O caron ( ˇ ) ou háček (pronunciado [haːʧɛk]), é un sinal diacrítico colocado sobre certas letras. č ď ě ǩ ľ ř š ž

É parecido á breve, mais ten unha punta aguda, como o circunflexo ( ^ ), en canto que no caso da breve está arredondado: Ǎ ǎ Ě ě Ǐ ǐ Ǒ ǒ Ǔ ǔ (caron) Ă ă Ĕ ĕ Ĭ ĭ Ŏ ŏ Ŭ ŭ (breve).

O termo caron úsase nos nomes oficiais dos caracteres Unicode. A palabra háček significa "ganchiño" en checo. En eslovaco chámase mäkčeň ("amaciante" ou "sinal de palatalización), en esloveno strešica ("teito", "tellado"), en croata e serbio kvaka ou kvačica (tamén "ganchiño"), en estoniano katus ("teito", "tellado") e noutras linguas ugrofinesas, hattu ("chapeu").

Historia O uso do caron (e do acento agudo) para caracteres latinos foi introducido na lingua checa no século XV por Jan Hus no seu De Ortographia Bohemica (1412).

Uso Emprégase en linguas ugrofinesas coma o finés, o estoniano, o carelio e as linguas saamis para indicar as fricativas postalveolares (š para [ʃ], ž para [ʒ] e č para a africada [tʃ]). No finés e no estoniano só aparecen en palabras de orixe estranxeira. Indica palatalización ou “suavización” histórica ou actual na ortografía das linguas bálticas e dalgunhas linguas eslavas. Na actualidade úsase no eslovaco, esloveno, croata, bosníaco, no sorbio da Alta e Baixa Lusacia, lituano e no letón. Tamén se emprega no serbio, no macedonio e no belaruso en textos transliterados do cirílico oficial para a forma romanizada. O nez perce indica o fonema [ʃ] con š. No colville-okanagan emprégase sobre o x. A ortografía Faggin-Nazzi do friulano emprega o caron sobre as letras c, g e s. No pinyin e no Alfabeto Fonético Internacional emprégase para indicar ton. Tamén se usa na transliteración do tailandés.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Diacritics — All you need to design a font with correct accents

Categoría:Grafémica Categoría:Tipografía Categoría:Diacríticos