Sonia Molanes Costa, nada en Cangas de Morrazo o 28 de maio de 1980, é unha ex-piragüista galega. Foi dúas veces campioa do mundo no K2 200 metros, en 2001 e 2002, tres veces campioa de Europa e participou nos Xogos Olímpicos de 2008.
Traxectoria miniatura|Monumento homenaxe a Sonia Molanes e outros padexeiros olímpicos de Aldán Comezou de nena no deporte do piragüismo, no Club Náutico de Rodeira, e aos trece anos fichou polo Club Mar Ría de Aldán, un dos principais conxuntos de piragüismo a nivel galego e estatal, onde tamén remaban David Cal ou Teresa Portela. En 1995 empezou a adestrar de forma semiprofesional no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, e ao ano seguinte fichou polo Kayak Tudense.
O seu primeiro campionato de España de piragüismo conseguiuno ese mesmo 1996. En xullo de 2001 proclamouse campioa de Europa de K2 200 metros no Campionato Europeo celebrado en Milán, xunto á sevillana Beatriz Manchón. Ademais foron prata na proba dos 500 metros.
Un mes despois, no Campionato Mundial celebrado en Poznan, coroouse campioa do mundo xunto a Manchón no K2 200 metros. No mesmo campionato participou tamén nas probas de 500 e 1000 metros, logrando o bronce nas dúas distancias. Ao ano seguinte en Szeged, revalidou o ouro europeo en K2 200, ao que sumou un ouro en K4 200, formando equipo con Manchón, Teresa Portela e María García, e un bronce en K2 500. No Mundial disputado en agosto en Sevilla, gañou o seu segundo título mundial en K2 200, ademais da prata en K4 200 e dous bronces en K2 500 e K4 500.
Logo de obter unha nova medalla de bronce nos campionatos de Europa de Milán, en 2008, na categoría de K-4 500m, clasificouse para disputar os Xogos Olímpicos de Pequín. Fíxoo en dúas categorías: na primeira delas, o K2 500, participou con Beatriz Manchón, sen conseguir meterse na final; pola contra, no K4 500, conseguiu un diploma olímpico ao rematar quinta na final, formando equipo con Beatriz Manchón, Teresa Portela e Jana Smidakova.
No ano 2009 conseguiu a súa oitava e derradeira medalla nun Mundial. Foi na proba de K4 500 metros, onde se fixo coa medalla de bronce. Ao ano seguinte logrou tamén o bronce no europeo, na mesma distancia.
Palmarés internacional Campionato Mundial Ano Lugar Medalla Proba 2001 Poznan OuroK2 200m BronceK2 500m BronceK2 1000m 2002 Sevilla OuroK2 200m Prata K4 200m BronceK2 500m BronceK4 500m 2009 Dartmouth BronceK4 500m Campionato Europeo Ano Lugar Medalla Evento 2001 Milán OuroK2 200m PrataK2 500m2002 Szeged OuroK2 200m Ouro K4 200m BronceK2 500m2008 Milán BronceK4 500m2010 Trasona BronceK4 500m
Notas
Categoría:Nados en Cangas de Morrazo Categoría:Nados en 1980 Categoría:Piragüistas olímpicos de Galicia Categoría:Piragüistas nos Xogos Olímpicos de 2008