Juan María Mujika Izagirre, chamado futbolisticamente Mújica, Mugika ou Mujika, e alcumado Musti, nado en Donostia o 12 de maio de 1963 e finado en Zumarraga (Guipúscoa) o 14 de xuño de 2004, foi un futbolista vasco que xogaba de centrocampista.

Traxectoria Debutou na tempada 1985–86 en Primeira División coa Real Sociedad, cando foi chamado polo seu adestrador John Toshack do equipo filial. Debutou o 6 de outubro de 1985, nun partido fronte ao RCD Espanyol en Atocha que rematou con vitoria local (1–0). No equipo donostiarra permaneceu até a tempada 1989–90, logrando a Copa do Rei 1986–87, e contando durante estas campañas coa titularidade.

Na tempada 1990–91 fichou polo Deportivo da Coruña, co que ascendeu esa tempada a Primeira División. No Deportivo, que gozou de moita menos titularidade, permaneceu até a tempada 1992–93, relegado á suplencia toda esa campaña e sen xogar ningún partido de toda a segunda volta.

Na tempada 1993–94 fichou polo Deportivo Alavés, en Segunda División B, onde xogou dúas campañas. Na súa primeira tempada no conxunto vitoriano o veterano xogador guipuzcoano loitou por devolver ao Alavés á Segunda División. Con todo, o equipo perdeu nos play-off de ascenso. Na súa segunda tempada, e da man do adestrador Txutxi Aranguren, o Alavés logrou o ansiado ascenso. Mujika retirouse en 1995.

En xuño de 2001 Mujika sufriu un gravísimo accidente de tráfico que o deixou en estado de coma vexetativo. O 23 de novembro de 2003 os equipos de veteranos de Real Sociedad e Real Madrid disputaron un partido amigable para recadar fondos para a familia do xogador. Finalmente, tras estar preto de tres anos prostrado neste estado, Mújika faleceu o 14 de xuño de 2004 no hospital de Zumarraga aos 41 anos de idade.

Selección nacional A súa proxección na Real Sociedad fixo que debutara coa selección española sub-21 o 29 de xaneiro de 1986, nun partido de Eurocopa sub-21 fronte á selección marroquí sub-21 que rematou con vitoria (3–0). Aínda que foi convocado durante todo o torneo non volveu vestir a camisola da selección.

Palmarés Real Sociedad Copa do Rei: 1986–87

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com

Categoría:Nados en 1963 Categoría:Finados en 2004 Categoría:Nados en Donostia Categoría:Futbolistas do País Vasco Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores da Real Sociedad B Categoría:Xogadores da Real Sociedad Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Deportivo Alavés Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-21