O alfabeto grego orixinal non posuía diacrítico ningún: a lingua durante séculos escribiuse só en maiúsculas. Os diacríticos, porén, apareceron no período helenístico e volvéronse sistemáticos na Idade Media, desde o século IX; o grego (antigo e moderno) tal e como se tipografía actualmente é, pois, o resultado de moitos séculos de evolución; os diacríticos son hoxe obrigatorios.
Desenvolvemento histórico
O alfabeto grego testemúñase desde o século VIII antes da nosa era. Ata -403, as letras gregas - que só existen en maiúsculas - trázanse de forma diferente segundo as cidades, as rexións. A partir de -403, os atenienses deciden enpregar unha versión do alfabeto xónico, que se enriqueceu segundo, e sobre todo, se ía impoñendo no resto do mundo grego, eliminando máis ou menos rápido as outras formas do alfabeto, os chamados « epicóricos ». O modelo xónico, con todo, tamén conta só con maiúsculas.
É na época helenística cando Aristófanes de Bizancio (finais do século III antes da nosa era) inventaría os espíritos - marcas de aspiración (a aspiración xa se notaba nalgunhas inscricións, non por medio de diacríticos senón de letras) — e os acentos, cuxo emprego comezou a se xeneralizar, para ser perfecionado na Idade media. Cómpre agardar ata o século II para que os acentos e os espíritos aparezan, esporadicamente, nos papiros.
No século IX da nosa era, a puntuación, as minúsculas (que forman un conxunto composto de formas cursivas e de reducións de maiúsculas) e os diacríticos son de uso sistemático e chégase mesmo a corrixir os manuscritos máis antigos. A imprenta acelerou o proceso de normalización.
En 1982, con todo, o antigo sistema, chamado « politónico », composto de signos que desde había tempo eran inútiles, simplificouse: é o sistema « monotónico », que é oficial en Grecia.
Sistema politónico
Os diacríticos que se usaban en grego antigo son moito máis numerosos cós do grego moderno. Chámase sistema politónico, (πολυτονικὸν σύστημα polutonikòn sústêma) ao conxunto das regras de uso dos diacríticos da lingua antiga: en efecto, como veremos, esta lingua distiguíase pola existencia de tres acentos, de feito modulacións, de onde o de politónico: « con moitas entonacións ». Oponse este sistema complexo ao chamado monotónico, utilizado hoxe para o grego moderno (véxase máis abaixo).
Espíritos
῾ ᾿
Os espíritos só se escriben sobre unha vogal ou un ditongo inicial ou sobre a consoante rho (Ρ ρ) tamén en posición inicial. O seu nome significa propiamente «sopro» (do latín spiritus) e non «alma». Indican a presenza (espírito áspero: ῾) ou non (espírito suave: ᾿) dunha consoante [h] ante a primeira vogal da palabra.
A súa localización é particular:
enriba dunha letra minúscula: ἁ, ἀ, ῥ, ῤ; á esquerda dunha letra maiúscula: Ἁ, Ἀ, Ῥ, ᾿Ρ; sobre a segunda vogal dun ditongo: αὑ, αὐ, Αὑ, Αὐ.
Toda palabra que empece por vogal, ditongo ou rho debe levar espírito. Pero un texto escrito totalmente en maiúsculas non os levará. Distinguirase desta maneira un iota adscrito (véxase máis abaixo) que non pode levar diacríticos: Ἄιδης non estaá pois composto do ditongo ᾰι, que levaría os diacríticos Αἵ- coa maiúscula, senón do ditongo con primeiro elemento longo ᾱι, que podería tamén escribirse ᾍι-.
Espírito áspero
ἡ Na orixe, no alfabeto que empregaban os atenienses, o fonema [h] representábase coa letra eta (Η), que deu o H latino. Despois da reforma de -403, normalizouse un modelo xónico (e impúxose de feito ao resto de Grecia), modelo no que a mesma letra se empregaba para notar un [ɛː] (e aberto longo), pois a letra Η quedara dispoñible pola súa inutilidade en xónico por causa da psilose (desaparición da aspiración). Así, unha vez popularizado o modelo xónico, deixou de ser posible notar o fonema [h] aínda que era pronunciado en varios dialectos, entre os que contaba o xónico-ático de Atenas e, a partir del, a koiné, ata época imperial.
Aristófanes de Bizancio, no século III antes da nosa era, sistematiza o uso dun H cortado en dous, do que se atopan testemuños epigráficos anteriores (por exemplo en Taranto). Esta parte do H deu Ficheiro:Dasus.png, ás veces L, carácter pronto simplificado en ҅ nos papiros, logo en ῾ a partir do século XII, aparecendo o diacrítico chamado πνεῦμα δασύ pneũma dasý, « sopro áspero ». Non hai que esquecer que nesta época o fonema [h] desaparecera do grego: a invención e o perfeccionamento deste diacrítico inútil na práctica é, pois, dun arcaísmo gramatical excepcional.
O emprego do espírito áspero como diacrítico, con todo, limítase ás iniciais vocálicas e ao rho en principio de palabra; non é posible indicar facilmente a presenza de [h] no interior dunha palabra ou ante consoante: ὁδός lese hodós (« estrada ») pero no composto σύνοδος sýnodos (« reunión », que dá sínodo en galego), nada indica que haxa que ler sýnhodos. En gramática grega, dise dunha palabra que empece por [h] que é δασύς dasýs (« áspera »).
No dialecto xónico-ático, o de Atenas (que deu orixe, ao se converter en koiné, ao grego moderno), o fonema /r/ era sempre xordo en posición inicial: ῥόδον («(a) rosa») pronunciábase [r̥ódon] e non [ródon]. Para notar este fenómeno, ampliouse o papel do espírito áspero: todo rho inicial debe levalo. Isto explica por que as palabras de orixe grega que empezan por r que pasaron ás linguas modernas se escriban sempre con rh- en francés ou inglés, pero con r- en galego: por exemplo, a palabra rododendro é rhododendron en francés. Como existen dialectos con psilose (desaparición da aspiración; é o caso do eolio de Safo, por exemplo), as edicións modernas de tales textos utilizan ás veces o espírito suave sobre o rho inicial.
Espírito suave
ἠ Mentres que o espírito áspero indica a presenza dun fonema, [h], o espírito suave not a ausencia dun tal fonema: de feito, nondesempeña papel ningún, non sendo o de permitir unha mellor lectura; en efecto, xa que só o poden portar as vogais iniciais, como o espírito áspero, indica claramente o principio de determinadas palabras. nos manuscritos medievais, moitas veces de difícil lectura, é evidente que tal signo desempeña un non desprezable papel, a fin de contas.
A invención do espírito suave — ou πνεῦμα ψιλόν pneũma psilón «sopro simple» — atribúese tamén a Aristófanes de Bizancio. Pero xa existía anteriormente. Trátase simplemente da inversión do áspero: o semi-eta Ficheiro:Psilon.png convértese en ҆ e logo en ᾿.
Excepto nas edicións francesas, cando dous rho se seguen nunha mesma palabra, é posible escribilos -ῤῥ-, como en πολύῤῥιζος polýrrizdos («que ten varias raíces»). Nunha edición francesa, a palabra escribiríase πολύρριζος. Esta grafía -ῤῥ- non ten xustificación.
Acentos
´ ` ῀ A lingua grega da Antigüidade tiña acento de altura, do mesmo xeito có lituano clásico ou có sánscrito védico. Coñecía dous ou tres acentos (non é doado precisalo), dos que un era unha modulación (ver Acentuación do grego):
unha elevación da voz; unha elevación e logo unha caída (modulación); quizais unha caída.
Unha das invencións meirandes dos filólogos alexandrinos, quizais tamén Aristófanes de Bizancio, xunto coa dos espíritos, consistiu en indicar o lugar dos acentos, o que as inscricións clásicas nunca ants fixeran. O sistema escollido é simple; son acentos cuxo trazado representa a modulación vocal. Así, a elevación da voz (↗) represéntase cun trazo ascendente subscrito: ´; a modulación descendente e logo ascendente (↗↘) con ^. Finalmente, a ausencia de elevación ou o descenso (↘) simbolízase cun `.
A localización dos acentos segue a dos espíritos:
enriba dunha letra minúscula: ά, ᾶ, ὰ; á esquerda dunha maiúscula; neste caso, o signo vai por forza precedido dun espírito: Ἄ, Ἂ, Ἆ; sobre a segunda vogal dun ditongo; se esta é inicial, o acento sitúase tras o espírito: αύ, αὺ, αῦ, αὔ, αὒ, αὖ, Αὔ, Αὒ, Αὖ.
Non todas as palabras levan un acento (existen enclíticos e proclíticos). Nun texto en maiúsculas non se escriben nin espíritos nin acentos.
O sistema acentual do grego así como as súas regras descríbense en detalle no artigo «Acentuación do grego».
Acento agudo
ή Chamada τόνος ὀξύς tónos oksýs, «entoación aguda», a elevación da voz represéntase co acento agudo. Segundo os testemuños de filólogos antigos, esta elevación alcanzaba unha quinta.
O acento agudo pode atoparse sobre unha vogal ou un ditongo de calquera timbre, pero a súa posición na palabra está suxeita ás leis de limitación (na práctica, non pode ir máis aló da entepenúltima sílaba se a última vogal é breve, nin máis aló da penúltima se esta última vogal é longa).
Acento circunflexo
ῆ É a προσῳδία ὀξυϐαρεῖα prosôidía oksybareĩa, «melodía aguda-grave», ou περίσπασις períspasis, «(pronunciación) oblicua» cuxo signo resulta da unión dun acento agudo e outro grave. Este toma segundo os editores e os programas utilizados a forma dun acento circunflexo: η̂, dun circunflexo curvado: η̑, ou dun til: η̃. Sexa cal for a súa forma, sempre se chama circunflexo.
O acento circunflexo só pode atoparse sobre unha vogal longa (ᾱ, η, ῑ, ω, ῡ) ou un ditongo. A súa posición na palabra está suxeita ás leis de limitación (sobre a penúltima sílaba se a derradeira vogal é breve, sobre a derradeira sílaba se esta é longa).
Acento grave
ὴ A entoación ou τονὸς βαρύς tonòs barýs márcase co acento grave. Non é posible determinar exactamente como se realizaba esta entoación. Nos primeiros tempos, toda vogal átona podía levalo, cousa que permitiría pensar que non se trata dunha entoación particular (como unha caída da altura da voz) senón dunha ausencia de entoación. o uso, con todo, limitou o seu emprego ás palabras con final agudo seguidas doutra palabra tónica.
Así, emprégase o acento grave no canto do agudo final dunha palabra que non se atopa ante unha pausa: τονός tonós vólvese τονὸς tonòs ante βαρύς barýs, por exemplo. Só se pode, pois, atopar en final.
Diérese
ϊ ϋ Aparecida no curso da Idade Media, a diérese, διαίρεσις diáiresis ponse sobre un iota ou un ípsilon para indicar que estas dúas letras non forman o segundo elemento dun ditongo, senón o principio dunha sílaba nova. Atópase nun pequeno número de palabras: αὐτή autế [aʷtɛ́ː] « ela mesma», pero ἀϋτή aütế [a.yːtɛ́ː] «berro de guerra», ou mesmo ῥοΐσκος roḯskos [r̥o.ískos] «borla en forma de granada que decora o baixo da túnica do Gran Sacerdote dos xudeus».
En certas edicións, a diérese omítese se a grafía non é ambigua; ἀϋτή aütế pode escribirse sen problema ἀυτή: a situación do espírito chega para indicar o estatuto independente do υ y.
A diérese úsase nun texto totalmente en maiúsculas, ao contrario dos espíritos e os acentos. Obviamente nunca se atopa en principio de palabra.
Iota «mudo» ou subscrito
ᾳ ῃ ῳ A lingua grega clásica coñecía ditongos con primeiro elemento longo — ᾱι [aːʲ], ηι [ɛːʲ] e ωι [ɔːʲ] —, frecuentes na flexión nominal e verbal. Estes ditongos, con todo, foron simplificados a partir do século II antes da nosa era no dialecto de Atenas, ben por abreviación do primeiro elemento: [aːʲ] > [aʲ], ben, máis frecuentemente, por monotongación: [aːʲ] > [aː] (perda do segundoi elemento). As inscricións antigas escriben pois ΑΙ, ΗΙ, ΩΙ antes do século II e Α, Η, Ω despois.