Os datos escuros son datos adquiridos mediante operacións sobre redes informáticas, mais que non se utilizan para comprender algo ou tomar decisións. O volume de datos recollido por unha organización pode exceder a súa capacidade para analizalos. Nalgúns casos, a entidade pode non ser sequera consciente de que eses datos están a recadarse. Segundo estimacións de IBM, arredor do 90% dos datos xerados por sensores e conversións entre analóxico e dixital nunca se usan. En contextos industriais, os datos escuros poden incluír información tomada por sensores e sistemas telemáticos.
As organizacións reteñen datos escuros por moitas razóns. Estímase que a meirande parte das empresas só están a analizar o 1% dos seus datos, o que adoita suceder por cumprimento de lexislacións ou por motivos arquivísticos. Algunhas entidades cren que os datos escuros poderían ser útiles nun futuro, cando melloren as súas tecnoloxías de procesamento e análise da información. O propio almacenamento de datos é barato e sinxelo; porén, mantelos seguros supón gastos e riscos moi superiores ós potenciais beneficios.
Na literatura académica, o concepto de datos escuros foi cuñado por Bryan P. Heidorn, quen o usou para describir datos de investigación que xa non están dispoñibles para a súa consulta ou que nunca o estiveron, debido á mala praxe na xestión de datos. Isto acostuma a suceder especialmente en proxectos de investigación pequenos, con poucos recursos. Tamén se producen datos escuros por outras causas, como a ausencia de metadatos, a inexistencia dun plan de xestión de datos ou a falta de especialistas para a súa conservación.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Bases de datos