Cricetulus griseus, xeralmente chamado hámster chinés (ás veces clasificado como a subespecie Cricetulus barabensis griseus doutro hámster da rexión) é un roedor da subfamilia Cricetidae que se orixinou nos desertos do norte da China e Mongolia. Distínguese polo seu rabo especialmente longo en comparación con outros hámsteres, a maioría dos cales teñen rabos gordiños. Son principalmente nocturnos; porén, están espertos por breves períodos do día, entre sesta e sesta.
Descrición Crece ata atinxir os 82 e 127 mm de lonxitude (lonxitude do rabo 20–33 mm) e un peso de 1,7 gramos ao nacer e 30–45 gramos cando son máis vellos. Os machos teñen un escroto bastante grande en relación co seu tamaño corporal. As súas proporcións corporais, comparados coas doutras especies de hámsteres –a maioría das cales adoitan ser compactas– parecen "longos e delgados" e teñen un rabo relativamente longo para un hámster. Viven dous anos como media.
A cor de tipo salvaxe é marrón cunha liña negra ao longo da columna vertebral, con manchiñas negras e grises e ventre abrancazado. Esta coloración, combinada coa súa constitución flexible e rabo máis longo, dálles unha aparencia máis de "rato", e, de feito, pertencen ao grupo dos chamados hámsteres similares a ratos.
C. griseus e a especie similar C. barabensis son solitarios, igual que a maioría dos hámsteres menos as tres especies do xénero Phodopus.
Taxonomía
Os nomes taxonómicos de C. griseus e do moi relacionado C. barabensis non están definitivamente establecidos. Algunhas autoridades consideran que ambos son especies diferentes, mentres que outros clasifican C griseus como subespecie de C. barabensis, co nome de Cricetulus barabensis griseus (e entón o outro hámster sería Cricetulus barabensis barabensis).
Domesticación O hámster chnés foi domesticado primeiramente como animal de laboratorio, pero foron caendo en desuso. Despois foron utilizándose como animal de compañía (aínda que o hámster mascota máis frecuente en moitas partes do mundo é outra especie, o hámster dourado).
Animal de laboratorio
Os primeiros usos do hámster chinés como animal de laboratorio foron a investigación dos pneumococos e a leishmaniase visceral. As liñas endogámicas de hámster chinés desenvolven espontaneamente diabetes, o que fixo que se utilizase como organismo modelo para esa doenza. As células de ovario de hámster chinés illáronse en 1958 e foron cultivadas in vitro. Escolléronse debido ao seu baixo número de cromosomas que permite unha doada observación. Desde entón, as células de hámster chinés (ou células CHO) son unha ferramenta usada comunmente na investigación biolóxica e bioquímica así como unha plataforma de produción para biofármacos.
Animal de compañía As femias son as que xeralmente se teñen como mascotas, e os machos úsanse só para a reprodución. Como é de natureza solitaria, tende a ser agresivo se se ten en recintos que son demasiado pequenos ou están habitados por outros hámsteres. Poden ser fríos, pero rapidamente se domestican. Unha vez se domestican, poden manexarse doadamente. Poden ser bastane nerviosos cando son novos, pero unha vez que se domestican, poden mostrar un carácter amable e unha calma adorable. Un dos seus hábitos máis simpáticos é gabear polo dedo da persoa que o sostén coas catro patas, como faría un rato das colleitas por un talo de millo.
Prohibicións Algúns estados dos Estados Unidos, como California e Nova Jersey, consideran o hámster chinés como unha praga ou un animal exótico, e esixen un permiso especial para telo, crialo ou vendelo. ou
Variedades de cor Ademais da cor de tipo salvaxe, hai algunha variación de cor nas variedades domesticadas, como a "spotted white" (tamén chamada "dominant spot"), que adoita ser totalmente branca cincenta, con só unha liña escura nas costas.
Ata agora, só hai tres variedades de cor entre os hámsteres domesticados: normal / tipo salvaxe dominant spot ou spotted white black-eyed white
A variedade normal e a dominant spot son facilmente conseguibles nos comercios de mascotas nalgúns países, como o Reino Unido, mentres que a black-eyed white é extremadamente rara.
Notas a rodapé
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Célula de ovario de hámster chinés Cricetulus barabensis
Ligazóns externas
in Ensembl Ver a ensamblaxe xenómica criGri1 no UCSC Genome Browser GBIF ID: 2438773 - "Cricetulus barabensis". Global Biodiversity Information Facility.
Categoría:Cricétidos Categoría:Animais descritos en 1867