A Semana Santa en Celanova é un ciclo de actos conmemorativos da Paixón de Cristo que se levan a cabo no concello de Celanova, na provincia de Ourense, desde o Domingo de Ramos ata o Domingo de Resurrección. As actividades desenvólvense arredor do mosteiro de San Salvador.

Descrición

Domingo de Ramos O Domingo de Ramos procédese ao mediodía á bendición das palmas e dos ramos de oliveira e loureiro na praza do Millo, seguida dunha procesión e dunha misa.

Xoves Santo Na tarde do Xoves Santo celébrase a liturxia da Última Cea, co traslado do Santísimo ao Monumento, seguida dunha adoración. Ás once da noite ten lugar unha hora dedicada á mocidade, na que se realiza unha adoración nocturna diante do Santísimo, pechándose as portas da igrexa á medianoite.

Venres Santo

Escenificación do proceso político e relixioso de Xesús Ao mediodía ten lugar a escenificación do xuízo contra Xesús de Nazaret, un acto único deste tipo na provincia. O acontecemento consiste nunha representación teatral do proceso político e relixioso que afrontou Cristo. A obra está dividida en catro actos, nos que se escenifican a Última Cea, a oración no horto de Xetsemaní, a traizón de Xudas, a captura de Xesús, o seu xuízo e a súa crucifixión.

Os actores que participan nela son veciños da zona, pertencentes ao grupo de teatro Solpor, e a función lévase a cabo no interior da igrexa do mosteiro, fronte ao altar maior. A representación, dirixida por Alfredo Vázquez Dorado desde a súa primeira edición en 1992, adoita durar arredor de hora e media. Nela empréganse efectos sonoros, como o estrondo dun trono tras a morte de Xesús ou os golpes dun martelo cando está a ser cravado na cruz, e efectos visuais, como fume, choiva e sangue artificiais.

Este acto conta co apoio dos organizadores da Festa do Esquecemento de Xinzo e da Festa da Istoria de Ribadavia, que achegan traxes, espadas e armaduras para a recreación da Paixón, mentres que a iluminación corre a cargo da orquestra Nevada de Celanova.

Encravo e Desencravo Pola tarde ten lugar unha función litúrxica dividida en catro actos: lectura da Paixón, adoración da Cruz, comuñón e oración universal. A continuación celébranse o Encravo e o Desencravo cunha imaxe de Cristo articulada, dándose lectura ao sermón das Sete Palabras entre ambas as cerimonias. Tras o Desencravo, a talla é depositada nunha urna para a procesión do Santo Enterro.

Santo Enterro A procesión do Santo Enterro, acompañada pola banda de música municipal de Celanova, o grupo de tambores O Cristal e 150 confrades, consta dun total de cinco pasos. Todos eles son conducidos sobre plataformas con rodas, agás o paso de Cristo xacente, que é portado aos ombreiros e ao ritmo dos tambores:

Nome Autor Ano Comentario Imaxe Neno Xesús da Paixón A función deste paso é introducir os nenos na Semana Santa. Ecce Homo Escola de Castro Canseco. Século XVIII. miniatura|75px Crucifixión Francisco de Castro Canseco. Século XVII. Tras o paso desfila un grupo de tamborileiros disfrazados de soldados romanos. miniatura|75px Cristo xacente Escola de Castro Canseco. Séculos XVII ou XVIII. Custodiada dentro dunha urna e cuberta cunha tea translúcida, a imaxe caracterízase por posuír articulacións de «galleta». Dolorosa Escola de Castro Canseco. Séculos XVII ou XVIII. miniatura|75px

Cómpre salientar que a única confraría existente, a Confraría de San Rosendo, fundada en 2007, non se encarga dos actos da Semana Santa malia tomar parte na procesión. Desta ocúpase un grupo de confrades parroquiais desde aproximadamente 1990, logo da decisión de non crear confrarías vencelladas a imaxes por temor a que a Dolorosa acaparase a maioría de membros e as outras quedasen desatendidas.

Sábado Santo O Sábado Santo celébrase a Vixilia Pascual e a bendición do lume, do cirio pascual e da auga, culminando os actos coa misa de Resurrección.

Domingo de Resurrección O Domingo de Resurrección celébrase a Pascua e lévase a cabo unha celebración bautismal, concluíndo deste xeito a Semana Santa.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Semana Santa en Galicia Semana Santa en Ourense

Categoría:Celanova Celanova