Venera 2 foi unha sonda espacial da Unión Soviética lanzada o 12 de novembro de 1965 mediante un foguete Molniya M desde o cosmódromo de Baikonur para a exploración de Venus.
Características Venera 2 era unha sonda de tipo 3MV-4 (como as sondas marcianas Zond 2 e Zond 3) e tiña unha masa duns 963 kg. Orixinalmente este tipo de sonda estaba pensada para estudar Marte, pero foi reconfigurada para explorar Venus. A estrutura da sonda estaba composta polo bus e o módulo de sobrevoo, con forma de esfera presurizada de 60 cm de diámetro e que contiña un sistema de imaxe e tres espectrómetros, entre outros instrumentos tamén repartidos polo bus. O bus tiña forma aproximadamente cilíndrica cuns 1,1 m de diámetro e 3,3 m de longo, cun tronco de cono nun dos extremos. Dous paneis solares cunha superficie total de 2,6 m2 e 4,4 m de envergadura proporcionaban a alimentación eléctrica, que se almacenaba en baterías de níquel-cadmio. O motor principal da sonda era un KDU-414 con 2 kN de impulso. As comunicacións tiñan lugar medianta unha antena parabólica de 1,7 m de diámetro e en tres posibles frecuencias: 6000, 3750 e 922,776 MHz. A sonda tiña tamén dúas antenas de baixa ganancia polas que recibía os comandos desde terra, a 768,96 MHz. Os datos podíanse gardar nunha cinta magnética a bordo. O control de actitude conseguíase mediante propulsores de gas frío e xiroscopios, usando sensores solares, terrestres e estelares para situarse no espazo. O control térmico conseguíase mediante un circuíto de refrixeración doble usando líquido e gas que usaba dúas semiesferas nos extremos dos paneis solares como radiadores.
Instrumentos Venera 2 levaba os seguintes instrumentos no bus:
Espectrómetros para a liña Lyman alfa do hidróxeno e o oxíxeno atómicos. Un magnetómetro triaxial de porta de fluxo. Un detector de micrometeoritos. trampas de ións fixas e moduladas. Un detector de ondas de radio de entre 20 e 2200 kHz. Un detector de ondas de radio na banda decimétrica. Detectores de descarga de gas e estado sólido.
No módulo de sobrevoo levaba os seguintes:
Unha cámara cunha lente de 200 mm de distancia focal. Un espectrómetro para lonxitudes de onda entre 6 e 40 μm. Un espectrómetro para lonxitudes de onda entre 190 e 275 nm. Un espectrógrafo para lonxitudes de onda entre 285 e 355 nm.
Desenvolvemento da misión A Venera 2 engalou o 12 de novembro de 1965 a bordo dun foguete Molniya xunto cunha plataforma de lanzamento orbital coa que quedou nunha órbita terrestre. A etapa propulsora acendeuse máis tarde, poñendo a Venera 2 en camiño cara Venus coa precisión suficiente para non necesitar manobras de corrección de traxectoria. A nave pasou a 24 000 km de Venus o 27 de febreiro para logo entrar nunha órbita heliocéntrica, aínda que durante o achegamento ao planeta o sobrequecemento empezou a producir problemas no equipo de comunicacións. Durante a viaxe tiveron lugar 26 sesións de comunicacións, pero tras o encontro con Venus a sonda non respondeu aos comandos enviados desde a Terra para descargar os datos do sobrevoo.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Molniya (foguete) Programa Venera Venera 1 Venera 3 Venera 4 Venera 5 Venera 6 Venera 7 Venera 8 Venera 9 Venera 10 Venera 11 Venera 12 Venera 13 Venera 14 Venera 15 Venera 16 Venera-D KDU-414 Zond 2 Zond 3
Categoría:Programa Venera