Sophie Henriette Gertrud Taeuber-Arp, nada en Davos o 19 de xaneiro de 1889 e finada en Zürich o 13 de xaneiro de 1943, foi unha artista, pintora, escultora, deseñadora téxtil, deseñadora de mobiliario e de interiores, arquitecta e bailarina suíza.

Nada en 1889 en Davos e criada en Trogen, estudou nunha escola técnica en Sankt Gallen e en escolas de arte en Alemaña, antes de volver a Suíza durante a primeira guerra mundial. Nunha exposición en 1915 coñeceu o artista franco-alemán Hans Arp, con quen casou pouco despois. Durante eses anos vinculáronse co movemento dada, o cal xurdiu en 1916. A maioría das obras famosas de Taeuber-Arp, como Tête Dada (1920), datan deses anos. Mudáronse a Francia en 1926, onde ficaron até a invasión de Francia durante a segunda guerra mundial, cando volveron a Suíza. Morreu en 1943 nun accidente por unha fuga de gas na cociña.

Malia ser ignorada tras a súa morte, é considerada unha das artistas máis importantes da arte concreta e da abstracción xeométrica do século XX.

Primeiros anos Nada en Davos, foi a quinta filla do farmacéutico prusiano Emil Taeuber e de Sophie Taeuber-Krüsi, natural do cantón de Appenzell Exterior. Os pais rexentaron unha farmacia en Davos até a morte do pai por tuberculose cando Sophie tiña dous anos. A familia mudouse entón a Trogen, onde a nai abriu unha pensión e lle ensinou a Sophie a coser.

Sophie estudou deseño téxtil en Sankt Gallen entre 1906 e 1910. Máis tarde foi á escola de Wilhelm von Debschitzen Múnic, onde estudou en 1911 e en 1913. En 1912 estudou durante un ano na Kunstgewerbeschule de Hamburgo. En 1914, debido á primeira guerra mundial, regresou a Suíza. Uniuse á Schweizerischer Werkbund en 1915. O mesmo ano asistiu á Escola de Danza Laban en Zürich e ese verán uniuse á colonia de artistas de Monte Verita en Ascona. En 1917 bailou con Suzanne Perrottet, Mary Wigman e outros no Festival de Sol que organizou Laban en Ascona. Desde 1916 a 1929 Taeuber foi mestra na Kunstgewerbeschule en Zürich, onde ensinou bordado e deu clases de deseño.

Dada miniatura|Composición oval con Motivos Abstractos (1922) miniatura|Composición (1931) miniatura|Grasse (1940) miniatura|Taeuber-Arp no billete de 50 francos suízos En 1915, nunha exposición na Galería Tanner, coñeceu o artista dadaísta Jean Arp, quen se mudara a Zürich ese ano para evitar ser recrutado polo exército alemán durante a Primeira Guerra Mundial. Realizaron numerosos proxectos conxuntos até a morte deste en 1943. Casaron en 1922 e ela mudou o seu apelido a Taeuber-Arp.

Taeuber-Arp ensinou artes téxtiles no Kunstgewerbeschule Zürich de 1916 a 1929. As súas obras téxtiles e gráficas dende aproximadamente 1916 e da década de 1920 forman parte do construtivismo inicial, xunto coas de Pieter Mondrian e Kasimir Malevich. Esas sofisticadas abstraccións xeométricas reflicten un punto de vista sutil da interacción entre cor e forma.

Durante este período formou parte do dadaísmo, o cal tivo o seu centro no Cabaret Voltaire de Zürich. Participou en actuacións de inspiración Dada como bailarina, coreógrafa e monicrequeira. Así mesmo, deseñou monicreques e traxes para actuacións do Cabaret Voltaire e para outros teatros suízos e franceses. Na apertura da Galeria Dada en 1917 bailou durante un recital de poesía levado a cabo por Hugo Ball mentres levaba posta unha máscara chamánica deseñada por Marcel Janco. Un ano máis tarde foi unha das asinantes do manifesto Dada. Tanto coma bailarina como coma pintora, Taeuber foi quen de incorporar o dadaísmo no seu movemento e na danza e foi descrito como escuro e estraño.

Tamén realizou numerosas obras escultóricas, como a serie abstracta «Cabezas Dada» de madeira policromada. Cun enxeñoso parecido cos pequenos soportes amplamente usados na confección de sombreiros, representaban unha elegante síntese das artes plásticas e as aplicadas.

Taeuber-Arp foi tamén contemporánea e amiga próxima do poeta de vangarda, ensaísta, e artista franco-romanés Tristan Tzara, unha das figuras centrais do dadaísmo. En 1920 Tzara captou máis de catro ducias de artistas dadaistas, entre quen estaban Taeuber-Arp, Hans Arp, Jean Cocteau, Marcel Duchamp e Hannah Höch. Tzara planeaba utilizar textos e imaxes para crear unha antoloxía de obras dadaístas titulada Dadaglobe. Planeaba un lanzamento de 10.000 copias a nivel mundial, mais o proxecto foi abandonado cando o seu principal apoio financeiro, Francis Picabia, se distanciou de Tzara en 1921.

O xornal The Guardian cualificouna como unha «artista radical que trouxo alegría ao dadaísmo». Aínda que o movemento foi descrito como unha forma inicial de cultura pop subversive, mesmo comparada por algunhas fontes co movemento punk, a crítica consideraba que a obra de Taeuber non reflectía anoxo. Considerábaa que eran «abstraccións alegres» creadas como parte dun movemento clasificado como revolucionario pola súa influencia, que desafiaba as convencións artísticas por «xogar con bloques e borranchos de cor, movéndoos de xeito aleatorio e deixando que os patróns aparezan de xeito casual, nunha sorte de jazz visual».

Francia miniatura|Catro espazos con círculos vermellos (1932) gouache en papel miniatura|Relevo en tres niveis (1937 ou 1938) En 1926 Taeuber-Arp e Hans Arp mudáronse a Estrasburgo onde ambos adquiriron a nacionalidade francesa. Dende entón viviron entre Estrasburgo e París. Alí Taeuber-Arp recibiu numerosos encargos de proxectos de deseño de interior. Un deles foi crear un interior de estilo construtivista para o Café de l'Aubette, un proxecto ao que se lle uniron como colaboradores Hans Arp e Theo van Doesburg. En 1927 Sophie coescribiu con Blanche Gauchat un manual para o seu alumnado de artes de Zürich.

Dende finais da década de 1920 Sophie e Hans viviron principalmente en París e continuaron a experimentar co deseño. A parella obtivo a cidadanía francesa en 1926 e en 1928 mudáronse a Meudon, nas aforas de París, onde deseñaron a súa casa e algúns dos mobles. A súa casa foi un punto de encontro de artistas e escritores como Nelly van Doesburg, Max Ernst, James Joyce e Méret Oppenheim, entre moitos outros.

Na década de 1930 era membro do grupo Cercle et Carré, fundado por Michel Seuphor e Joaquín Torres García, como adaíl da arte non figurativa, e do sucesor deste, o grupo Abstraction-Création (1931–1934). Taeuber-Arp tamén ilustrou a cuberta do número de febreiro de 1933 de transition, a revista de vangarda de Eugene Jolas.

Sophie Taeuber-Arp explorou o círculo que representou a metáfora cósmica, a forma que contén todo outros. Referiu a este período como “ping imaxes”.

É considerada a primeira artista en utilizar lunares na arte, en obras como Círculos Dinámicos (1934), seguindo o modelo de Kasimir Malevich e o seu Círculo Negro (1915).

Esa mesma década fundou a revista construtivista Plastique en París. O seu círculo de amigos incluía os artistas Sonia Delaunay, Robert Delaunay, Wassily Kandinsky, Joan Miró e Marcel Duchamp. Foi tamén membro de Allianz, un grupo de pintores suízos, entre 1937 e 1943. En 1940 Sophie e Hans fuxiron da ocupación nazi de París e mudáronse a Grasse, na Francia de Vichy. Alí crearon unha colonia de artistas con Sonia Delaunay, Alberto Magnelli e outros. A finais de 1942 fuxiron a Suíza.

Morte e legado Unha noite a principios de 1943 Sophie perdeu o último tranvía de volta á casa e durmiu nunha casa de verán cuberta de neve. Morreu alí por unha intoxicación accidental de monóxido de carbono causada por unha estufa mal empregada na casa de Max Bill.

En 2014, a exposición de arte e danza Danser sa vie no Centro Georges Pompidou (París) incluía unha fotografía de Taeuber-Arp bailando cunha máscara e un disfrace no Cabaret Voltaire en 1916.

Taeuber-Arp foi a única muller que apareceu na oitava serie de billetes suízos. O seu retrato apareceu no billete de 50 francos entre 1995 e 2016.

En 2007 inaugurouse un museo na honra de Sophie Taeuber-Arp e Hans Arp nunha sección da estación de tren de Rolandseck (Alemaña), deseñado por Richard Meier.

O 19 de xaneiro de 2016 Google creou un Doodle para conmemorar o 127º aniversario do nacemento de Taeuber-Arp. O deseño foi feito por Mark Holmes.

Galería

Notas

Categoría:Escultores do século XX Categoría:Dadaísmo Categoría:Escultores de Suíza Categoría:Finados en 1943 Categoría:Nados en 1889 Categoría:Pintores de Suíza