Indortes foi un caudillo ou régulo ibero da segunda metade do século III a. C. Sucedeu a Istolacio ao mando da revolta turdetana e ibera contra os cartaxineses de Hamílcar Barca.

Traxectoria A raíz indu- parece de orixe ibérica e significa "o forte". Crese que era irmán de Istolacio, aínda que non con probas firmes. Dá conta dos seus feitos principalmente o historiador Diodoro Sículo, aínda que tamén Polibio, Cornelio Nepote, Xustino e Apiano.

Unha vez que o xeneral cartaxinés Hamílcar, desembarcado na antiga Gades (Cádiz) o 237 a. C., derrotou e crucificou a Istolacio, invadiu as terras dos lusitanos e dos vetóns e ao retornar ao sur atopou outro exército comandado por Indortes. Este encabezaba 50 000 milicianos das rexións próximas, segundo parece, aínda que o número podería ser esaxerado. Porén, probablemente cauteloso por mor da derrota do seu antecesor, Indortes non quixo confrontar a Haníbal directamente, senón que se retirou a un lugar elevado, dende o que agardaba obter a superioridade. Os cartaxineses rodeárono e entraron en batalla, e aínda que Indortes conseguiu facer escapar con vida a unha gran parte do exército, el mesmo foi capturado por Hamílcar, quen o fixo torturar, cegar e crucificar.

O cartaxinés, cruel cos xefes mais benigno cos guerreiros, deixou ir a todos os iberos capturados, que ascendían a uns 10 000, e persuadiu ás súas cidades a aliarse con el, usando as armas contra as que non accederon. Dese xeito alistou nas súas filas milleiros de guerreiros iberos. Dende entón a rebelión hispánica contra os cartaxineses pasou a ser acaudillada por Orisón, o cal obtivo a primeira vitoria contra Hamílcar.

Notas

Véxase tamén Bibliografía Antonio Alburquerque Pérez, Indortes e Istolacio, Orisón, Indíbil y Mandonio, 1988.

Categoría:Turdetanos Categoría:Nados no século -III Categoría:Finados no século -III Categoría:Executados por crucifixión