágrafo sobre «os horrores do comunismo en España» de <i></i>Divini Redemptoris, prohibiuse a difusión da encíclica na que se condenaba o nazismo, un dos aliados do xeneral Franco.
A consecuencia de todo iso foi unha íntima alianza entre a Igrexa católica e o bando sublevado que se reflectiu nunha colaboración recíproca para lograr os seus respectivos intereses. Isto deu lugar a unha ideoloxía particular do réxime, o nacionalcatolicismo, cos conseguintes cambios na zona sublevada como a obrigatoriedade da relixión no ensino primario e secundario ou a imposición do crucifixo en institutos e universidades. O Xeneralísimo, pola súa banda, utilizou a fe católica para lexitimar a súa «cruzada», e desde finais da guerra fixo obrigatorio nas escolas o Catecismo Patriótico Español do bispo Menéndez-Reigada (sen imprimatur e coas súas coñecidas proclamas antisemitas e antidemocráticas). Segundo o socialista Juan Simeón Vidarte tamén se chegou a modificar o catecismo do padre Ripalda, agregando ao quinto mandamento (non matarás) as seguintes palabras: «a non ser que sexan roxos ou inimigos do glorioso Movimiento».