Vladimir Yakovlevich Propp (en ruso: Владимир Яковлевич Пропп; nado o 29 de abril de 1895 e finado o 22 de agosto de 1970) foi un folclorista e erudito ruso e soviético que analizou os elementos estruturais básicos dos contos populares rusos para identificar as súas unidades estruturais máis simples e irredutibles.
Biografía Vladimir Propp naceu o 29 de abril de 1895 en San Petersburgo nunha familia rusa asimilada, de ascendencia alemá. Os seus pais, Yakov Philippovich Propp e Anna-Elizaveta Fridrikhovna Propp (de solteira Beisel), eran ricos campesiños alemáns do Volga da provincia de Saratov. Estudou na Universidade de San Petersburgo (1913–1918), onde se especializou en filoloxía rusa e alemá. Ao graduarse, ensinou ruso e alemán nun instituto e despois converteuse en profesor universitario de alemán.
A súa Morfologija skazki ("Morfoloxía do conto popular") publicouse en ruso en 1928. Aínda que representou un avance tanto na folclorística como na morfoloxía e influíu en Claude Lévi-Strauss e Roland Barthes, pasou desapercibida en Occidente ata a súa tradución en 1958. A súa morfoloxía utilízase na educación dos medios e aplicouse á narrativa na literatura, o teatro, o cinema, as series de televisión e os videoxogos; porén, Propp aplicouna especificamente aos contos marabillosos (ou conto de fadas).
En 1932, Propp converteuse en membro do profesorado da Universidade de Leningrado (anteriormente Universidade de San Petersburgo). Despois de 1938, dirixiu o Departamento de Folclore ata que se incorporou ao Departamento de Literatura Rusa. Propp permaneceu como membro do profesorado ata a súa morte en 1970.
Estrutura narrativa Vladimir Propp estendeu o enfoque do formalismo ruso ao estudo da estrutura narrativa: o enfoque inicial consistía en descompoñer as estruturas oracionais nunha serie de elementos analizables chamados morfemas; por analoxía, Propp adoptou este método na análise dos contos populares rusos (skazka). Ao descompoñer un gran número de contos populares en unidades narrativas máis pequenas, chamados mitema, Propp puido extraer delas unha tipoloxía máis ou menos fixa de estrutura narrativa (o esquema de Propp). Demostrou que toda fábula se sustenta nunha estrutura monotípica, sempre a mesma, baseada nunha sucesión de funcións.
Propp identificou 31 funcións, que se definen como accións realizadas por personaxes que teñen consecuencias específicas no curso das accións posteriores. Non todas as funcións aparecen no mesmo conto, senón só algunhas, e mesmo poden aparecer en diferentes ordes. Cada personaxe tamén se pode clasificar segundo a función que realiza: heroe, axudante, doante, antagonista, falso heroe, princesa/rei e instigador. Xunto ás funcións hai outros elementos chamados variables, como os elementos de conexión das funcións, a triplicación, os modos de acción e as características dos personaxes. Propp conseguiu así refutar a heteroxeneidade dos contos de fadas e demostrar que cada conto de fadas non é máis que unha variante dos demais, independentemente da súa orixe cultural.
Críticas A perspectiva de Propp foi amplamente criticada porque decidiu eliminar todas as consideracións verbais da análise dos contos populares. Debido a que son orais, están estreitamente ligados a consideracións de ton, estado de ánimo, personaxes e todo o demais que diferencia un conto doutro. Un dos críticos máis importantes e famosos da teoría de Propp foi o coñecido estruturalista francés Claude Lévi-Strauss, quen na súa monografía sobre Propp (Structure and form: Reflections on a work by Vladimir Propp) afirmou a superioridade da teoría estruturalista sobre a do formalismo ruso empregado por Propp.
Por outra banda, os defensores da teoría da estrutura narrativa cren que este tipo de crítica é redundante e inútil, xa que a intención de Propp nunca foi revelar significados ocultos dentro dos contos que examinou (como é o caso do estruturalismo ou da análise psicanalítica), nin atopar elementos de diferenciación, senón sacar á luz os elementos estruturais fixos que constitúen a base das estruturas narrativas dos contos populares.Vladimir Propp, Theory and History of Folklore (Theory and History of Literature #5) por Vladimir Propp, Ariadna Y. Martin (tradutora), Richard P. Martin (tradutor), Anatoly Liberman
Notas
Véxase tamén Fontes Elena Sica, La fiaba, struttura e semantica: Propp e Lévi-Strauss, Salerno: Il Sapere, 1997
Ligazóns externas
Categoría:Nados en 1895 Categoría:Finados en 1970 Categoría:Antropólogos de Rusia Categoría:Lingüistas de Rusia Categoría:Escritores de Rusia Categoría:Etnógrafos e folcloristas Categoría:Lingüistas da Unión Soviética Categoría:Nados en San Petersburgo Categoría:Rusos de ascendencia alemá Categoría:Profesores da Universidade Estatal de San Petersburgo