Ramón Casal Casais, coñecido como Moncho Casal, nado na Coruña en 1940 e finado en Orihuela en 2014, foi un boxeador galego, que gañou o título de campión de España do peso galo en 1963.

Traxectoria Naceu en 1940 no barrio coruñés de Monte Alto, no seo dunha familia humilde. Comezou a practicar boxeo no Centro Cultural e Deportivo Santa Lucía e chegou a proclamarse subcampión de España de afeccionados. Con 20 anos deu o salto ao profesionalismo, pasando a ter como adestrador a José Luis Vidal, quen xa levara ata o título de campión de España ao tamén coruñés Juan Francisco Beltrán.

Debutou como profesional en agosto de 1960, nun combate na praza de touros da Coruña no que derrotou ao púxil ourensán Ricardo Iglesias. Despois de máis de 30 combates, en 1963 pelexou en Barcelona polo título de campión de España do peso lixeiro, enfrontándose ao vixente campión, José Bisbal, futuro pai do célebre cantante David Bisbal. A vitoria foi para Casal, que venceu aos puntos. En febreiro de 1964 derrotou en París ao alxeriano Alphonse Halimi, que fora campión do mundo e de Europa poucos anos antes.

Perdeu o cinto de campión de España en maio de 1964, ante Félix Alonso en Madrid, recuperándoo pouco despois ante o mesmo rival nun combate en Carballo. Perdeuno definitivamente en outubro de 1964, contra José Arranz. Disputou o seu derradeiro combate en 1969 e pasou os últimos anos da súa vida en Orihuela, onde morreu en 2014.

Notas

Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1940 Categoría:Boxeadores de Galicia Categoría:Boxeadores de peso galo Categoría:Finados en 2014