A garza tricolor (Egretta tricolor) é unha pequena especie de garza nativa de partes da costa do continente americano. A especie é máis solitaria que outras especies de garzas americanas e ten unha dieta que consiste principalmente en peixes pequenos.
Hábitat, reprodución e distribución A garza tricolor reprodúcese en pantanos e outros hábitats costeiros e nidifican en colonias, a miúdo con outras garzas, usualmente en plataformas de paus en árbores e arbustos. En cada posta poñen de tres a sete ovos normalmente. É a segunda garza máis costeira nos Estados Unidos.
A área de distribución da especie segue na costa nordés dos Estados Unidos, e polo sur ao longo da costa, a través do Golfo de México e o Caribe, e polo norte de América do Sur ata Brasil. Na rexión do Pacífico, distribúese desde Perú a California, pero máis ao norte é só un visitante non reprodutor.
Probablemente era a garza máis numerosa de América do Norte ata que as garzas boieiras occidentais chegaron ao continente na década de 1950. Aínda que a poboación da especie parece estar en declive, segue sendo bastante común. A ave está "Ameazada" segundo a Comisión de Conservación da Vida Silveste e Peixes da Florida.
Descrición
Esta especie mide de 56 a 76 cm de longo e ten unha envergadura típica de 96 cm. O macho é lixeiramente máis grande e pesa 415 g como media, mentres que a femia como media pesa 334 g. É unha ave de tamaño medio-grande, de patas longas, de pescozo longo e un bico longo agudo amarelado ou cincento con punta negra. Na plumaxe reprodutora, algúns individuos desenvolven un bico bicolor azul e negro na punta. As súas patas e pés vólvense de amarelos escuros nos exemplares non reprodutores a rosas nos adultos reprodutores. A plumaxe cambia drasticamente da súa forma xuvenil á adulta.
Os adultos teñen unha cabeza, pescozo, dorso e parte superior das ás gris azulada, cunha liña branca ao longo do pescozo. A barriga é branca. Na época reprodutora teñen plumas filamentosas longas azuis na cabeza e pescozo, e outras no dorso de cor beixe.
Comportamento e dieta A garza tricolor é máis solitaria cando busca comida que outras garzas de América do Norte. Cando busca presas, normalmente métese na auga ata a barriga, soa ou na periferia dunha bandada mixta. Kent (1986) atopou que a súa dieta na Florida consiste nun 99,7 % de peixes e camaróns. Mentres que outros membros do xénero Egretta poden tamén comer cangrexos e oportunisticamente buscan artrópodos terrestres, a garza tricolor é case exclusivamente piscívora, alimentándose principalmente de especies de Cyprinodontidae, Fundulidae e Poeciliidae, así como Centropomidae e Cichlidae.
Galería
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas
Tricolored Heron - Egretta tricolor - USGS Patuxent Bird Identification InfoCenter Fotos da garza tricolor en Field Guide: Birds of the World en Flickr Sons da ave garza tricolor No Museo de Historia Natural da Florida
Categoría:Ardeidos Categoría:Aves de América Categoría:Animais descritos en 1776