Un apicoplasto é un orgánulo derivado dun plasto con función non fotosintética, que se encontra en moitos protistas Apicomplexa, entre os que está o parasito da malaria Plasmodium falciparum, pero non noutros como Cryptosporidium. A presenza dun plasto nestes organismos heterótrofos e parasitos é estraña, e, aínda que a orixe do orgánulo non está de todo clara,Waller R. pénsase que se orixinaron por medio dunha antiga endosimbiose secundaria nos devanceiros destes protistas.Margulis L. O apicoplasto está rodeado de catro membranas, o que apoia a súa orixe a partir dunha endosimbiose secundaria. Como entre os organismos con apicoplastos está o plasmodio da malaria están facéndose algunhas investigacións para tratar de buscar drogas que alteren o funcionamento deste orgánulo, que parece ser vital para o parasito. Por exemplo, certos herbicidas parecen alterar os apicoplastos sen afectaren aos mamíferos.

Descrición Os apicoplastos son ovoides, pequenos (0,15-1,5 μm) e só hai un por célula. Atópase situado preto do núcleo e en estreita asociación cunha mitocondria. Está rodeado por catro membranas . No interior teñen ADN circular de 35 kb que codifica 30 proteínas, e ARNts. Contén unhas partículas que se cre son ribosomas bacterianos, e uns túbulos internos que lembran a tilacoides..

Función Os antigos plastos incorporados por endosimbiose dexeneraron e perderon a súa función fotosintética, converténdose en apicoplastos, pero as súas funcións actuais na célula non están claras. Sábese que o orgánulo é vital para a supervivencia do parasito. Porén, a destrución do orgánulo non causa a morte inmediata do parasito, pero impídelle poder invadir novas células hóspedes. Isto suxire que podería intervir no metabolismo de lípidos. Se o parasito non pode sintetizar suficientes ácidos graxos tampouco pode formar o vacúolo chamado parasitóforo, que é imprescindible para poder invadir as células hóspedes. De feito, neles foi atopada unha ácido graxo sintetase tipo II.

Tamén se ten suxerido que poderían intervir na síntese do grupo hemo e na de aminoácidos e no desenvolvemento celular, pero con menor base experimental.

Notas

Véxase tamén Plasto Endosimbiose FNR (encima de orixe vexetal contido nos apicoplastos)

Categoría:Orgánulos Categoría:Bioloxía celular Categoría:Protistas