Antonio Bonet Correa, nado na Coruña o 20 de outubro de 1925 e finado en Madrid o 22 de maio de 2020, foi un catedrático e historiador da arte galego, presidente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando dende decembro de 2008 a 2015 e catedrático emérito da Universidade Complutense de Madrid.

Traxectoria Era fillo do militar e pintor José Bonet Peñalver e da escritora Asunción Correa Calderón.

Formado na Universidade de Santiago de Compostela, licenciouse en Filosofía e Letras en 1948. Marchou a París para estudar no Institut d'Historie de l'Art da Universidade de París e diplómase en Museoloxía pola Escola do Louvre. Entre 1951 e 1957 traballou como lector e profesor de Historia da Arte na Universidade de París (Sorbona). Ese mesmo ano de 1957, conseguiu o doutoramento en Historia da Arte pola Universidade Complutense, e recibiu o Premio Nacional Menéndez Pelayo pola súa tese sobre a Arquitectura Barroca do século XVII.

Ten usado o pseudónimo de Andrés de Cernadas.

Traxectoria profesional Regresou a España en 1958, sendo sucesivamente profesor adxunto na Universidade Complutense de Madrid até 1963; en 1964 conseguiu a cátedra de Historia da Arte na Universidade de Murcia onde estivo até 1967. A partir de 1968, ostentou a cátedra de Historia da Arte Hispanoamericana na de Sevilla e, posteriormente, en 1973, a de Historia da Arte Xeral e Historia da Arte Hispanoamericana na Complutense de Madrid.

De 1981 a 1983 foi vicerreitor da Uni­versidade Complutense.

En 1975, foi encarcerado, xunto con outras personalidades da cultura, pola súa pertenza á Junta Democrática, sendo liberado aos poucos días.

Desenvolveu o seu labor tamén como director do Museo de Belas Artes de Sevilla, e foi autor de numerosas obras e artigos científicos e crítica de arte nos diarios El Correo de Andalucía e ABC.

Dende 1986 foi membro da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, substituíndo en decembro de 2008 na presidencia desta institución a Ramón González de Amezúa. Permaneceu no cargo até 2015, en que foi nomeado director honorario.

Así mesmo, foi investido en xullo de 2013 doutor honoris causa na Universidade de Santiago de Compostela, sendo o padriño o catedrático de Historia da Arte Alfredo Vigo Trasancos.

Ten escritos máis de 40 libros e dirixido máis de 30 teses.

Outros cargos Foi académico da Real Academia de Santa Isabel de Hungría de Sevilla, da de Belas Artes de San Jorge, da Academia Nacional de Belas Artes de Lisboa e da Academia Nacional da Arxentina. Membro do International Council of Museums (ICOM) e do Comité Internacional da Historia da Arte.

Foi membro Correspondiente da Real Academia Galega de Belas Artes dende 1998 e o 26 de xaneiro de 2002 foi nomeado Académico de Honra, cargo do que tomou posesión o 13 de maio de 2005.

Ademais, foi presidente da Asociación de Críticos de Arte de España e da Feira de Arte Contemporánea de Madrid (ARCO).

Vida persoal En marzo de 1953 casou en París con Monique Planes Durand. Tiveron tres fillos, un dos cales é o poeta e, tamén, historiador da arte Juan Manuel Bonet.Pasamar Alzuria (2002): «Bonet Correa-Calderón, Antonio», pp. 135-137

Recoñecementos

2004, Doutor honoris causa pola Universidade de Vigo. 2007, Doutor honoris causa pola Universidade de Estremadura. 2010, Medalla de ouro do Círculo de Belas Artes de Madrid. 2012, Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes (2012) concedida polo ministerio de Educación e Cultura. 2013, Doutor honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela 2014, Doutor honoris causa pola Universidade de Málaga. 2016, Premio Fundación Amigos do Museo do Prado. 2017, Doutor honoris causa pola Universidade de Sevilla.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas

Obras en Cervantes Virtual.

Categoría:Historiadores da arte de Galicia Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1925 Categoría:Finados en 2020 Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade de Vigo Categoría:Enciclopedistas de Galicia Categoría:Académicos da Real Academia de Belas Artes de San Fernando Categoría:Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Profesores da Universidade de París Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Catedráticos da Universidade de Sevilla Categoría:Catedráticos da Universidade Complutense de Madrid Categoría:Catedráticos da Universidade de Murcia Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade de Málaga Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade de Sevilla Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes