Islandia (en islandés: Ísland) é un país insular situado na Dorsal Medio Atlántica, e xeralmente englobada en Europa. A illa está bañada polo océano Atlántico ao sur e ao oeste e polo mar de Noruega ao norte e ao leste. Os territorios máis próximos son Groenlandia ao noroeste, da cal está separada polo estreito de Dinamarca, as Illas Feroe ao sueste e, bastante máis lonxe, a illa norueguesa de Jan Mayen ao nordeste.

Debido á súa localización na Dorsal mesoatlántica, Islandia é unha illa xeoloxicamente activa e con moita actividade volcánica; esta localización é a causante da paisaxe característica islandesa. A paisaxe do interior da illa caracterízase pola presenza de grandes chairas, montañas e glaciares. Grazas á Corrente do Golfo, Islandia posúe un clima menos rigoroso que o que lle correspondería pola súa latitude, e por iso pode desenvolverse a vida na illa.

Islandia está habitada dende o ano 874 cando, segundo o Landnámabók, o xefe noruegués Ingólfur Arnarson converteuse no primeiro habitante permanente da illa. Co paso dos séculos a illa poboouse con xentes de orixe nórdica e céltica. Entre 1262 e 1944 a illa pertenceu ás monarquías norueguesa e dinamarquesa. Até o século XX, a poboación islandesa adicouse principalmente actividades relacionadas coa pesca e a agricultura, non foi até finais deste século cando a economía islandesa comezou a desenvolverse e a virar cara a outras actividades.

Hoxe en día Islandia é un país desenvolvido, o quinto país do mundo en canto a Produto Interior Bruto per cápita e o primeiro, xunto con Noruega, en canto a desenvolvemento humano. Islandia posúe unha economía de libre mercado, baseada nos servizos, nas finanzas, na pesca e nalgunhas industrias principalmente. O turismo é un sector importante no país, xa que moita xente é atraída pola súa exótica paisaxe. A illa é membro da Organización das Nacións Unidas, da Organización do Tratado do Atlántico Norte, do Consello de Europa, da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico e do Consello Nórdico.

Etimoloxía miniatura|esquerda|Nórdicos desembarcando en Islandia – unha reprentación do século XIX obra de Oscar Wergeland. Ísland é un vocablo que provén da lingua nórdica antiga, que significa "terra de xeo". Con todo, de acordo coas sagas de islandeses o primeiro nome do país foi Snæland ("terra de neve"), cuñado polo mariñeiro viquingo Naddoddr, un noruegués que foi un dos primeiros poboadores das Illas Feroe, e que se converteu no primeiro nórdico en chegar á illa. Posteriormente Gardar Svavarsson, un dos primeiros islandeses, rebatizou a illa como Garðarshólma ("illotes de Gardar")>

O nome definitivo "Ísland" tería sido dado por Flóki Vilgerðarson, en alusión ás paisaxes de inverno do actual territorio islandés. A filla de Flóki afogárase na viaxe, logo o seu gando morreu. As sagas din que abatido Flóki subiu unha montaña e viu un fiorde (Arnarfjörður), cheo de icebergs, o que o levou a darlle á illa o seu nome actual. A lenda de que os poboadores viquingos escolleron este nome para disuadir a colonización da súa verde illa é un mito.

Outras teorías falan de nomes recibidos antes do descubrimento noruegués da illa, como por exemplo que proveña do nome da deusa exipcia Isis. Unha última teoría conta que o nome procede dunha lingua celta, segundo teorías que din que a illa xa fora habitada antes da chegada dos viquingos, neste caso por unha tribo que se chamarían os "Iceni" que, despois de enfrontarse aos romanos contra o século I, emigrarían das illas Británicas cara ao norte chegando a Islandia, co que a orixe do nome viría de "Ice-leanbh" ou "os fillos de Iceni".De onde ven Islandia?

A pesar de que nalgúns documentos oficiais indícase Lýðveldið Ísland (República da Islandia) como o nome oficial do país, a constitución actual do país defíneo simplemente como "Ísland" (Islandia), sen a anteposición do termo "república".

Historia miniatura|esquerda|200px|Harald I recibindo o Reino de Noruega. Aínda que existen evidencias da presenza de monxes irlandeses na illa, xeralmente considérase que Islandia foi fundada e poboada por exploradores noruegueses. O primeiro destes foi Ingólfur Arnarson, quen construíu o seu fogar en Reiquiavik, capital actual da Islandia. Ingólfur foi seguido por outros poboadores, principalmente homes noruegueses e os seus escravos irlandeses. No ano 930 fundouse o primeiro estado libre islandés, co Alþingi como principal órgano político, lexislativo e xudicial. No ano 1000 a illa adoptou o Cristianismo como relixión oficial.

O estado libre islandés durou até 1262, cando o sistema político elaborado polos primeiros poboadores sucumbiu ante o aumento do poder dos xefes islandeses. Os problemas internos e civís sucedéronse no período máis sanguento da historia da Islandia, coñecido como Sturlungaöld (narrado na Saga Sturlunga), o que levou á sinatura do Gamli sáttmáli, acordo polo que Islandia pasaba a estar baixo o dominio da coroa norueguesa. No século XIV Islandia pasou ás mans do Reino de Dinamarca e Noruega e máis tarde á Unión de Kalmar tras a unión do Reino Dano-noruegués con Suecia. Nos séculos vindeiros Islandia converteuse nun dos países máis pobres da Europa debido ás erupcións volcánicas e ao duro clima, que facían moi difícil a vida nunha sociedade que vivía exclusivamente da agricultura e da pesca.

A mediados do século XVI, o rei Christian III de Dinamarca comezou a impoñer o luteranismo en todo os seus dominios. O último bispo católico en Islandia foi decapitado en 1550, e foi despois disto cando toda a poboación se converteu ao luteranismo, a denominación cristiá predominante no país desde entón.

En 1814, no curso das Guerras napoleónicas, a unión de Dinamarca e Noruega rompeu en dous reinos separados mediante o Tratado de Kiel. Islandia, porén, seguiu dependendo de Dinamarca. A situación do país empeorou durante o século XIX, levando a que houbese emigracións masivas a América do Norte, sobre todo ao Canadá. Mentres xurdiu un novo movemento de independencia baixo o liderado de Jón Sigurðsson, inspirado polas ideoloxías románticas e nacionalistas da Europa Continental. Reino de Islandia

En 1874 Dinamarca outorgoulle a Islandia a autonomía política, que foi ampliada en 1904. O Acto de Unión, un tratado con Dinamarca asinado o 1 de decembro de 1918, recoñeceu a Islandia como un Estado soberano independente unido con Dinamarca baixo a coroa dun mesmo rei. Durante a segunda guerra mundial, a ocupación alemá de Dinamarca o 9 de abril de 1940 rompeu as comunicacións entre Islandia e Dinamarca. Un mes despois, as forzas militares británicas navegaron até o porto de Reiquiavik, comezando a invasión e ocupación de Islandia polas forzas aliadas que aguantarían ao longo de toda a guerra. No verán de 1941 os británicos abandonaron a illa e a ocupación foi asumida polos Estados Unidos. Coa axuda americana, e segundo un plebiscito, Islandia volveuse formalmente unha República Independente o 17 de xuño de 1944. Fixéronse dous referendos, un sobre a independencia política de Dinamarca e outro sobre o establecemento dunha república. O referendo sobre a independencia acadou uns resultados do 97% a favor e o referendo sobre a república tivo arredor do 95% de votos a favor. As forzas de ocupación marcharon en 1946. O 5 de maio de 1951, dous anos despois de que Islandia se unise á OTAN, asinouse un acordo de defensa cos Estados Unidos e as tropas americanas volveron e quedaron como parte do tratado de defensa até o outono do 2006.

Xeografía miniatura|Islandia vista dende un satélite espacial miniatura|Mapa da illa de Islandia miniatura|Lago volcánico de Grímsvötn no glaciar de Vatnajökull miniatura|Dettifoss, a maior fervenza da Europa, atópase no nordeste de Islandia miniatura|O volcán Eyjafjallajökull en erupción. (10-5-2010).

Topografía e localización Islandia atópase no Atlántico norte ao sur do Círculo polar ártico, situada ao mesmo nivel que a illa islandesa de Grímsey no norte da costa islandesa. Ao contrario que a súa veciña Groenlandia, Islandia considérase parte da Europa, e non do continente americano, aínda que xeoloxicamente a illa pertence a ambos os dous continentes. Debido á súa cultura, economía e semellanzas lingüísticas, Islandia adoita incluírse na Escandinavia. A illa é a décimo oitava illa maior do mundo e a segunda maior de Europa, só detrás da Gran Bretaña.

Aproximadamente o 11 % da illa atópase baixo os glaciares, incluído o maior de Europa, o Vatnajökull, cuns 8400 km² e un grosor medio duns 900 m. A illa posúe unha costa de 4970 km, onde se sitúan a maioría das vilas, xa que o interior é practicamente inhabitábel. As vilas principais do país son Reiquiavik, Keflavík, onde se atopa o aeroporto principal, e Akureyri. A illa de Grímsey no Círculo polar ártico posúe o núcleo de poboación máis setentrional de Islandia.

O único mamífero terrestre nativo que había na illa cando chegaron os primeiros humanos era o raposo ártico (Vulpes lagopus L.). O raposo chegou á illa ao rematar a idade do xeo, camiñando sobre o mar conxelado. Na illa non existen nin réptiles nin anfibios nativos. En Islandia hai arredor de 1300 especies coñecidas de insectos, unha cifra bastante baixa en comparación coa doutros países (existen arredor de 925 000 especies coñecidas no mundo). Durante a derradeira idade do xeo todo o país quedou cuberto permanentemente de neve e xeo glaciar, o que explica o pequeno número de especies que viven en Islandia.

Cando os humanos chegaron, os bosques de bidueiros cubrían aproximadamente entre o 25 e o 40 % do territorio islandés, máis en canto chegaron os primeiros habitantes, estes bosques foron tallados para a construción dos novos poboados. Durante o século XX os bosques islandeses chegaron a un mínimo histórico, chegando case a desaparecer. Dende aquela, a plantación de novos bosques fixo medrar a superficie arborada da illa, aínda que non é comparábel coa superficie que tiveron os bosques orixinarios.

Superficie Total: 103 000 km² Vexetación: 23 805 km² Lagos: 2 757 km² Glaciares: 11 922 km² Ermo: 64 538 km²

Glaciares No ano 2025 máis do 11% da superficie está cuberta por glaciares, que ocupan unha superficie superior á ocupada por glaciares na Europa continental. O maior (e o maior de Europa) é o Vatnajökull, ó leste, protexido como parque nacional. A súa área é duns 8400 km², cun espesor medio de máis de 900 m. Séguenlle en importancia o Langjökull e o Hofsjökull, ambos no interior da illa.

Actividade xeolóxica e volcánica

Un terreo xeoloxicamente novo, Islandia atópase nun punto xeolóxico quente, que se cre foi causado por unha columna de fume, na Dorsal mesoatlántica, que pasa xusto polo medio da illa. Esta situación significa, xeoloxicamente, que a illa posúe unha actividade moi forte, e ten varios volcáns activos, destacando o Hekla, o Eldgjá e o Eldfell. A erupción do Laki entre 1783 e 1784 causou unha famenta que matou preto dun cuarto da poboación da illa; a erupción causou nubes de po e unha especie de néboa que permaneceu sobre a maior parte de Europa e partes de Asia e África durante algúns meses.

Na illa tamén existen multitude de geysers (palabra derivada do nome dun dos moitos existentes en Islandia, Geysir). Grazas á dispoñibilidade da enerxía xeotérmica, e aos numerosos ríos e fervenzas que se aproveitan para enerxía hidráulica, os habitantes da maioría das poboacións teñen auga quente e calefacción a baixo prezo. A illa en si mesma está composta principalmente de basalto, unha rocha ultrabásica (moi baixa en dióxido de silicio) asociada co vulcanismo ao igual que en Hawai. Hai, porén, unha variedade de tipos de volcáns en Islandia que producen lavas máis evolucionadas, que forman rochas como a riolita e a andesita.

Islandia posúe unha das illas máis novas do mundo, a illa de Surtsey, xurdida do océano debido a unha erupción volcánica entre o 8 de novembro de 1963 e o 5 de xuño de 1968.

Lista dos maiores lagos da Islandia Þórisvatn: 83–88 km²