Valencia (en valenciano e oficialmente: València, pronunciado [vaˈlensia]) é unha cidade española situada na costa do mar Mediterráneo, capital da Comunidade Valenciana, da provincia de Valencia e da comarca homónima. Ten 807.200 habitantes, sendo a terceira cidade máis poboada de España por detrás de Barcelona e Madrid, que aumentan até 1.738.690 coa área metropolitana, chamada L'Horta de València. A cidade tamén é coñecida como Cap i Casal ou Capital do Turia.

É unha cidade industrial e portuaria. Aínda que foi fundada a certa distancia do mar, hoxe atópase unida e ten un dos portos máis importantes do Mediterráneo occidental, xunto cos de Barcelona, Marsella e Xénova. A súa economía baséase nas súas funcións administrativas e de servizos, e en ser centro loxístico (porto, feira de mostras, aeroporto de Manises) para a industria rexional (moble, madeira, téxtil, construción etc.). Durante estes últimos anos está a destacar como un importante destino turístico, grazas á recuperación parcial da Ciutat Vella (Cidade Vella), a construción da Ciutat de les Arts i de les Ciències (Cidade das Artes e as Ciencias) e a celebración da America's Cup.

Historia miniatura|Albufera de Valencia. A cidade fundouse no ano 138 a.C. sobre un antigo asentamento ibérico, como asentamento de soldados licenciados. No 75 a.C. a cidade vai ser destruída no decurso dos enfrontamentos entre Pompeio e Sertorio e durante cincuenta anos vai permanecer deshabitada. No 711, á caída do califato de Córdoba, Valencia vaise converter en capital de taifa. En 1094 o Cid vaina conquistar para os casteláns ata que en 1102 os almorábides reconquistan a cidade. O 9 de outubro de 1238 o Xaime I de Aragón entra na cidade e pon fin a cinco séculos de dominio musulmán. No século XV, Valencia, convértese nunha das cidades máis prósperas do mediterráneo.

Roma miniatura|Cornucopia na praza da Mare de Déu. Símbolo da Valencia romana A Cidade de Valencia foi fundada no 138 a.C. co nome de Valentia Edetanorum polo cónsul romano Décimo Xunio Bruto Galaico. A cidade emprázase sobre unha das illas que formaba o río Turia na súa pantanosa desembocadura, nunha gran chaira aluvial, nos extremos da cal atopábanse os principais asentamentos prerromanos (ibéricos): Arse ou Saguntum (Sagunt) ao nordeste, Edeta (Llíria) ao noroeste e Saetabis (Xàtiva) ao sur. Todos eles emprazábanse sobre un tozal defensivo, mentres que Valentia fúndase no medio da chaira.

As posibilidades de aproveitamento desta plana deberon condicionar a elección deste lar. Nesta época da Roma republicana a cidade de Valencia non era a principal cidade do actual País Valenciano (Saguntum e Illici eran, sen dúbida, máis importantes), mais si que era un núcleo agrario notábel, que chega a canalizar as augas para o rego, e que chega a encuñar unha moeda propia, onde o emblema da cidade xa era a cornucopia ou corno da abundancia.

No ano 75 a.C. foi destruída na guerra entre Pompeio e Sertorio, e foi abandonada durante uns 50 anos. No século I a Cidade de Valencia xa recuperara a poboación, e comezáronse a construír grandes obras de infraestrutura. No século III principia outra época de decadencia coma o resto do Imperio Romano. Coa súa caída, a cidade foi ocupada polos visigodos formando parte dos reinos peninsulares.

O islam miniatura|dereita|Banys de l'Almirall, de inspiración árabe.

A etapa inmediatamente posterior á conquista musulmá do ano 711 constitúe un período escuro, do cal no temos demasiadas referencias. A cidade debía estar moi despoboada; de feito, a parte de Balansiya, a cidade recibiu durante uns séculos o nome de Medina al-Turab, o que ven a ser cidade das lamas ou do po, polo estado de abandono na que se atopaba. Durante o emirato de Córdoba Abd allah al-Balansi exerceu unha especie de goberno autónomo sobre a área valenciana, mais máis aló dos feitos políticos, o verdadeiramente transcendente é a entrada na órbita do islam da cidade, que en pouco tempo troca de lingua, relixión e costumes.

O meirande auxe da cidade comeza cos reinos de taifas (s.XI), un dos cales é o de Balansiya. A cidade medra, e en tempos de Abd al-Aziz eríxese unha nova muralla (s.XI), da cal inda se conservan restos por toda a Ciutat Vella (Cidade Vella). A finais do século XI o Cid, un mercenario de fortuna, entra en Valencia, a cal estará en mans das tropas cristiás de 1094 a 1102. Á súa marcha, os almorábides ocupan a cidade e restauran o culto musulmán e un gobernador á fronte. Pouco despois da súa morte, os almorábides recuperaran a cidade. No 1171 Valencia pasa a ser de dominación almohade.

Conquista e Século de Ouro miniatura|Estatua de Jaume I. miniatura|esquerda|Llotja de la Seda, Patrimonio da Humanidade. miniatura|Penó de la Conquesta, no Arquivo Histórico Municipal. A entrada á Cidade de Valencia do rei catalano-aragonés Jaume I, o 9 d'octubre (9 de outubro) de 1238, pon fin a cinco séculos de cultura musulmá, mais esta deixa unha sólida pegada na cidade e no territorio valenciano.

Logo da vitoria cristiá, a poboación musulmá foi expulsada e a cidade repartida entre aqueles que participaran na conquista. Jaume I outorga á cidade unhas novas leis, os Furs de València, que anos despois foi extensivo a todo o Reino de Valencia. Comeza así unha nova etapa, da man dunha nova sociedade e dunha nova lingua, que establece as bases do pobo valenciano tal coma o coñecemos hoxe.

Durante o século XIV a cidade padece a peste negra (1348), a guerra da Unió (revolta cidadá contra os excesos da monarquía) e a guerra contra Castela, que obriga a alzar moi ás presas unha nova muralla para conter, por dúas veces (1363 e 1364) o ataque castelán. A convivencia entre as tres comunidades, cristiá, xudía e musulmá, que ocupaban a cidade, foi conflitiva ao longo de toda a Idade Media. A xudaría foi asaltada no 1391 e a moraría no 1456.

A finais do século XIV, a morte sen descendentes de Martí l'Humà (Martiño I), desemboca no Compromiso de Casp (compromiso para elixir un novo Rei) e a entronización dos Trastàmara na Coroa de Aragón. No ditame xogaron un destacado papel os irmáns Ferrer: Bonifaci e Vicent.

No século XV Valencia vive unha etapa de gran desenvolvemento económico e de grande influencia política. Créase a Taula de Canvis i Depòsits (Mesa de Trocos e Depósitos), unha banca municipal en apoio das operacións comerciais e a industria local, na que destacaban os téxtiles, acada un gran desenvolvemento, tornándose a cidade nun emporio comercial ao cal acoden mercadores de tódolos recunchos de Europa. A finais do século constrúese a Llotja de la Seda (Lonxa da Seda, hoxe Patrimonio da Humanidade), un centro de transaccións e verdadeiro templo do comercio.

Este auxe económico reflíctese tamén no plano artístico e cultural. Eríxense agora algúns dos edificios máis emblemáticos da cidade, coma as Torres de Serrans (1392), a Lonxa (1482), o Micalet ou a capela dos Reis do convento de Sant Doménec. Na pintura e escultura déixanse sentir as correntes flamengas e italianas en artistas coma Lluís Dalmau, Gonçal Peris o Damià Forment. En literatura, baixo a protección de Afonso III de Valencia florecen autores coma Ausiàs March, Roïç de Corella, Isabel de Villena ou Joanot Martorell, que escribe a prestixiosa novela Tirant lo Blanc. Este foi en definitiva o segle d'or (século de ouro) da literatura valenciana e por extensión da catalá.

Con respecto á influencia política, chegou até o punto que as dúas únicas veces que un bispo hispánico chegou a papa foi con dous bispos de Valencia, con Calisto III e o seu sobriño Alexandre VI.

O Imperio Español miniatura|240px|La pau de les Germanies, óleo sobre lenzo, por Marcelino Unceta A raíz do descubrimento de América, a economía europea comezou a bascularse cara ao Atlántico, en detrimento do Mediterráneo. A pesar da unión dinástica con Castela, a conquista e explotación de América era unha tarefa exclusiva de Castela, e os valencianos, ao igual que os cataláns, aragoneses e mallorquinos, tiñan vedada a participación. Por mor desta situación, Valencia entrou nunha aguda crise económica, que se manifestou pronto coa revolta das Germanies (semellantes ás revoltas irmandiñas galegas) entre 1519 e 1522, un movemento dos gremios e do pobo común contra a oligarquía urbana, e de campesiños de clase baixa contra os terratenentes e os seus súbditos mouriscos. Esta revolta rematou cunha cruel represión para os caudillos irmandados por parte da Vicerraíña Xermana de Foix e supuxo a aceleración do proceso centralizador autoritario monárquico de Carlos V.

A crise acentuouse durante o século XVII coa expulsión dos mouriscos no 1609, os cales supuñan case un terzo de toda a poboación do reino. A decadencia tocou fondo coa Guerra de Sucesión Española de entre 1702 e 1709 que significou o fin da independencia política e xurídica do Reino de Valencia, ao derrogar Filipe V os Furs de València (Foros de Valencia). En 2007 cumpríronse os 300 anos da decisiva derrota na batalla de Almansa, o 25 de abril de 1707. Na lembranza desta data cada 25 de abril celébrase oficialmente o día das liberdades nacionais valencianas.

Os Borbóns miniatura|dereita|O Palau de Justícia de València miniatura|Palau Municipal (Pazo Municipal) (Exposición Rexional 1909) Cos decretos de Nova Planta, é dicir, a abolición dos Foros Valencianos e o acomodo do reino e da súa capital ás leis e costumes de Castela, os cargos do goberno municipal deixaron de ser electivos para pasar a ser de designación directa do monarca, ocupados a miúdo por aristócratas foráneos. Valencia acostúmase a ser unha cidade ocupada, coa presenza de tropas acuarteladas na Ciutadella, xunto ao convento de Sant Doménec, mais tamén noutros edificios, por exemplo a mesma Lonxa da Seda foi cuartel até 1762.

No ámbito económico, o século XVIII foi de recuperación grazas a manufactura de tecidos de seda e outras actividades industriais, coma a taulelleria (fabricación de azulexos).

O XVIII foi o século das ideas e da ilustración, que atopou en Valencia unha resonancia en personaxes coma Gregori Maians ou Francisco Pérez Bayer, que mantiñan correspondencia cos destacados pensadores franceses ou alemáns do momento. Neste ambiente de exaltación das ideas naceu no 1776 a Societat Econòmica d'Amics del País (Sociedade Económica de Amigos do País), introdutora de numerosas melloras na agricultura e a industria e promotora de varias institucións económicas, cívicas e culturais.

miniatura|esquerda|280px|Torres de Serrans, un dos restos da antiga muralla, derrubada no século XIX miniatura|A Cidade de Valencia en 1808. O século XIX comeza coa invasión napoleónica, contra a cal o pobo valenciano levantouse en armas o 23 de maio de 1808, impulsada por personaxes coma por exemplo o Palleter, amotinándose na Ciutadella e repelendo o ataque do Xeneral napoleónico Moncey o 28 de xuño. Máis tarde o Xeneral Suchet repetiu o asedio, acadando o seu obxectivo o 9 de xaneiro de 1812 tras intensos bombardeos. Con todo, o seu control sobre a cidade foi breve, xa que en xullo do ano seguinte ten de abandonala por mor da retirada do exército francés.

Durante esta invasión os valencianos enviaron os seus representantes ás Cortes de Cádiz, onde se redactou unha constitución de carácter liberal e antiseñorial. Porén en maio de 1814 Fernando VII volveu á península a través de Valencia, e derrogou inmediatamente a constitución de Cádiz instaurando un réxime absolutista.

Comeza unha etapa de conflitos entre os absolutistas e os liberais. No marzo de 1820, durante o Trienio liberal (1820-1823), o xeneral absolutista Elío foi executado. Durante a etapa ultraconservadora denominada Década Ominosa (1823-1833) hai unha represión implacábel antiliberal con cargo ás forzas do Estado e a Inquisición, que executou en Valencia á súa última vítima o ano 1824, Gaietà Ripoll, un mestre acusado de "herexe" e "masón".