Víctor Lis Quibén, nado en Buenos Aires en 1893 e finado en Pontevedra o 9 de xullo de 1963, foi un médico, político e escritor galego.

Traxectoria Malia que Lis Quibén naceu en Buenos Aires, a súa familia era orixinaria de Cutián, San Xurxo de Sacos.

Médico de profesión, actividade que exerceu en Pontevedra, militou politicamente na ideoloxía monárquica. Durante a ditadura de Primo de Rivera foi membro do somatén. No 1930 foi nomeado rexedor do concello de Pontevedra. Nas eleccións municipais de abril de 1931, obtivo acta de concelleiro polo mesmo municipio, cargo do que foi suspendido en 1932 por implicación no intento de golpe de Estado do xeneral SanjurjoCfr. o blog de Xosé Álvarez Castro. Nas eleccións de 1933 foi elixido deputado das Cortes pola provincia de Pontevedra como candidato da Unión Regional de Derechas, que agrupaba dirixentes dos agrarios e da CEDA. Nese mesmo ano, porén, contacta con José Antonio Primo de Rivera, quen o encarga da organización da Falange Española en Pontevedra, mais Lis Quibén abandonou de seguido as súas fileiras, ingresando en 1934 en Renovación Española. Nas eleccións xerais de 1936 foi elixido novamente deputado das Cortes, nas listas de Renovación Española.

Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 pasou a colaborar inmediatamente cos sublevados, e ocupou a xefatura dunha autodenominada Guardia Cívica, que se dedicou a incautar locais dos sindicatos obreiros e organizacións agrarias de Pontevedra, participando en torturas e decenas de asasinatos.XI congreso de cooperación agraria Participou tamén na detención do deputado Ignacio Seoane Fernández, nos sucesos de Salcedo (12 de decembro de 1936) e na operación na que resultaron mortos Ángel Matilde Migueles e o "escapado" Manuel González Fresco, O Fresco (1937). Nese mesmo ano a Guardia Cívica foi disolta. En total, está considerado responsábel da morte de 20 persoas e da detención de 30 máis. Ascendido ao grao de capitán médico de complemento dentro do corpo de Sanidade Militar, Lis Quibén proseguiu o resto da guerra incorporado ao exército franquista. Terminada a contenda abandonou a política, dedicándose ao exercicio da profesión médica e á investigación etnográfica na que xa publicara algún traballo nos anos da Segunda República. Na Revista Nós publicara un único artigo, titulado "A medicina e a superstición" (Nós nº 99, 15.03.1932, 38-42). Na introdución refire unha conversación que mantivera co gran Castelao [así o cualifica] na que este lle suxire a idea de recoller os remedios supersticiosos que coñecese no seu exercicio profesional.

Obra publicada miniatura|140px|Víctor Lis Quibén, 1932. Ademais de diversos artigos en revistas como Nós, Revista de Dialectología y Tradiciones Populares, Douro Litoral, Antropología Médica etc, publicou as seguintes obras: Venticuatro horas en el convento de Poyo (1936) Santuario de Nuestra Señora de La Peneda (1961) El cancionero de Pontevedra (1963) El abantuxo (1963)

A obra principal de Lis Quibén, que en parte recolle materiais anteriores, publicados en revistas foi: La medicina popular en Galicia (1949), reeditada en Madrid, por Akal Editor en 1980 ISBN 84-7339-503-4.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas Historia da Falanxe en Galicia Xosé Álvarez Castro (22/3/2008). "Víctor Lis Quibén" Pontevedra nos anos do medo.

Categoría:Antropólogos de Galicia Categoría:Concelleiros de Pontevedra Categoría:Concelleiros de Galicia durante a II República Categoría:Deputados de Galicia no Congreso dos Deputados Categoría:Deputados nas Cortes da II República Categoría:Nados en Buenos Aires Categoría:Nados en 1893 Categoría:Finados en 1963