A madureza ou madurez sexual é a capacidade dun organismo para reproducirse. A maioría dos organismos multicelulares non son quen de reproducirse sexualmente logo do nacemento (animais) ou xerminación (plantas): dependendo na especie, pode tardar días, semanas ou anos até que se desenvolven abondo para ser quen de facer tal; ademais, certos sinais poden desencadear a madurez sexual dun organismo. Estes poden ser externos, como a seca, ou o lume, que provoca a madureza sexual de certas plantas, ou internos, como a porcentaxe de graxa do corpo (certos animais). Os sinais internos non se deben confundir coas hormonas, os sinais químicos que inician os procesos celulares que conducen á madureza sexual, mais a produción e secreción de hormonas é desencadeada por tales sinais. Nalgunhas especies, os machos inmaturos poden atrasar a madureza sexual en presenza doutro macho sexualmente maduro, como no galo macho, debido ao combate intenso, a miúdo letal, que levan a cabo os machos maduros. A abella femia só chega á madureza sexual se se lle dá unha substancia especial ("xelea real") durante a fase larvaria.
Nos humanos, a madurez sexual está relacionada tanto coa puberdade como coa idade adulta. A puberdade é o proceso biolóxico de madureza sexual, mentres que a «idade adulta», a condición de ser recoñecido socialmente como unha persoa independente quen de dar o seu consentimento e asumir responsabilidades, xeralmente implica a madureza sexual (a pesar de certos trastornos do desenvolvemento sexual), pero depende doutros criterios, definidos por expectativas culturais específicas.
Notas
Categoría:Sexualidade Categoría:Reprodución