Antonio Martínez Naveira, nado en Churío, Irixoa, o 27 de novembro de 1940, e finado en Valencia o 24 de setembro de 2021, foi un matemático galego, coñecido pola súa influencia na área da xeometría diferencial en España.Tarrío Tobar, Ana Dorotea; Ros, Antonio; Romero, Alfonso; Barros, Manuel; Ferrández, Ángel; Hervella, Luis M.; Carreras, Francisco; Gil-Medrano, Olga; Gual-Arnau, Ximo; Chacón, Pablo M.; Segura, Salvador; Arias-Marco, Teresa; Reventós, Agustí; González Dávila, José Carmelo; Molina, Vicente Miquel. Antonio Martínez Naveira (1940–2021), in memoriam. (castelán) Gac. R. Soc. Mat. Esp. 25 (2), 243–282 (2022).
Traxectoria Nado en Churío, Irixoa e de orixe humilde, Naveira asistía á escola local tras axudar de madrugada aos pais no campo. O seu talento levou os mestres a impulsar a súa formación: cursou Bacharelato —primeiro por libre e logo na Coruña— e Maxisterio, rematado en 1959. Licenciouse en Matemáticas na Universidade de Santiago de Compostela en 1965, con premio extraordinario.
Mentres era profesor contratado no Departamento de Xeometría e Topoloxía, elaborou a súa tese de doutoramento dirixida polo seu mestre Enrique Vidal Abascal, defendida en 1969, a primeira tese de Matemáticas presentada na Universidade de Santiago.
En 1973 obtivo o doutoramento de terceiro ciclo en París VI con René Deheuvels. Ese ano foi profesor adxunto en Santiago; en 1975, agregado en Granada, e en 1976 accedeu á cátedra de Valencia, onde permaneceu ata 2011, cando foi nomeado profesor emérito (renovado en 2014).
Antonio M. Naveira tivo un impacto notable na Xeometría en España, deixando unha fonda pegada na universidade compostelá e creando dúas escolas destacadas de Xeometría Diferencial en Granada e Valencia. Tamén exerceu unha influencia decisiva na vida matemática española como presidente da Real Sociedade Matemática Española entre 1996 e 2000.
Obra científica Naveira publicou uns 70 artigos de investigación en Xeometría Diferencial. Defendía a importancia de visitar grandes centros de investigación para aprender teorías avanzadas e establecer contactos.
Director de investigación nato, compartía resultados cos seus doutorandos con tanto entusiasmo coma se fosen parte da súa propia tese. (Carreras, Gil-Medrano en p. 258).
Foi o impulsor dos Congresos de Xeometría de Peñíscola (1982, 1985 e 1988), organizados polo Departamento de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Valencia, de gran repercusión na matemática española pola presenza de figuras internacionais como T. Aubin, E. Calabi, M. P. do Carmo, S. K. Donaldson, A. Lichnerowicz ou J. P. Bourguignon, entre outros. (A. Ros en , p. 249).
Teoría de foliacións A finais da década dos sesenta, Naveira iniciouse de xeito natural, como alumno de Vidal Abascal, no estudo xeométrico das variedades foliadas. A súa tese de doutoramento adicouse ás que admiten unha métrica de Riemann transversalmente invariante (métrica case-fibrada), que hoxe chamamos foliacións Riemannianas. Os seus traballos máis imprtantes sobre este tema foron realizados en colaboración con David L. Johnson].
Estruturas case-hermíticas Nos anos 70, Naveira estudou os traballos de Alfred Gray sobre estruturas case-hermíticas e dirixiu a tese de Luis Hervella, o seu primeiro discípulo e hoxe catedrático ad honorem en Santiago.
O contacto con Marcel Berger, René Deheuvels, André Lichnerowicz e Alfred Gray nos Coloquios internacionais de Xeometría Diferencial de Santiago de Compostela (1963–2008) levouno a caracterizar as variedades con curvaturas seccionais holomorfas xeneralizadas constantes. Posteriormente xeneralizou resultados de Berger para compoñentes do tensor de curvatura riemanniano de orde superior, obtendo novas propiedades das clases de Chern de variedades kählerianas con curvatura seccional holomorfa de orde constante.
Na segunda metade dos anos setenta, Gray e Naveira deseñaron un plan, a medio prazo, para estudar con máis profundidade as variedades nearly-Kähler, que levou a Hervella e Naveira a publicar un traballo sobre o Teorema de Schur.
Na tese de M. Barros, dirixida por Naveira, obtívose un novo exemplo dunha variedade nearly-kähleriana non kähleriana. Estimouse tamén o signo de certas clases e números de Chern en termos das curvaturas seccionais e bisecionais holomorfas da conexión característica, resultados que logo se estenderon a espazos fibrados non necesariamente tanxentes de variedades case-hermíticas. A época case-hermítica de Naveira finalizou cun traballo con A. Ferrández sobre a curvatura seccional holomorfa das variedades nearly-Kähler.
Estruturas case-produto No verán de 1979, Naveira visitou a Universidade de Maryland (EE. UU.) convidado por Alfred Gray, onde madurou a idea de estudar sistematicamente as estruturas case-produto, introducidas en 1958 por B. L. Reinhart. Unha estrutura case-produto P define dúas distribucións complementarias ortogonais no fibrado tanxente. O estudo destas distribucións en variedades riemannianas non lle era alleo a Naveira, pois xa foran o tema dos seus primeiros traballos de investigación e da súa tese de doutoramento.
Froito das conversas con Gray e Simon Salamon, publicou un traballo que describe 36 clases destas estruturas. Os resultados foron logo refinados por A.H. Rocamora, V. Miquel, A. Montesinos, F. Carreras e O. Gil-Medrano. Este artigo de 1983 é o máis citado de Naveira, con máis dun centenar de referencias, polo menos cincuenta delas posteriores ao ano 2000.
Outro dos intereses de Naveira foron as obstrucións xeométricas á existencia de certas estruturas, especialmente as derivadas das propiedades da curvatura mediante fórmulas integrais que xeneralizan a de Gauss–Bonnet–Chern, a cal relaciona a curvatura coa característica de Euler.
Xeometría integral Nos anos 90, Naveira, xunto con X. Gual-Arnau, interesouse pola Estereoloxía, é dicir, o estudo de estimadores estatísticos obtidos mediante fórmulas de xeometría integral e probabilidade xeométrica, con aplicacións en imaxes médicas. Por iniciativa súa, celebráronse en abril de 1995, na Universidade da Coruña, as I Xornadas sobre aplicacións da Xeometría Integral á Estereoloxía. Estas xornadas tiveron unha segunda edición na Universidade Jaume I de Castelló, en decembro de 1995.
Froito das súas visitas regulares á Universidade da Coruña, publicou con A. D. Tarrío resultados que xeneralizaban fórmulas de L. A. Santaló a espazos non euclidianos, algúns deles en colaboración con X. Gual-Arnau.
Jacobi Naveira e A. D. Tarrío propuxeron un método para resolver a ecuación de Jacobi na variedade , baseado no feito de que o operador de Jacobi ten rango osculador constante nos espazos naturalmente reductivos.
Estes estudos inspiraron a tese de doutoramento de T. Arias Marco, codirixida con O. Kowalski. Foi a súa décimoquinta doutoranda.
En 2011, xunto con J. Carmelo González-Dávila, Naveira resolveu unha conxectura formulada por I. Chavel sobre a existencia de puntos conxugados non isotrópicos en certas variedades homoxéneas naturalmente reductivas.
Outras liñas de investigación Coa tese de P. M. Chacón, codirixida con F. G. B. Brito, o interese de Naveira orientouse cara ao estudo da enerxía de campos de vectores e distribucións, así como ao volume de campos de vectores.
Esta temática foi obxecto de desenvolvementos posteriores, como a monografía publicada en 2023 por O. Gil-Medrano.
En 1997, A. A. Borisenko propuxo a Naveira e V. Miquel continuar o estudo iniciado con A. D. Tarrío sobre conxuntos h-convexos no espazo hiperbólico. O traballo resultante constituíu a base da investigación sobre o fluxo da curvatura media que conserva o volume en espazos de curvatura negativa.A. A. Borisenko e V. Miquel, "Total curvatures of convex hypersurfaces in hyperbolic space", Illinois Journal of Mathematics, 43 (1999), 61–78.
Ao final da súa vida, Naveira interesouse en atopar unha xeneralización a dimensión 7 dos espazos BCV (Bianchi–Cartan–Vranceanu), introducidos por Élie Cartan na súa clasificación das variedades riemannianas tridimensionais con grupo de isotropía de dimensión 4. Estes espazos teñen aplicacións en modelos de espazo-tempo homoxéneos, e a investigación en dimensión 7 está relacionada con certos estudos sobre a forma do universo en física teórica. Froito deste traballo publicou, xunto con Á. Ferrández e A. D. Tarrío, un artigo no que se introducían os chamados espazos BCV extendidos.Á. Ferrández, A. M. Naveira e A. Tarrío, "Geometry of extended Bianchi–Cartan–Vranceanu spaces", Revista de la Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales. Serie A. Matemáticas.
Nesa mesma época colaborou con U. Semmelmann no estudo de formas de Killing conformes en variedades nearly-Kähler.A. M. Naveira e U. Semmelmann, "Conformal Killing forms on nearly Kähler manifolds", Differential Geometry and its Applications, 70 (2020), 101628, 9 pp.
A Selecta de Santaló No curso 2002-03, durante o seu ano sabático, Naveira elaborou xunto con A. Reventós a Selecta, unha escolma dos mellores traballos de L. A. Santaló.
A relación de Naveira con Santaló viña a través de Enrique Vidal-Abascal, e iniciouse a finais dos anos sesenta, cando se coñeceron nun Coloquio Internacional sobre Xeometría Diferencial celebrado en Santiago.
A Selecta, publicada en 2009 por Springer, recolle sesenta traballos en cinco apartados (Xeometría Diferencial, Xeometría Integral, Xeometría Convexa, Xeometría Afín, e Estatística e Estereoloxía), sumando 854 páxinas. O prefacio foi escrito polo medalla Fields Simon K. Donaldson, e a obra contou coa avaliación de trece referees.
Naveira e a RSME En 1996, a Real Sociedade Matemática Española (RSME) atravesaba unha forte crise: non se cobraban cotas, non se celebraban eleccións e a súa actividade reducíase á organización da Olimpíada Matemática Española. Nese contexto, un grupo de profesores de varias universidades promoveu unha comisión para reconstituír a Sociedade e encargou a Naveira a súa presidencia. A comisión, con Manuel de León como Vicepresidente, Marisa Fernández como Tesorera e S. Segura como Secretario Manuel de León. En recuerdo de Antonio Martínez Naveira. Matemáticas y sus fronteras, 25 de septiembre de 2021. Recuperado de: https://www.madrimasd.org/blogs/matematicas/2021/09/25/149405. , traballou na actualización dos estatutos, na creación dunha estrutura administrativa mínima e na preparación dun proceso electoral aberto a todas as áreas das matemáticas.
A comisión conseguiu rapidamente o apoio da comunidade matemática e en poucos meses a RSME reuniu arredor de 1500 socios. Na primeira Asemblea Xeral aprobáronse novos estatutos e, de acordo con eles, celebráronse eleccións nas que Naveira foi elixido presidente por un mandato de tres anos. Durante o seu mandato impulsouse a publicación da nova Gaceta de la RSME, organizouse en Madrid o primeiro congreso da Sociedade, entregáronse as primeiras axudas a mozos investigadores para participar en reunións científicas, aumentou de forma continua o número de socios, nomeouse a Luis A. Santaló como socio de honra e reforzouse a colaboración con outras sociedades matemáticas como a Sociedade Española de Matemática Aplicada (SEMA), a Sociedade de Estatística e Investigación Operativa (SEIO) e a Sociedade Catalana de Matemàtiques (SCM).
Ao rematar o seu primeiro mandato, Naveira decidiu non presentarse á reelección, co obxectivo de dar paso a novas xeracións, e retirouse da presidencia da RSME con discreción.(S. Segura en , p. 268).
Cargos Director do Departamento de Xeometría da Universidade de Valencia durante varios períodos, sumando un total de 19 anos (1976-1995).«Antonio Martínez Naveira», páxina persoal do Departamento de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Valencia, consultado o 15 de agosto de 2025. Presidente da Real Sociedade Matemática Española (1996–2000).
Premios e recoñecementos Premio extraordinario de Licenciatura (1965). Académico correspondente da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales (2005).