A batalla de Adrianópole ou Adrianópolis (en latín: Proelium Hadrianopolitanum) foi un enfrontamento armado que se librou o 9 de agosto de 378 nas chairas da provincia romana de Tracia, ao noroeste da cidade romana de Adrianópole (actual Edirne, na Turquía europea). Nela enfrontáronse por unha banda, as forzas de Fritixerno, xefe dos tervingos, apoiado por continxentes grutungos, alanos e hunos e, por outra, o exército do Imperio romano de Oriente comandado polo propio emperador Flavio Xulio Valente (328-378). O resultado foi dunha vitoria decisiva para os xermanos fronte ao emperador romano, quen morreu na batalla e cuxo exército foi aniquilado.Zósimo, Nueva historia libro IV
A batalla formou parte da Guerra Gótica de 376–382, e adoita ser considerada como o comezo dos acontecementos que levaron á caída do Imperio Romano de Occidente no século V. O desenvolvemento desta batalla coñécese en detalle grazas aos relatos de dous historiadores romanos contemporáneos: Amiano Marcelino (c. 320–c. 400) que escribiu un relato contemporáneo detallado dos preparativos da batalla desde unha perspectiva romana, que constitúe o clímax ao final da súa obra Res GestarumAmiano Marcelino Historiae, Libro 31, capítulos 12–14 (que a miúdo é traducida como Historiae), e Paulo Orosio (c. 383–c. 420).
Foi a última batalla na que os romanos empregaron as súas lexións clásicas, xa que a partir de entón os exércitos comezaron a poñer máis énfase na cabalaría e nas pequenas divisións blindadas, como os comitatenses. Esta substitución da infantaría pola cabalaría está documentada desde este período (século IV) nas descricións de Amiano Marcelino.
No século XX, o profesor británico Norman H. Baynes destacou este feito destacando que:
A derrota en Adrianópole, na historia desta civilización, só foi comparable a desastres como os de Cannas (216 a. C.), Arausium (105 a. C.), Carrhae (53 a. C.), Teutoburgo (9), Aquilea (170) e Edesa (259 ou 260).
Contexto histórico
Migración dos godos Os godos proviñan orixinalmente do sur de Escandinavia, de Escandia, pero a partir do século I a. C. migraron cara ao sueste, cruzaron o Báltico e, dous séculos despois, aparecen asentados nas grandes chairas ao norte do Mar Negro. Alí finalmente dividíronse en dúas ramas, os grutungos, ás veces identificados cos posteriores ostrogodos, e os tervingos, probablemente os coñecidos máis tarde como visigodos, separados polo río Dniéster.
Mentres os tervingos pronto se espallaron cara ao suroeste, cruzando con frecuencia a fronteira romana e dedicándose a todo tipo de saqueos, ata que chegaron a un acordo polo cal os romanos lles cedían a provincia de Dacia (a actual Romanía occidental) a cambio da paz durante o reinado de Aureliano, entre 270 e 275. Constantino o Grande (272-337) converteunos en federados do Imperio (foederati) e confioulles a defensa do limes danubiano a cambio de grandes sumas de diñeiro e aprovisionamentos. A pesar das crises económicas dos séculos III e IV, o Imperio seguiu sendo un territorio moi rico, e o saqueo das provincias a través do Danubio era común, supostamente para reclamar pagos máis altos, mais tamén para participar nas loitas polo poder imperial. Isto aconteceu no ano 365, cando apoiaron o usurpador Procopio (326-366) por ser parente de Constantino, aínda que é máis probable que pensasen que, se gañaba, sería xeneroso con eles.
Ese apoio a Procopio foi denunciado por Valente, o novo emperador, como a ruptura do tratado asinado no 332 con Constantino polo que levou a cabo, entre 366 e 369, un feixe de campañas de castigo contra os tervingos e tamén contra os grutungos pero sen quedar moi claro se o resultado foi moi escaso en vitorias ou se conseguira inflixirlles unha grave derrota militar. Finalmente, chegouse a un tratado no 369 asinado en medio do Danubio, que remprazaba ao do 332, polo que os romanos deixaban de lles fornecer de subsidios e alimentos e os tervingos de Atanarico se comprometían a permanecer na outra beira do Danubio e non penetrar no Imperio O tratado supuña a incapacidade de Valente para solucionar o problema pero tamén conseguía para atender o novo problema dos sasánidas en Armenia.
Presión dos hunos miniatura|Atanarico e Valente no Danubio, asinando o tratado de paz no 369. (Xilografía, segundo un debuxo). Ao ano seguinte, os godos atopáronse enfrontándose a un inimigo que non agardaban: os hunos. As fontes antigas atribúenlle a este pobo asiático os movementos cara ao Oeste dos pobos que empurraban nas fronteiras do Imperio romano a partir do século IV. Derrotaron rotundamente aos alanos do Volga e estendeuse rapidamente polas estepas da Rusia moderna, enfrontándose aos grutungos (ostrogodos) no ano 370 que tamén foron derrotados, perdendo a dous caudillos, e obrigados a servir no seu exército xunto a outros pobos xermánicos. As noticias que espallaron os refuxiados grutungos (ostrogodos) animaron aos seus irmáns occidentais, os tervingos, á guerra, pero cando os hunos cruzaron o Dniéster para enfrontarse a eles no ano 376 e, malia a forte resistencia ofrecida por Atanarico, os godos occidentais tamén foron derrotados.
Os hunos formaron varios grupos que obedeceron a diferentes líderes. Estas guerras deben interpretarse como un aumento no número e na escala das incursións en lugar dunha invasión organizada. Amiano afirma, e Heather defende esta hipótese, que foi a presión anterior dos hunos a que provoca que, no verán do 376, os tervingos xunto cunha masa de grutungos, que tamén fuxían deles, se puxesen en marcha.
A diferenza dos seus irmáns orientais, os tervingos tiveron a oportunidade de fuxir e aproveitárona, pedindo auxilio aos romanos para cruzaren o Danubio e se estableceren na provincia de Moesia, nas actuais Bulgaria e Serbia. Os romanos non rexeitaron a proposta, posto que lles conviña empregalos para defende-los Balcáns dunha previsible futura invasión dos hunos.
Relacións romanos-xermanos Estímase que as diversas confederacións tribais xermánicas sumaban entre tres e tres millóns e medio de persoas, o que equivalía ao 5 ou 6 % da poboación imperial, pero o seu constante crecemento obrigounos a competir cada vez máis polos limitados recursos dos territorios anteriormente ocupados por eles, facendo inevitable que intentasen establecérense no interior do rico territorio romano, xa fose pacifica ou violentamente.
Estes grupos, en ocasións, estaban violentamente enfrontados entre si polo que, as súas incursións, considerábanse "ataques locais por forzas limitadas", aínda que desde unha perspectiva histórica, a longo prazo, semellasen ser unha única migración, mais non o eran e aparecen en bandas ou continxentes sucesivos.
Por outra banda, estas masas humanas son difíciles de estimar numericamente porque a miúdo estaban formadas por varias tribos que se uniran e se separaran durante a migración. Neste caso, a partir do 376, houberon unhas campañas conxuntas de tervingos e grutungos que levaron a unha unidade de acción que se desfaría trala batalla de Adrianópole para recuperarse, de novo, no inverno do 379-380. Tamén se lles uniron continxentes de alanos, hunos e mesmo romanos, como escravos fuxitivos, desertores e buscadores de ouro. O gran tamaño destas tribos significaba que os grandes enfrontamentos entre xermanos e romanos raramente implicaban a máis de 20.000 combatentes.miniatura|Sólido coa efixie do emperador Valente.Dende a época de Constantino I o Grande e as posteriores guerras civís levaron á deforestación e ao despoboamento do limes polo que a mediados do século IV, era común que os emperadores permitisen a colonización de territorios fronteirizos por parte de pobos xermánicos para garantir a súa defensa: francos, alamanos e saxóns no Rin, e cuados, godos e sármatas no Danubio. Estes pobos buscaban terras para cultivar e, a cambio, defender unha zona fronteiriza escasamente poboada onde as poucas lexións e mercenarios francos resultasen insuficientes contra as invasións previas dos godos e outros pobos bárbaros. Os godos asentáronse en Moesia de forma practicamente independente, só suxeitos ao pago de certos impostos e ao servizo no exército cando era necesario, e por esta razón comezaron a recibir novas armas e adestramento nas tácticas romanas de guerra.
A difícil convivencia Mentres Atanarico marchou cara aos Cárpatos (do gótico, Caucaland) cunha parte minoritaria dos tervingos, a maior parte baixo o mando de Alavivo (do gótico, Alavivus) e de Fritixerno (do gótico, Frithugarnis, conseguiron permiso de Valente para se estableceren en Tracia como foederati. O establecemento dos tervingos foi visto por amplos sectores do mundo romano como a entrada dunha entidade autónoma, pagá e posiblemente violenta. Non obstante, Valente cría que os godos adoptarían rapidamente os costumes do Imperio e que, atrapados entre as lexións e os hunos, non se atreverían a rebelárense. Para facilitar a asimilación, o emperador ordenou aos godos que se convertesen ao cristianismo e entregasen as súas armas para entrar no imperio. Os bárbaros fixérono, aínda que o seu desarme nunca foi completo e a súa conversión ao cristianismo, o foi ao arianismo, unha forma de cristianismo considerada herética pola Igrexa. Pola súa banda, Valente necesitaba recrutas para a súa guerra contra o Imperio sasánida que viña de ocupar Armenia.
Pouco despois dos tervingos, chegaron os grutungos liderados por Alateo e Sáfrax, e os taifalos fixeran o mesmo, liderados polo optimatus Farnobio. Todos eles pediron asilo mais foron rexeitados polos oficiais imperiais, cuxa capacidade militar xa era superada pola dos tervingos e, sen dúbida, estaban aterrorizados pola chegada destes novos continxentes. As diferenzas de trato, rematou por desfacer a unión dos diferentes grupos. Por unha banda, Atanarico regresou aos Cárpatos, montañas que serviran de refuxio aos godos trala súa derrota fronte os hunos, ata que foi deposto no 381 por unha conspiración patrocinada por Fritixerno para gañar o apoio dos seus seguidores e morreu pouco despois. Por outra, os grutungos comezaron a cruzar a fronteira sen permiso, buscando unirse aos tervingos, o que provocou unha seria preocupación entre os romanos.
Os problemas comezaron porque os Balcáns, unha rexión relativamente pobre, sufrían unha corrupción endémica por parte dos funcionarios imperiais ansiosos por mellorar as súas fortunas persoais. Ademais, as feridas do recente conflito aínda estaban frescas, polo que non era de estrañar que o dux Máximo, comandante das tropas fronteirizas, e o comes Lupicino, gobernador e recadador de impostos de Moesia, abusasen dos refuxiados necesitados, tanto que se di que foron capaces de obrigalos a vender os seus fillos como escravos para obter cans para a súa comida. As autoridades estaban desbordadas pois, mentres anteriormente, os asentamentos dos pobos bárbaros raramente superaban as dez mil persoas, desta volta había moitas máis das que podían manexar. Tamén había outra diferenza fundamental: os godos non foran derrotados militarmente polos romanos, a diferenza doutros pobos que obtiveran un permiso semellante e, neses intres, os godos estaban a piques de se rebelaren, pero os romanos non tiñan forzas na rexión para detelos.
Intento de asasinato