Francisca Herrera Garrido, nada na Coruña o 6 de marzo de 1869 e finada na mesma cidade o 4 de novembro de 1950, foi unha escritora galega, primeira muller elixida académica na Real Academia Galega. En 1987 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Traxectoria Nada na rúa do Príncipe, nunha familia da alta burguesía coruñesa. Foi filla de Manuel Herrera Hernández e Josefa Garrido Matos, filla esta de Andrés Garrido, un banqueiro local. Viviu na súa cidade natal até agosto de 1909, cando marchou cunha irmá a Madrid, volvendo no verán e no Nadal a Galicia, concretamente en Oleiros ata que no transcurso da guerra civil española volveu definitivamente á Coruña.
Foi sempre fondamente relixiosa e conservadora, destacando nos seus ataques ás mulleres feministas que loitaban por conseguir o sufraxio feminino. Igualmente, nos seus textos deixa claras as diferenzas de deberes e dereitos entre señores e campesiños.
Veciña, alumna e amiga de Rosalía de Castro, foi unha escritora autodidacta aínda que segue o estilo literario daquela. Escribiu case toda a súa obra en galego así como algunhas novelas en castelán (Pepiña, Réproba e Familia de lobos) e a súa temática céntrase no ruralismo, a muller como nai, e a renuncia feminina. A súa obra amosa unha gran riqueza lingüística, cun galego rico e coidado.
Foi a primeira muller en ser nomeada membro numerario da Real Academia Galega, o 4 de marzo de 1945, ocupando o lugar de Lisardo Rodríguez Barreiro, que morrera en 1943. Non chegou a ler o seu discurso de ingreso, sobre Rosalía e os poetas da raza, polo atraso inexplicable do presidente da Academia en mandarllo ao académico Antonio Couceiro Freijomil, para que redactase a resposta, e a demora deste para entregala na Academia, cousa que non fixo ata o 28 de febreiro de 1949.
Obra miniatura|Placa na súa casa. Sorrisas e bágoas (poemario en galego; Madrid, 1913). Almas de muller... ¡volallas n'a luz! (poemario en galego; A Coruña, 1915). Frores do noso paxareco (poemario en galego; ¡Terra a Nosa! nº 11, A Coruña, 1919). Néveda (novela en galego, 1920). Despois incluída na Biblioteca de Autores Galegos e na Biblioteca das Letras Galegas. "A muller galega" (ensaio; Nós, 15 de agosto de 1921; escrito en Oleiros o 28 de marzo de 1916). A y-alma de Mingos (novela en galego; Editorial Céltiga, 1922). Pepiña (novela en castelán, Editorial Marineda, Madrid, 1922). Martes de Antroido (novela en galego; Lar, 1925; portada de Camilo Díaz). Réproba (novela en castelán, 1925). A neta de naipera (novela en galego; Nós, 1925). Familia de lobos: la novela del obrero (novela en castelán, 1928). Obra en galego (2024). Ed. Trea. Edición de Camiño Noia Campos. 1008 páxs. ISBN 978–84-09–64397‑4.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos Literatura galega do período intersecular Ligazóns externas Real Academia Galega Ficha da autora na Biblioteca Virtual Galega. , Ramón (17/3/2014). "Manuscrito: Francisca Herrera Garrido" Caderno da crítica. , Dolores (2006): "Francisca Herrera, a primeira académica electa da RAG" Álbum de Mulleres.
Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Escritores de Galicia en lingua castelá Categoría:Día das Letras Galegas Categoría:Poetas de Galicia Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1869 Categoría:Finados en 1950 Categoría:Membros de número da Real Academia Galega Categoría:Poetas en lingua galega Categoría:Novelistas de Galicia