Alfonso Federico Castro Rivera, coñecido como Castro, nado en Ferrol o 27 de marzo de 1955,Ficha en bdfutbol.com é un exfutbolista galego.

Foi un dos dianteiros máis destacados da historia do Deportivo da Coruña, club no que xogou durante a maior parte da súa traxectoria, e onde figura na actualidade como o oitavo máximo goleador de todos os tempos, con 96 goles. Marcou co Deportivo en tres categorías distintas, Segunda, Segunda B e Terceira, e na tempada 1977/78 foi o máximo goleador da Segunda División, con 24 goles.

Antes estivera tres tempadas no Racing de Ferrol, debutando en Segunda con só 16 anos, e despois da súa etapa no Deportivo pasou polo Cádiz e o Lorca Deportiva, antes de deixar o fútbol aos 29 anos.

Traxectoria

Inicios Comezou a xogar ao fútbol en varios equipos ferroláns como o Ferrándiz, e posteriormente traballou como soldador en ASTANO ata que foi fichado polo Racing de Ferrol.

Racing de Ferrol Comezou nos xuvenís do equipo verde, co que marcou 27 goles na súa primeira tempada. As súas actuacións no xuvenil fixeron que Rafael Franco o fixese debutar co primeiro equipo en Segunda División, aos 16 anos, o 6 de febreiro de 1972 contra o Mallorca. Marcou o seu primeiro gol na xornada seguinte, no campo do Rayo Vallecano. O Racing acabou descendendo e Castro xogou dúas tempadas máis no club en Terceira, sendo coñecido como Castro II, para diferencialo de Joaquín Castro.

Deportivo da Coruña A última das súas campañas en Ferrol, a 1973/74, non a disputou completa, pois en abril foi cedido ao Deportivo da Coruña, en Segunda División. Levaba 18 goles esa tempada no Racing e chegou á Coruña canda un novo adestrador José Antonio Irulegui, para tentar salvar o equipo do descenso. Xogou os catro partidos restantes da tempada, debutando fronte ao Betis e marcando fronte ao Sant Andreu, pero o Deportivo acabou descendendo á Terceira División por primeira vez na súa historia.

Na seguinte tempada incorporouse xa como xogador en propiedade do Deportivo. Foi o máximo goleador do equipo e o segundo do Grupo I da Terceira División, con 20 goles, só por detrás de San Cayetano do Ensidesa, logrando o equipo o retorno a Segunda. Tras dous anos máis frouxos, marcou 24 goles na tempada 1977/78, incluídos dous tripletes e catro goles nun partido contra o Murcia en Riazor, e rematou como máximo goleador da Segunda División. Nas seguintes dúas tempadas volveu ser o máximo goleador do equipo, antes de que este descendese á Segunda División B. Contribuíu con 10 goles no ascenso, e tras unha última tempada en Segunda, deixou o club coruñés despois de case unha década e 96 goles, que o colocaban naquel momento como o cuarto máximo goleador do Deportivo na súa historia, só por detrás de Chacho, Veloso e Guimeráns.

Cádiz, Lorca e retirada Na tempada 1982–83 foi contratado polo Cádiz CF, onde xogou 6 encontros e anotou un gol. Con todo, o club andaluz alcanzou o segundo posto na clasificación, logrando o ascenso a Primeira División. Na tempada 1983–84 fichou polo CF Lorca Deportiva, en Segunda B, co que marcou 13 goles en 37 partidos, contribuíndo ao único ascenso a Segunda na historia do club. Disputou media tempada máis co equipo murciano, que tiña problemas para pagar os salarios, e despois retirouse do fútbol aos 29 anos.

Despois de deixar o fútbol profesional, seguiu xogando partidos de veteranos e fútbol sala, e adestrou equipos de fútbol sala en categorías de base.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com

Categoría:Nados en 1955 Categoría:Nados en Ferrol Categoría:Futbolistas de Ferrol Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Cádiz CF Categoría:Xogadores do CF Lorca Deportiva (1969)