Feminismo socialista é un libro da pensadora e escritora valenciana María Cambrils, publicado orixinalmente en 1925. Foi prologado por Clara Campoamor.

Contexto A obra reúne unha serie de artigos publicados pola autora na revista El Socialista de Madrid, da que era colaboradora habitual. Os beneficios recadados polo libro foron destinados a financiar a devandita publicación.

O pensamento de Cambrils foi influenciado polas súas lecturas de autores como Karl Marx, Clara Campoamor, Alexandra Kollontai ou Pablo Iglesias, entre moitos outros. Porén, sobresae a pegada de August Bebel, un dos pioneiros do feminismo socialista.

Contidos Necesidade e defensa do feminismo No texto, Cambrils expón a situación de desigualdade das mulleres respecto dos homes, e propón que a única solución é a constitución dunha sociedade socialista na que todos os individuos coexistan sen distinción. Porén, critica a moitos dos seu compañeiros socialistas e do PSOE por querer postergar calquera traballo de educación ou conquista de dereitos para as mulleres. Tamén realiza unha defensa das posicións feministas ante os múltiples ataques que recibía, tanto dende posicións conservadoras como de esquerda.

Falsos feminismos Cambrils ataca o que ela considera formas de falso feminismo. Por unha banda, o "feminismo confesional", unha intromisión da Igrexa nos movementos de mulleres co único obxectivo de gañar votos tras a obtención do sufraxio feminino. Pola outra banda, está o "feminismo aristocrático", que Cambrils identifica co sufraxismo das mulleres de clase alta. Segundo a autora, estas só procuran gañar beneficios socio-políticos para elas mesmas, sen importarlles as desgrazas que padecen as mulleres de clase traballadora. Trátase, pois, dun feminismo sen conciencia de clase.

Familia, divorcio e amor libre Nas derradeiras seccións, tócanse temas específicos, como a familia, os matrimonios de conveniencia, o divorcio ou o amor libre. Vítima ela mesma dun matrimonio forzado, denuncia as condicións de violencia ou malestar psicolóxico que se derivan de matrimonios "mal avindos". Xa que logo, esixe a promulgación do dereito universal e igualitario ao divorcio, oposto en España pola Igrexa católica. Así mesmo, propón a adopción do amor libre, non entendido como poliamor, senón como a libre unión (e separación) entre dous individuos que se aman sen a interacción de mecanismos administrativos ou institucionais.

Recepción A obra foi ben recibida nos círculos socialistas da época, sendo eloxiada polo propio fundador do Partido Socialista, Pablo Iglesias. Porén, tras o pasamento de Cambrils en 1939 e a instauración do franquismo, Feminismo socialista e a súa autora caeron no esquecemento.

Coa chegada da democracia, houbo diversos movementos para recuperar a súa figura, incluíndo a reedición dos seus textos.

Edicións 1925: Feminismo socialista. Imprenta Las Artes. 1992: Feminismo socialista. Asociación Clara Campoamor de Bilbao. 2015: María Cambrils: el despertar del feminismo socialista (biografía, textos y contextos). Edición de Ana Aguado, Joan Miquel Almela e Rosa Solbes 2020: Feminismo socialista. Editorial Pablo Iglesias.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Outros artigos August Bebel Clara Campoamor Feminismo socialista María Cambrils

Ligazóns externas Cambrils, María (Autores da BNE)

Categoría:Obras feministas escritas Categoría:Ensaios en castelán Categoría:Filosofía feminista Categoría:Feminismo en España