miniatura|dereita|Marqués da Ensenada O catastro de Ensenada é unha magna indagación catastral dirixida en 1750 polo marqués da Ensenada, ministro de Facenda de Fernando VI. Abranguía os territorios da Coroa de Castela: isto é, a maior parte da España peninsular agás as Illas Canarias, a Coroa de Aragón, o reino de Valencia, Navarra e os Señoríos Vascos, que estaban exentos do pago de impostos. Os traballos de campo prolongáronse até 1756.

Esta indagación sería a base dunha reforma fiscal na que se pretendía racionalizar e facer máis xusto o sistema contributivo; para que isto fose realidade había que coñecer a riqueza de cada un. O obxectivo principal era rematar dunha vez por todas coa gran cantidade de impostos que había (alcabalas, décimos, primicias, foros etc.), moi difíciles de controlar, e que gravaban sobre todo á maioría dos contribuíntes, especialmente ós pobres, mentres que os ricos estaban moi beneficiados a causa de que estes impostos se asentaban sobre as producións e bens de consumo e non sobre as rendas e ingresos netos obtidos pola posesión de terreos e casas. A reforma fiscal consistiría na substitución das rendas provinciais por un imposto único, a Única Contribución, proporcional á riqueza de cada un. Este proxecto fracasou por oposición dos dous estamentos que se opuñan a perder tódolos seus privilexios: a nobreza e o clero.

O Catastro converteuse na fonte documental máis importante para coñecer como era a Coroa de Castela a mediados do século XVIII, posto que é un censo de poboación, un censo gandeiro, un censo de explotacións agrarias, un censo industrial, un nomenclátor...

O interrogatorio miniatura|O interrogatorio do Catastro de Ensenada publicado en 1749.

Estudos simultáneos Ao tempo que se fixo o catastro aproveitouse para confeccionar outros documentos complementarios:

Libros del mayor hacendado de cada poboación catastrada (sen considerar os maiores facendados aqueles exentos do pago de décimos). Censo de Ensenada de 1756, para o que se seguiu un modelo confeccionado pola Real Xunta (e do que se adoita citar o número estimativo de 9 400 000 habitantes para todo o territorio peninsular). Libro de lo enajenado, no que aparece cada propiedade ou lugar que algunha vez foi do rei e nese momento pertencía a particulares, aos que pasara por mercede rexia ou por venda. Este documento, a diferenza dos dous anteriores, tiña carácter oficial.

En 1759 a Real Xunta de Única Contribución mandou realizar un Vecindario a partir dos datos do Catastro. Este documento resultou fundamental, pois non se dispuña de información nin actualizada nin fiable da poboación da Coroa. Os dous últimos recontos de poboación eran de 1591 (en tempos de Filipe II) e 1717, cando se fixo o Vecindario de Campoflorido, moi imperfecto.

O catastro da Ensenada en Galicia

As averiguacións iniciais do intendente Avilés (abril 1750 - marzo 1751) Segundo a lexislación, correspondía aos intendentes a realización das averiguacións pertinentes para o Catastro. Desde 1746 era intendente en Galicia o militar sevillano José Avilés Itúrbide, quen decidiu iniciar os traballos do catastro pola provincia de Betanzos.

As pescudas iniciáronse a finais de abril de 1750. Dous meses despois os traballos estaban moi avanzados, se ben as copias e comprobacións adiaron o envío do informe final até o 1 de marzo do ano seguinte.

O 19 de marzo de 1751 Avilés remitiu un informe de setenta puntos á Real Xunta en que se mostraba moi crítico co proceso. Nese informe reiteraba moitas das dúbidas que xa expresara en cartas anteriores. Así, daba conta da oposición que encontrara entre o clero e consignaba a complexidade de compilar información veraz nun contexto de minifundio. Así mesmo, expresaba as súas dúbidas sobre a valoración das especies forestais ou do gando en aparcería. Indicaba a relevancia do traballo feminino no sector téxtil, cando as instrucións aclaraban que este non debía terse en conta.

Os comisionados Serón e Castaños As reticencias de Avilés motivaron que fose apartado das súas responsabilidades e substituído o 15 de abril por dous comisionados, Francisco Javier Serón e Juan Felipe Castaños. Ambos estabelecéronse en Pontedeume en agosto, co gallo de realizaren un ensaio nesta vila e nas vinte e cinco freguesías do seu alfoz.

Avanzados os traballos, a finais de setembro Serón encamiñouse a Pontevedra, desde onde supervisaría os traballos sobre as provincias de Santiago e Ourense. En tanto, Castaños ficaba encargado das outras cinco provincias.

Os traballos avanzaron con velocidade, aínda que atoparon moitas das dificultades que xa sinalara Avilés. Entre elas estaban a maneira de rexistrar a aparcería, a valoración do monte comunal ou as dificultades para precisar os titulares do dominio directo a causa das distorsións que provocaba o réxime foral (subaforamentos, vendas de rendas, etc). Así mesmo, recibiron autorización para modificar ou suprimir algunhas das informacións requiridas, como a obriga de rexistrar a distancia entre cada parcela e a poboación de referencia.

Para a realización concreta das averiguacións, os comisionados servíronse de subdelegados. Acompañados dun escribán, un perito propio e outro de parte, do cura e do xuíz ordinario, compoñían unha audiencia que adoitaba actuar desde a cabeceira de xurisdición. Esta audiencia, da que podían participar as autoridades locais, examinaba as relacións parroquiais. Rematado o exame, sometíanse a lectura pública.

Véxase tamén

Bibliografía

SAAVEDRA, Pegerto: Reforma fiscal y control del territorioel Catastro de Ensenada -o "la confusión de Babel"- en Galicia. DOI 0304-4319, Nº 77, 2007, págs. 771-844. Outros artigos Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar

Ligazóns externas Catastro de Ensenada (Ministerio de Cultura)

Categoría:Historia de España Categoría:Xeografía de España