miniatura|Representación na proxección de Fischer dunha molécula de D-gliceraldehido, a aldosa máis pequena.Unha aldosa é un monosacárido (un glícido simple) que contén un grupo aldehido, é dicir, un carbonilo no extremo da molécula. A súa fórmula química xeral é CnH2nOn (n>=3). Os carbonos numéranse empezando polo do grupo aldehido (o máis oxidado da molécula). A aldosa máis simple ten tres átomos de carbono e é o gliceraldehido; a posición do seu OH serve para determinar a isomería D e L (enantiómeros) nos monosacáridos. O monosacárido máis importante do noso metabolismo, a glicosa, é unha aldosa.

As aldosas denomínanse aldotriosas, aldotetrosas, aldopentosas, aldohexosas etc. segundo teñen respectivamente 3 átomos de carbono, 4, 5 ou 6.

As aldosas isomerizan a cetosas por medio da transformación de Lobry-de Bruyn-van Ekenstein. As aldosas difiren das cetosas en que estas teñen o carbonilo (C=O) nun carbono do medio da molécula, en vez de telo no extremo como as aldosas.

As aldosas de 5 ou máis átomos de carbono en disolución orixinan moléculas cíclicas, xa que se forma un enlace intramolecular entre o grupo aldehido e un OH doutro carbono, orixinando un hemiacetalLehninger A. principios de Bioquímica. Omega (1988). Páxina 282. ISBN 84-282-0738-0 no que os dous carbonos implicados quedan unidos por un átomo de osíxeno. O 99% das aldosas en disolución están cicladas.

As aldosas poden detectarse no laboratorio por medio do test de Seliwanoff, que, en realidade, se usa para detectar cetosas, pero un resultado negativo indicará a presenza de aldosas.

Lista de aldosas Triosa: gliceraldehido. Tetrosas: eritrosa, treosa. Pentosas: ribosa, desoxirribosa, arabinosa, xilosa, lixosa. Hexosas: alosa, altrosa, glicosa, manosa, gulosa, idosa, galactosa, talosa. miniatura|Esta representación da manosa (ou α-D-manopiranosa) é un exemplo de aldosa ciclada con enlace hemiacetálico intramolecular.|centro

Notas

Véxase tamén Cetosa Monosacárido

Categoría:Carbohidratos Categoría:Monosacáridos