Puck é unha lúa interior do planeta Urano. Foi descuberta o 30 de decembro do 1985 pola sonda espacial Voyager 2. O nome de Puck provén da mitoloxía celta e o folclore inglés. A órbita de Puck descansa entre os aneis de Urano e a primeira das grandes lúas de Urano, Miranda. Puck ten unha forma cuasi-esférica e un diámetro aproximado de 162 km. Ten unha superficie escura inzada de cráteres, a cal amosa sinais de xeo de auga no seu espectro.
Descubrimento e nomeamento Puck—a lúa interior máis grande de Urano —foi descuberta a partir de imaxes tomadas pola Voyager 2 o 30 de decembro do 1985. Recibiu a designación temporal de S/1985 U 1.
A lúa recibiría máis tarde o nome de Puck, que aparece na obra de William Shakespeare, A Midsummer Night's Dream, coma un trasgo que viaxa pola noite a través do globo acompañando ás fadas. Na mitoloxía celta e no folclore inglés, Puck era un trasgo falcatrueiro, imaxinado polo cristiáns coma un diaño. A lúa tamén foi designada coma Urano XV.
Características físicas Puck é a lúa máis grande entre as lúas interiores de Urano, e orbita Urano nunha órbita inmediatamente máis interior cá de Miranda. Ten un tamaño intermedio entre Portia (a segunda lúa máis grande entre as lúas interiores de Urano) e Miranda (a máis pequena das cinco lúas clásicas de Urano). A órbita de Puck está localizada entre os aneis de Urano e Miranda. Pouco máis se coñece de Puck, a parte da súa órbita, o seu radio de aproximadamente 81 km, e o seu albedo xeométrico no espectro visible de aproximadamente 0,1.
Das lúas descubertas polo equipo de imaxes da Voyager 2, só Puck foi descuberta o suficientemente cedo coma para reprogramar algúns dos equipos fotográficos da sonda para así poder obter imaxes con máis detalle. As imaxes amosan a Puck cunha forma cuasi-esférica cun relación entre os eixos de 0,97 ± 0,04). A súa superficie está inzada de cráteres e é de cor gris. Hai tres cráteres na superficie de Puck que recibiron nomes oficiais, o máis grande ten 45 km de diámetro. Observacións feitas co Telescopio Espacial Hubble e con telescopios terrestres de grande alcance atoparon liñas de absorción de xeo de auga no espectro de Puck.
Non se coñecen nada da estrutura interna de Puck. Semella estar feita dunha mestura de xeo de auga con materiais escuros semellantes os atopados nos aneis de Urano. Estes materiais probablemente sexan rochas ou compostos orgánicos. A ausencia de cráteres con sistemas de raios implicaría que non hai separación entre os xeos e o resto de compoñentes, e que tampouco están separados por capas, carecendo así dun núcleo e un manto con distintos tipos de materiais.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Lista dos accidentes xeolóxicos da lúas de Urano Urano
Ligazóns externas Puck Profileby NASA's Solar System Exploration Page that includes a reprocessed version of the Voyager Puck image
Categoría:Lúas de Urano