Bel Ami é unha novela realista do escritor francés Guy de Maupassant, publicada en 1885. A acción do relato desenvólvese en París durante a Terceira República Francesa.

A novela reconstrúe a ascensión de Georges Duroy, un home ambicioso, manipulador e sedutor sen escrúpulos, arribista e oportunista, empregado na oficina dos Ferrocarrís do Norte e que consegue ascender até o cumio da pirámide social parisiense. Sobre o pano de fondo da expansión colonial, Maupassant describe as estreitas relacións entre o capitalismo, a política e a prensa, así como a influencia das mulleres, desposuídas de vida política e que actúan na sombra educando e asesorando.

A obra preséntase como unha pequena monografía satírica da prensa parisiense, na medida en que Maupassant comunica de maneira implícita a súa experiencia como reporteiro.

A novela aparece inicialmente en forma de folletín no diario Gil Blas, antes de ser publicada en volume pola editorial Victor Havard. As edicións Ollendorff lanzaron a primeira edición ilustrada en 1895. Bel-Ami é unha das obras narrativas que máis teñen cativado a guionistas e cineastas internacionais.

Lista de personaxes

Georges Duroy (Du Roy), antigo soldado, xornalista e arribista social. Charles Forestier, antigo compañeiro de armas de Duroy, xornalista. Madeleine Forestier (Du Roy), esposa de Charles e máis tarde de Georges, que axuda os seus maridos a redactar os artigos e conta con numerosas conexións entre os poderosos. Monsieur Laroche-Mathieu, amigo de Madeleine Forestier, deputado e posteriormente ministro, que debe o seu cargo e repentina riqueza a La Vie Française; amante de Madeleine Forestier. Conde de Vaudrec, vello amigo e protector —e probablemente tamén amante ou pai descoñecido— de Madeleine Forestier (Du Roy). Clotilde de Marelle, amiga dos Forestier; o seu marido pasa longas tempadas fóra. Principal amante de Duroy. Laurine de Marelle, a súa filla pequena, que inventa o alcume Bel Ami. Jacques Rival, xornalista. Norbert de Varenne, poeta vello, solteiro e desencantado, integrante da redacción de La Vie Française. Monsieur Walter, propietario e director de La Vie Française. Virgine Walter, a súa esposa, máis tarde amante de Duroy. Suzanne Walter, a súa filla casadeira, posteriormente Madame Du Roy. Rachel, prostituta á que Georges recorre nos momentos de crise económica.

Categoría:Obras literarias de 1885 Categoría:Novelas en francés