Elisa Fernández de la Vega LombánO nome completo era Elisa Fernanda María del Carmen Fernández de la Vega Lombán., nada na Veiga (Asturias) o 30 de maio de 1895 e finada en Zaragoza o 21 de novembro de 1933Noticia en El Compostelano, 21-11-1933, p. 2., foi, canda a súa irmá, Jimena, a primeira muller en estudar nunha universidade galega e licenciarse en Medicina, en 1919, con 23 anos.

Traxectoria Filla de Dolores Lombán Cotarelo e Wenceslao Fernández de la Vega Pasarín, médico liberal de Castroverde, membro da Institución Libre de Enseñanza, fundador e primeiro director do balneario de Guitiriz.

Entre 1909 e 1913 realizou os estudos de secundaria no Instituto de Lugo en réxime de non colexiada, sen asistencia, conseguindo no entanto, as cualificacións de sobresaínte en Ciencias e o aprobado en LetrasDelgado (2007), p.544 ao se graduar o 23 de xuño de 1913.

Elisa tivo unha irmá xemelga, Jimena, 15 minutos máis nova, coa que, en 1914, foi admitida como primeira muller na Facultade de Medicina en Santiago, rematando xuntas a licenciatura en 1919 (Jimena con premio extraordinario por concederse só unha), con 23 anos.

Logo da carreira trasladouse a Madrid para continuar a traballar co catedrático de Patoloxía Roberto Nóvoa Santos. Conseguiu unha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios, aínda que non chegou a viaxar.Doutorouse en 1921, coa tese Asma anafiláctico alimenticio y consideraciones acerca de la patogenia del asma en general. O seu director de tese foi Teófilo Hernando, co que realizará outros traballos de investigación. A súa carreira derivará á especialidade de Pediatría baixo a tutela de Enrique Súñer.

Casou en 1925 con Gumersindo Sánchez Guisande e trasladouse con el a Sevilla cando este tomou posesión da praza de catedrático de Medicina. Entre 1925 e 1930 exerceu como profesora axudante en Anatomía descritiva e Técnica anatómica. Un novo cambio de destino do seu home levouna a Zaragoza en 1930, onde Elisa dará clases de Anatomía e de Técnica na universidade.

Desempeñou un labor frenético, pois mentres impartía clases na Facultade, atendía os seus tres fillos (Luciano, Wenceslao e Elisa), levaba unha consulta na casa, pronunciaba conferencias antibelicistas, escribiu un manual para enfermeiras que non chegou a publicar e asinou artigos científicos en xornais e revistas co pseudónimo Zoraida.

Fundou un albergue para indixentes. Cando estaba a piques de converterse na primeira catedrática española, ao asinar as oposicións en 1932 enfermou dunha pneumonía atípica que ela mesma se diagnosticou que a levou á tumba. Jimena fíxose cargo dos seus fillos durante doce anos logo de que Gumersindo Sánchez Guisande tivese que marchar ó exilio.

Entre 2004 e 2010, unha sobriña súa, María Teresa Fernández de la Vega, foi vicepresidenta primeira do goberno de José Luis Rodríguez Zapatero.

Obra Fernández de la Vega, Elisa (1921). Asma anafiláctico alimenticio y consideraciones acerca de la patogenia del asma en general. Madrid: Universidade Central. Tese inédita. Fernández de la Vega, Elisa (1924). Los Rayos X en el tratamiento de las queratitis intersticiales. Buenos Aires : Instituto de Medicina para el estudio y tratamiento del cáncer.

Recoñecementos En 2006 inaugurouse a Vicerreitoría de estudantes da Universidade de Santiago de Compostela baixo o nome de Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Pintos Barral, Xoana (2021). Tiven a chave, a bicicleta e os catro libros. Editorial Galaxia. Outros artigos Olimpia Valencia Ligazóns externas

Vídeo conmemorativo do 120 aniversario realizado pola Fundación TIC de Lugo e o IES Lucus Augusti. Jimena e Elisa Fernández de la Vega, as xemelgas pioneiras na Medicina en Galicia artigo de Manuel Rey en Gciencia

Categoría:Médicos de Galicia Categoría:Nados na Veiga, Asturias Categoría:Nados en 1895 Categoría:Finados en 1933 Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela