Indíbil, nado contra o ano 258 a. C. e finado en 205 a. C., foi un rei dos ilerxetes, un dos pobos iberos da Península Ibérica.
Traxectoria Aliado de Cartago até o 210 a. C., alzouse contra os romanos na batalla de Cissa no 218 a. C. onde Cneo Cornelio Escipión o venceu e expulsou dos seus territorios, obrigando aos ilerxetes a pagar impostos a Roma e entregar reféns. No 212 a. C., aliado de novo co xeneral cartaxinés Asdrúbal Barca venceu a Cneo na batalla de Cástulo, recuperando o trono e a autoridade do seu pobo. Convencido da necesidade de manter a independencia fronte a Roma e Cartago, seguiu un difícil xogo de alianzas militares na procura da protección do seu pobo e a conquista doutros pobos veciños, menos combativos. Consciente da importancia do territorio controlado polos ilerxetes no río Ebro como paso de Cartago cara a Roma e viceversa, mantivo fortes enfrontamentos con ambos.
No 217 a. C., Indíbil sostén esporádicos enfrontamentos coas tropas romanas e chega a unirse ás expedicións cartaxinesas que tratan de cruzar o Ebro, chegando a combater contra os vascóns, que na súa maioría apoian a Roma. Aínda que no 211 a. C., Roma conquista boa parte da península chegando até a actual Linares, na provincia de Xaén, os irmáns Cneo e Publio Cornelio Escipión ven perder boa parte das conquistas ao cambiar a política de alianzas dos iberos. A vitoria dos cartaxineses sobre os romanos lévanos no 210 a. C. a perder case todas as súas posesións e a encerrarse nos Pireneos. Indíbil pacta cos cartaxineses en troques de entregar substanciais cantidades de prata e de reféns, incluída a súa propia esposa.
No 209 a. C. pacta co xeneral romano Escipión o Africano (fillo do anteriormente nomeado) para enfrontarse a Asdrúbal co apoio dos edetanos, recibindo como recompensa a seguridade das fronteiras ilerxetes e a devolución de todos os reféns que Cartago tiña, pero debe quedar como rei vasalo. No 208 a. C. vólvese sublevar fronte a Roma polas dificultades para cumprir os seus compromisos de vasalaxe pero Indíbil volve ser capturado na batalla de Baecula (xunto ao actual Santo Tomé). Posto en liberdade, no 207 a. C., Indíbil formou unha grande alianza con outros pobos da península ibérica que se enfrontou a Roma, xunto ao xeneral cartaxinés Magón Barca. Abarcaba a práctica totalidade do val do Ebro até a desembocadura e norte da actual provincia de Castelló. Derrotado de novo por Escipión, debeu refuxiarse no seu territorio, agora máis reducido e enviar a Mandonio para que asinase a paz con Escipión o Africano. Non contento, visto que Roma domina xa toda a península, formou outra grande alianza na que encabezou a última gran sublevación,Tito Livio, Ab Vrbe Condita, libro XXVIII, 25-34) coa maioría dos pobos que ocupaban o nordés da península, e preto de 4.000 xinetes e 30.000 infantes, sendo derrotado e morto na batalla.
Discusión sobre o nome de Indíbil As fontes para coñecer a historia de Indíbil proceden fundamentalmente de autores romanos. Entre estes, Tito Livio emprega o nome Indíbilis; Polibio denomínao Andóbales. Outros utilizan o termo Indebilis. Os autores contemporáneos consideran que Ando- e Indo-, e o sufixo -beles son de orixe ibera, aínda que unha minoría considera que se trata dunha construción híbrida entre ibero e outras linguas indoeuropeas. Tamén se sostén a orixe celta e o seu nome en devandita lingua era Atabels ou Atabeles. Este nome aparece escrito nunha moeda de Ampudia e algúns autores cren que é a versión indíxena do nome Indíbil con que o coñeceron os romanos e que cita Polibio.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Hispania romana Ilerxetes Mandonio
Categoría:Ilerxetes Categoría:Mortos en combate Categoría:Finados en -205 Categoría:Nados no século -III