Maria Lynn Schneider, nada en Windom (Minnesota) o 27 de novembro de 1960 é unha compositora, arranxadora e directora de orquestra de jazz estadounidense. Está considerada unha das figuras máis importantes do jazz contemporáneo e foi fundamental na revitalización da música de big band no século XXI. Á fronte da súa orquestra de dezaoito músicos, desenvolveu un estilo propio que mistura o jazz, a música clásica e as tradición musicais de diferentes culturas, nun xénero que ela denomina «jazz de cámara». Ao longo da súa carreira acumulou sete premios Grammy, catorce nomeamentos, e foi finalista do Premio Pulitzer de Música en 2021.
A súa obra caracterízase por composicións programáticas de gran riqueza tímbrica, escritas especificamente para os músicos da súa orquestra e inspiradas en temas tan variados como a natureza, a infancia, as viaxes ou o impacto das tecnoloxías dixitais na sociedade. En 2003 converteu ArtistShare na primeira plataforma de financiamento colectivo da industria musical, cambiando para sempre o modelo de distribución discográfica independente.
Traxectoria
Primeiros anos Schneider naceu e medrou en Windom, unha pequena cidade do suroeste de Minnesota. O ambiente rural e comunitario desa infancia exercería unha influencia duradeira na súa obra: moitas das súas composicións máis celebradas evocan paisaxes, recordos e experiencias daquela etapa.
Comezou a estudar piano e teoría musical aos cinco anos cunha profesora local, Margaret Butler, que chegara a Windom dende Chicago e lle transmitiu tanto a paixón polo jazz como polo piano clásico e de stride. Aos oito anos escribiu a súa primeira composición. Tamén probou o clarinete na banda do colexio e o violín, pero pronto comprendeu que a súa vocación non era a interpretación senón a composición.
Un episodio decisivo produciuse cando o American Ballet Theatre visitou Mineápolis cunha representación do ballet Fancy Free, de Leonard Bernstein. Ao ver o espectáculo, Schneider tivo a certeza de que quería ser compositora. «Esperaba ser compositora dalgún tipo, pero non estaba segura de ter o talento. Mais aquela noite... lembro pensar: 'Deus mío, isto é o que quero facer'», declarou en DownBeat.
Formación académica Tras rematar o ensino secundario, Schneider ingresou na Universidade de Minnesota, onde estudou teoría musical e composición, graduándose en 1983. A continuación accedeu á Eastman School of Music de Rochester, Nova York, onde cursou un máster en composición e arranxo de jazz, estudando tamén un ano na Universidade de Miami. Obtivo o título de máster en 1985.
Carreira profesional
Con Bob Brookmeyer Tras licenciarse en Eastman, Schneider trasladouse a Nova York grazas a unha bolsa da National Endowment for the Arts para estudar composición co trombonista e arranxador de jazz Bob Brookmeyer, un dos seus mentores máis importantes. Esta relación, que se prolongou entre 1986 e 1991, permitiulle escribir para formacións de prestixio como a Thad Jones–Mel Lewis Orchestra e actuar no mítico club Village Vanguard de Greenwich Village.
Con Gil Evans Ao mesmo tempo, Schneider comezou a traballar para Gil Evans, un dos grandes nomes da historia do jazz como compositor, arranxador e director. Empregouse como copista e colaboradora ocasional en proxectos como a banda sonora da película The Color of the Money (1986), de Martin Scorsese, e a xira europea de Sting de 1987.
«Cando escoitei a música de Gil por primeira vez, sentín a paixón da música», dixo Schneider nunha entrevista de 1992 reproducida en DownBeat. «Decateime de que era a emoción que eu quería expresar na miña propia música». Evans converteuse nunha influencia fundamental, e Schneider traballou con el ata a súa morte en 1988.
A Maria Schneider Jazz Orquestra
Fundación e primeiros anos (1992-2002) En 1992 Schneider fundou a Maria Schneider Jazz Orchestra, unha formación de big band de dezaoito músicos afincada en Nova York. A orquestra actuou semanalmente durante cinco anos no club Visiones de Greenwich Village, entre 1993 e 1998, converténdose nun referente da escena jazz neoyorquina.
O seu primeiro álbum Evanescene (1994), publicado polo selo discográfico Enja Records, foi concibido en parte coma homenaxe ao seu mentor Gil Evans e foi nomeado ao Grammy. Con ese disco, Schneider comezou a desenvolver a súa linguaxe compositiva persoal: escribindo especificamente para cada músicos da orquestra, en lugar de crear arranxos xenéricos.
Ao longo dos anos noventa a orquestra gravou outros dous álbums para Enja: Coming About (1996) e o aclamado Allégresse (2000), cuxo tema principal fora encargado orixinalmente polo grupo de danza contemporánea Pilobolus Dance Theatre. Tamén publicou unha edición limitada de Days of Wine and Roses: Live at the Jazz Standard (2000), empaquetado cunha produción limitada dunha bodega alemá que bautizou un relising co seu nome.
ArtistShare e o éxito internacional (2003-2015) En 2003 Schneider tomou a decisión pioneira de abandonar os selos discográficos tradicionais e distribuír as súas gravacións exclusivamente a través de internet, asociándose con ArtistShare, a primeira plataforma de financiamento colectivo da industria musical.
O álbum resultante, Concert in the Garden (2004), converteuse nun fito da historia da música gravada: foi o "primeiro álbum de descarga dixital exclusiva en gañar un Grammy Award" e o "primeir álbum financiado colectivamente en recibir ese galardón". En 2019 foi seleccionado para o National Recording Registry pola Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos como obra de importancia cultural, histórica ou estética.
Sky Blue (2007) recibiu o Grammy á mellor composicón instrumental polo tema "Cerulean Skies", cuxa gravación incluíu sons de paxaros reais rexistrados polos propios músicos da orquestra.
En 2013 publicou Winter Morning Walks, un cliclo de cancións para soprano, orquestra de cámara e formacións de jazz, gravado coa soprano Dawn Upshaw e as orquestras de cámara de Saint Paul e Australia. O álbum recibiu tres Grammy: mellor composición clásica contemporánea, mellor interpretación clásica e mellor álbum clásico de enxeñaría de son.
En 2014 a orquestra colaborou con Davie Bowie na gravación do sinxelo "Sue (Or in a Season of Crime)". O arranxo de Schneider gañou o Grammy á mellor arranxo instrumental e vocal en 2016. Segundo a propia Schneider, Bowie animouna a explorar a parte máis escura da súa música: "Díxome que lle gustaba moito o meu material oscuro e quería que mergullanse nel na nosa colaboración. Eu empecei a redescubrir o pracer de escribir música escura".
The Thompson Fields (2015), nomeado en honra a un campo agrícola familiar preto de Windon, foi aclamado pola crítica e gañou o Grammy ao mellor álbum de grande orquestra de jazz.
Data Lords e o Pulitzer (2020-2021) Data Lords (2020) é o seu traballo máis ambicioso: un dobre álbum temático organizado en dúas partes, "The Digital World" e "The Natural Wolrd", que reflexiona sobre o impacto das grandes empresas tecnolóxicas, a perda de privacidade e a beleza do mundo natural. A apertura, "A World Lost", xurdiu dunha conversa cunha compañeira do colexio que lle contou que os mozos xa non saen a xogar á rúa senón que permanecen illados nos seus mundos electrónicos.
O álbum recibiu dous Grammy en 2021 (mellor grande orquestra de jazz e mellor composición instrumental por "Sputnik"), o Grand Prix de l'Académie du Jazz francés, o premio ao álbum do ano na enquisa de críticos da NPR e foi elixido álbum do ano na 69ª enquisa internacional de críticos de DownBeat. Ademais, foi "finalista do Premio Pulitzer de Música de 2021"; o xurado describiu o traballo como "unha envolvente paisaxe musical de luz e sombra, reflectindo a promesa dun paraíso dixital en contraste cunha concentración de poder e a perda de privacidade".
Actividade recente (2020-2026)
Elección á Academia Americana de Artes e Ciencias (2020) En 2020 Schneider foi elixida membro da Academia Americana de Artes e Ciencias, un dos recoñecementos máis prestixiosos dos Estados Unidos.
Grammy Awards e Pulitzer por Data Lords (2021) O álbum de Data Lords foi galardoado nos Grammy Awards de 2021 co premio á mellor grande orquestra de jazz e á mellor composición instrumental polo tema "Sputnik", converténdose no seu sexto Grammy. O mesmo ano, o álbum foi designado finalista de Premio Pulitzer da Música.
Ingreso na Academia Americana de Artes e Letras (2023) En 2023 foi admitida na Academia Americana de Artes e Letras xunto a outros dezanove membros. "Este recoñecemento increíble é moito para asimilar. É enormemente inspirador", declarou Schneider ao recibir a nova.
Concerto do 30º aniversario e Decades (2024) O 23 de novembro de 2024, a Maria Schneider Jazz Orquestra celebrou o seu 30º aniversario cun concerto no The Town Hall de Nova York. O evento coincidiu con lanzamento de Decades, unha caixa de tres LP con material remasterizado de toda a súa carreira.
American Crow (2026) En febreiro de 2026 publicou o EP American Crow (ArtistShare), presentado tamén como proxecto audiovisual titulado A Narrative in Notes and Frames. A obra foi encargada pola Universidade de Emory en 2022 e gravada en maio de 2025. Reflexiona sobre a polarización social e a deterioración do discurso público, o que Schneider denomina "unha crise de escoita". A crítica especializada recibiu o traballo con gran entusiasmo; DownBeat nomenou a Schneider Compositora e Arranxadora do ano.
Premio Rolf Schock de Artes Musicais (2026) En febreiro de 2026, Schneider foi galardoada co "Premio Rolf Schoch de Artes Musicais", outorgado pola Real Academia Sueca de Música en colaboración coas academias reais de Ciencias e de Belas Artes de Suecia. O galardón inclúe unha dotación de 600.000 coroas suecas.
Estilo e linguaxe compositiva A música de Schneider foi descrita polos críticos como "evocadora, maxestosa, maxicamente fermosa, imaxinativa, reveladora e máis alá de toda categorización". O seu estilo combina a improvisación do jazz, a complexidade armónica da música clásica do século XX, influencias do folclore latinoamericano e a tradición da Big Band norteamericana.
Entre as súas influencias declaradas figuran Gil Evans, Bob Brookmeyer, Duke Ellington, Béla Bartók e compositores do impresionismo europeo como Maurice Ravel. A natureza e a observación de paxaros son fontes recorrentes de inspiración: temas como "Cerulean Skies", "Waxwing", "Bird Count" ou "Arbiters Evolution" naceron directamente da súa paixón pola ornitoloxía.
Un dos trazos máis característicos do seu método é que compón para os músicos concretos da súa orquestra, adaptando cada liña ao estilo individual de cada intérprete. "Penso en determinados músicos mentres compoño", declarou.
Discografía
Álbums
Evanescene (1994, Enja Records) Coming Out (1996, Enja Records) Allégresse (2000, Enja Records) Days of Wine and Roses: Live at the Jazz Standard (2000, Enja Records) Concert in the Garden (2004, ArtistShare) Sky Blue (2007, ArtistShare) Winter Morning Walks (2013, ArtistShare) The Thompson Fields (2015, ArtistShare) Data Lords (2020, ArtistShare)
Outros lanzamentos
Sue (Or in a Season of Crime) (2014) Decades (2024) American Crow (EP) (2026)
Activismo e dereitos de autor Schneider é unha das voces máis activas na defensa dos dereitos dos músicos e do dereito de autor na era dixital. Testificou ante a Subcomisión de Congreso dos Estados Unidos sobre a Propiedade Intelectual, participou en mesas redondas da Oficina de Copyright dos Estados Unidos e escribiu artigos e informes sobre a economía dixital. É especialmente crítica con YouTube e cos modelos de streaming gratuítos, argumentando que non protexen adecuadamente os creadores independentes.