O Pazo de Parada, é unha construción civil situada na parroquia de Parada de Amoeiro, no concello de Amoeiro, tamén coñecido como pazo de Miranda ou como a Casa grande. De propiedade privada, destaca tanto pola súa arquitectura como pola súa relevancia histórica.

Localización

O pazo está enclavado nas terras dos Chaos de Amoeiro, coñecidas pola súa beleza natural e riqueza agrícola e gandeira. A zona está regada polos ríos Formigueiro e Barbantiño, afluentes do Miño, que se aproveitan para o regadío e para mover muíños tradicionais. O predio que rodea o pazo forma parte do núcleo urbano inmediato do lugar da Igrexa.

Exterior O edificio presenta unha planta en escuadra, con torre no extremo da coxía máis curta. Está construído integramente en perpiaños de granítica, abundante na zona. A coxía longa destaca por unha ampla solaina de máis de 60 metros, con balaústres de pedra e columnas toscanas que sosteñen a cuberta. A coxía curta, de construción máis antiga, alberga o portalón principal, sobre o que pendura unha cadea, símbolo dos privilexios xurisdicionais da casa.

Na fachada sur, sobre o portalón, hai tres escudos de armas e unha inscrición que data de 1683. A fachada norte comeza coa torre e inclúe un garitón transformado en retrete bipersonal e un balcón voado con varanda de ferro. A fachada oeste, a máis longa, presenta portas e fiestras, e un contraforte macizo para estabilizar a estrutura. A fachada sur remata cun balcón sobre ménsula de pedra e dous escudos laterais.

A cuberta é a catro augas e de tella, con cornixas molduradas na parte máis moderna. Foi rehabilitada entre 2007 e 2008 polo arquitecto Pablo Falcón Nóvoa.

Interior O interior conserva a prestancia dos seus mellores momentos. Destaca unha ampla escaleira de madeira que conduce a un corredor e á solaina. A coxía curta alberga a cociña con lareira e campá sostida por columnas graníticas, a torre, o arquivo familiar e outras dependencias. A coxía longa contén sete grandes salóns comunicados, un deles con cheminea francesa.

Na planta baixa están as dependencias agrícolas e gandeiras, accesibles desde o vestíbulo e desde portóns posteriores. O pazo non ten capela propia, aínda que a familia Miranda posúe unha capela con enterramentos na igrexa parroquial.

Historia O pazo estivo vinculado a importantes liñaxes galegas como os Ribadeneira, Villamarín, Silva, Enríquez, Nóvoa, Taboada Roca, Salgado Guntín e Miranda, tal e como reflicten as pedras de armas que ornamentan as fachadas do pazo.

Na segunda metade do século XVI, don Pedro Yáñez Bóveda e dona Leonor González Enríquez fundaron vínculos de morgado de diversos bens, entre eles o Pazo de Parada, sendo o seu primeiro sucesor o capitán don Suero Enríquez Nóvoa. A través de sucesivas xeracións, o pazo chegou a mans de don Joaquín Salgado Enríquez, coronel de milicias e, por concesión de Carlos III, primeiro vizconde de Parada e conde de Borraxeiros, quen lle deu o seu maior esplendor na segunda metade do século XVIII.

Ao non deixar herdeiros, don Joaquín legou os seus títulos ao seu irmán don Juan Manuel Salgado, cóengo da Catedral de Tui, para que herdara un fillo natural deste, don Juan Francisco Salgado. Porén, un preito con don Juan José Soto Altamirano, descendente de dona Isabel María Salgado, tía de don Joaquín Salgado, fixo que os cotos de Barcia de Lira e Parada, incluído o pazo, pasaran a estar vinculados aos Altamirano, procedentes de Trujillo, o que permitiu aos seus descendentes herdar propiedades en Estremadura. A falta de prole dun dos descendentes, don Francisco Javier Soto Altamirano, rexedor perpetuo de Ourense, fixo que a herdanza recaera no seu sobriño, don José Joaquín Miranda Soto-Altamirano (1762-¿1848?), fillo de don José Manuel Miranda Vivero y Navia, correxidor da provincia de Chumbivilcas, en Perú, e dona Antonia Vicenta Soto Altamirano. Na persoa de don José Joaquín xuntáronse os títulos de señor de Parada, vicerrei do Perú, cabaleiro cuberto ante o rei, marqués de Trujillo, en posesión do colar de Carlos III, con privilexio de condonación aos reos.

Durante a invasión francesa de 1808, o pazo foi asaltado e defendido polos seus propietarios e criados e co rebulir dos séculos XIX e XX converteuse nun centro do poder local. O herdeiro de don José Joaquín, don José Manuel Miranda González Soto y Altamirano (1817-¿1901?), foi alcalde de Amoeiro, presidente da xunta provincial do círculo carlista ourensán en 1871 e, durante a Restauración, deputado provincial en 1879 e presidente da corporación en 1880 adscrito aos conservadores bugallalistas. Do mesmo xeito, o seu fillo don Antonio Miranda-Altamirano González, considerado un dos maiores foristas da bisbarra, foi alcalde de Amoeiro en 1904, 1914 e 1930. Porén, a construción do Estado liberal e o proceso de democratización, xunto coa redención de foros de 1926, embazarían o vello lustre da familia fidalga, quitándolle progresivamente o poder político e económico ligado aos privilexios que unha vez tivera.

Trala morte de don Antonio Miranda-Altamirano en 1932, o celo do seu fillo don Antonio Miranda Cabo por preservar o pazo de posibles asaltos por parte dalgúns revolucionarios ou, simplemente, resentidos da freguesía, fixo que este captara a un grupiño de veciños para as Juventudes de Acción Popular (JAP), das que era secretario provincial, convertendo a "casa grande" así mesmo nun baluarte da dereita conservadora ourensá, que bloqueou a expansión dos falanxistas en Amoeiro. Alí acudiron en 1934, no contexto do bienio conservador da Segunda República, unha comisión de Acción Femenina Gallega e outra de Acción Popular Agraria con motivo da visita do deputado don Carlos Taboada Tundidor, quen explicou o programa da Confederación Española de Dereitas Autónomas (CEDA). Co gallo do funeral de don José Manuel Miranda Cabo en outubro do mesmo ano, quen fora ferido de morte en xullo presuntamente polo militante comunista José Villar Lafuente, acudiron ao pazo non só o deputado don Carlos Taboada, senón tamén unha nutrida delegación da Xuventude Católica, á que pertencía o finado; das JAP, e de Acción Popular Agraria, xunto con máis de trinta curas de Ourense e das parroquias circundantes.

Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, o pazo foi ocupado por falanxistas, antigos membros das JAP recrutados polo señor Miranda, e convertido no seu cuartel xeral contra a vontade dos seus donos, especialmente da viúva de don Antonio Miranda-Altamirano, dona Carmen Cabo Couñago. Alí foron conducidos os líderes das sociedades agrarias, sindicatos obreiros e outros veciños para ser interrogados e torturados; entre eles Marcial Vázquez Vázquez, Sindo Fernández González, Enrique Pérez González, Antonio Pérez Gutiérrez “Pinante” e o último alcalde republicano do municipio, Castor Sánchez Martínez. Estes dous últimos serían sacados do pazo, paseados e, finalmente, asasinados.

A finais da década dos cincuenta, a propiedade do pazo pasou aos irmáns don Antonio Miranda Cabo, que entroncara coa familia Alarcón (Miranda Alarcón), e dona Carmen Miranda Cabo, que entroncara coa familia Cid (Cid Miranda). Das dúas ramas descenden familias ourensás como os Vázquez Miranda, os Feijóo Miranda, os Miranda Valencia, os Miranda Martínez, os Cid Bragado, os Álvarez Cid ou os Cid Couce.

Notas

Parada Categoría:Amoeiro Categoría:Amoeiro sen imaxes