O Tampereen Ilves, ou simplemente Ilves, é un equipo profesional de hóckey sobre xeo da cidade de Tampere (Finlandia). Actualmente compite na Liiga, a máxima categoría do hóckey sobre xeo finlandés, competición da que é un dos equipos fundadores. Xoga os seus partidos como local no Nokia Arena, un pavillón con capacidade para 13 455 persoas que comparte con Tappara.

Fundado en 1931, é a sección de hóckey sobre xeo do club polideportivo do mesmo nome. Trátase do equipo máis laureado do hóckey sobre xeo finlandés, tendo gañado o campionato nacional en 16 ocasións. Con todo, o equipo non gañou máis que unha vez o campionato dende que a competición adoptou a denominación actual. Ademais conquistou nove medallas de prata e trece de bronce, e conquistou a copa nacional (denominada Suomen Cup) en dúas ocasións.

Ilves conta tamén cun equipo feminino, denominado Ilves Naiset, que con 10 campionatos nacionais e unha copa de Europa é un dos equipos máis laureados do hóckey sobre xeo feminino de Finlandia.

Historia

Fundación e primeiras tempadas miniatura|O Tampereen lyseo, onde naceu Ilves en 1931. O Ilves foi fundado no instituto Tampereen Lyseo o 10 de abril 1931 por Niilo Tammisalo, que era profesor no centro, para que o alumnado puidera practicar deportes de pelota. Tammisalo acabaría converténdose no primeiro presidente do club.

Ilves xogou o seu primeiro partido no xeo do Näsijärvi o 24 de xaneiro de 1932, caendo por 2 goles a 1 fronte ao Tampereen Palloilijat (TaPa) marcando para Ilves Reino Lahtinen. Pouco despois o equipo debutou en competición oficial, de novo fronte a TaPa no mesmo escenario, o 6 de febreiro dese mesmo ano na primeira rolda do campionato finlandés, nun partido que finalizou co mesmo resultado que o disputado uns días antes. Na súa segunda tempada os de Tampere enfrontáronse en Helsinqui ao Helsingfors Skridskoklubb (HSK) o 12 de febreiro de 1933, caendo por cinco goles a dous nun partido eloxiado pola prensa local como o "o mellor partido de hóckey xogado nunca en Finlandia". O 6 de marzo dese mesmo ano Ilves enfrontouse a un combinado da capital finlandesa, gañando 4-3 para sorpresa da maioría, con este partido o equipo foi seleccionado para enfrontarse ao equipo sueco do Hammarby IF, contra o que perdeu pola mínima (1-0). En decembro de 1933 Ilves finalizou a súa pista de xogo á beira do Pyhäjärvi.

En 1934 Ilves acadou o terceiro posto do campionato finlandés, gañando a medalla de bronce. Esa tempada, a suxestión de Ilves, o campionato finlandés disputouse en formato de liga e non de copa, co cal unha derrota inicial non puña fin á participación dun equipo na competición. O equipo de Tampere comezou a súa andaina en Helsinqui fronte o Helsingin Palloseura (HPS), fronte ao que caeu por tres goles a un. O seguinte partido, celebrado en Tampere, empatou (1-1) co Helsingfors Skridskoklubb (HSK), mentres que o derradeiro partido supuxo a primeira vitoria da historia de Ilves logo de derrotar a Helsingin Jalkapalloklubi (HJK). O xogador de Ilves Jaakko Tiitola converteuse no máximo puntuador e compartiu o título de máximo goleador xunto con Holger Sarmola. En inverno dese ano Niilo Tammisalo puxo punto e final á súa carreira como xogador e converteuse en adestrador do equipo a tempo completo, así como en presidente da entidade. Ao final da tempada, o tamaño insuficiente da pista e os problemas causados pola patinaxe no xeo do lago levaron ao equipo a abandonar o novo campo logo de tan só unha tempada e a decidir construír unha nova pista de xeo.

O ano seguinte o equipo de Tampere mellorou a súa clasificación final logo de conseguir a medalla de prata tras finalizar en segunda posición por detrás de HJK. O equipo do lince gañou a metade dos catro partidos disputados, vencendo todos os encontros que disputou como local e perdendo nas súas dúas visitas á capital. Esa tempada debutou o primeiro reforzo estranxeiro do equipo, o turco Feyzi Ahsen-Böre. Ademais o equipo mudou a súa pista ao extremo sur de Koulukatu e Mariankatu, nuns terreos do Club de Tenis de Tampere, xunto á Escola de Economía.

Primeiros títulos miniatura|Equipo de Ilves campión de Finlandia en 1938. En 1936, tan só dous anos despois da súa primeira medalla proclamouse campión por primeira vez na súa historia, revalidando o título os dous anos seguintes.

Tempos de guerra En 1942, logo de permanecer invicto durante catro anos, o Ilves perdeu un partido en Hämeenlinna, onde o Tarmo puxo fin a unha xeira de 34 vitorias consecutivas. En 1945 o Ilves alzouse novamente como campión finlandés, revalidándoo novamente os dous anos seguintes, e conseguindo novamente entre 1950 e 1952 outros tres títulos consecutivos sen perder ningún partido.

En 1965 construíuse en Tampere o primeiro estadio cuberto de hóckey sobre xeo, o Hakametsän jäähalli, converténdose o moderno estadio na casa do Ilves.

En 1970 finaliza na segunda posición por terceiro ano consecutivo. O equipo consegue estar entre as tres primeiras posicións durante nove anos seguidos, conseguindo dúas medallas de ouro, catro de prata e tres de bronce entre 1963 e 1970. O 15º título do equipo chegou en 1972, coa superestrela canadense Len Lunde (primeiro xogador estranxeiro do Ilves e que tamén adestraría ao equipo).

Entre 1976 e 1982 o equipo sofre unha crise de resultados, non conseguindo ningunha medalla nestes anos, mais en 1985 chegaría o 16º título nacional tras derrotar ao TPS nunha emocionante final ao mellor de cinco partidos na que os de Turku gañaron os dous primeiros partidos e o Ilves conseguiu remontar a final na mellor remontada vista nunca no hóckey finlandés. En 1990 rematou na segunda posición, gañando na final o TPS por catro partidos a dous. En 1998, tras non conseguir ningunha medalla nas sete tempadas anteriores, o Ilves chegou unha vez máis á final baixo a dirección do adestrador ruso Vladimir Jursinov, onde o HIFK de Helsinqui dominou a serie e gañou o título tras vencer en tres partidos (3-0). A última medalla gañada ata o momento polo equipo chegou en 2001, cando conseguiu unha sorprendente terceira posición, mais tan só dous anos despois o equipo viviría a súa tempada máis triste logo de finalizar na derradeira posición na liga, conseguindo porén ao ano seguinte unha meritoria sexta praza baixo a dirección do adestrador checo Vaclav Sykora. En 2005, logo dunha mala tempada de outono, a tripla do canadense Steve Kariya, o checo ex de Atlanta Thrashers Patrik Stefan, e Hannes Hyvönen axudou ao Ilves a conseguir unha meritoria sétima posición, mellorando ao ano seguinte cunha sexta praza.

No 2008 retirouse un dos mellores xogadores do Ilves, Raimo Helminen, rematando a tempada nos cuartos de final fronte ao Oulun Kärpät, que finalmente se faría co título de liga. Con todo, no 2010 o equipo finaliza a liga regular na última posición, gañando a permanencia nos playoffs. Ao ano seguinte, no 2011, o equipo integrado principalmente por xogadores xoves conseguiu unha meritoria oitava posición.

O 26 de xaneiro de 2021 o Museo finlandés do hóckey sobre xeo inaugurou unha exposición adicada ao club con motivo do seu 90º aniversario.

Identidade do equipo Cores miniatura|O negro, o verde e o negro son as cores principais do equipo. As cores principais de Ilves son o verde, o amarelo e o negro, que teñen aparecido nas camisolas ao longo dos anos coa excepción das brancas e violetas das tempadas 1982 a 1984. A primeira cor empregada polo equipo foi, con todo, o branco. A partir de 1932 e ata 1945 a camisola pasou a ter faixas horizontais verdes e vermellas, mentres que a partir de 1945 pasou a ser completamente negra. A partir de 1962 introduciuse unha segunda camisola para os partidos como visitante, sendo a cor branca a primeira empregada.

Entre 1970 e 1972 empregou tan só unha camiseta amarela, tanto para os seus partidos como local como nos que foi visitante. Logo deste período recuperou a camisola negra no primeiro equipamento, e principalmente o branco e o amarelo no segunda. A partir de 1982 e ata 1993 a cor principal da primeira camisola foi o branco, empregando o verde e o negro para o segundo equipamento en distintos períodos, coa excepción do violeta empregado entre 1982 e 1984.

En 1996 recuperou a cor negra, que mantivo ata 2002, cando a cor principal volveu ser o branco. O verde foi adoptado como cor principal por primeira vez en 2005 e mantívose ata 2017. Durante as tempadas 2018-19 e 2019-20 o primeiro equipamento era negro, amarelo e verde, mentres que para a 2020-21 o negro foi substituído polo branco.

Ilves tamén empregou en determinados partidos camisolas conmemorativas e retro. O 6 de febreiro de 1966, durante un partido fronte a RU-38, o equipo empregou unha camisola branca de loito pola morte de Jarmo Wasama. Do mesmo xeito, durante a participación do equipo en competicións internacionais este empregou distintas camisolas ás empregadas na competición nacional. O 9 de outubro de 2021 o equipo celebrou o seu 90 aniversario durante o partido que o enfrontou a SaiPa, durante o mesmo os xogadores vestiron unha camisola verde e negra cun lince amarelo no centro inspirada na primeira camisola do equipo.

Logotipo O primeiro logotipo de Ilves, en funcionamento dende 1931 ata 1945 consistía na figura dun lince amarelo, que con posterioridade mudou a unha forma redonda cunha base negra e verde rodeada por unha franxa amarela, no centro encontrábase a figura do lince e ao redor podía verse o texto "Ilves Tampere". Este logotipo redondo foi modificado varias veces entre 1945 e 1962 e mesmo empregáronse simultaneamente diferentes logotipos do club.

O logotipo actual do equipo foi deseñado por Rauno Broms e consiste nunha cabeza de lince de cor amarela amosando os dentes. Este logotipo foi introducido en 1962, cando o daquela xerente do equipo Seppo Helle quixo renovar a marca do equipo para facela máis atractiva para a xente nova. Logo de rexeitar numerosas propostas Helle escolleu o deseño de Rauno Broms, que se mantivo entre os anos 1962 e 1993.

Foi en 1993 cando Mikko Mäkelä, que pasou a liderar o equipo de hóckey sobre xeo, quixo renovar a aparencia visual do club, polo que Harri Sulonen deseñou un novo logotipo para Ilves, influenciado pola versión anterior a 1962, recuperando a forma redonda e a figura do lince completa, vista de perfil. Con todo, a firma Ilves seguiu a empregar o deseño de 1962.

O 8 de novembro de 1999 o equipo volveu empregar a versión de 1962-1993 coa cabeza do lince por iniciativa de Risto Jalo, que fora escollido conselleiro delegado do equipo de hóckey sobre xeo. En outono dese ano Jalo quixo reparar as pontes entre o equipo de hóckey sobre xeo e o club matriz, e como símbolo desta reparación recuperou o deseño de 1962, que na tempada 2021-22 se mantiña como imaxe do club.

Música miniatura|Costello Hautamäki, autor de "We Are the Kings", a canción de gol de Ilves dende a tempada 1989-90. Na tempada 1989-90 Ilves adoptou a súa propia canción de gol (en finés maalilaulu), "We Are the Kings", un tema rock en inglesa composto polo guitarrista de Popeda Costello Hautamäki, que foi gravada na súa versión actual na tempada 1993-94. En 1997 engadiuse ao principio da canción unha bucina de néboa, sendo Ilves o segundo equipo en engadir este elemento logo de Lukko.

Mascota miniatura|Ipa, mascota de Ilves, durante o descanso dun partido fronte a JYP no estadio de Hakametsä. En agosto de 2019 o equipo iniciou un cásting para seleccionar á persoa que encarnaría á nova mascota do equipo, que é un lince antropomorfo. Ese mesmo ano presentou a súa nova mascota, cuxo nome foi escollido por votación da afección. Os posibles nomes que recolleu a páxina de Facebook foron Nipa, Ipa, Raipe, Ile e Ilpo, e o período de votación finalizou o 23 de outubro. A presentación da mascota e o anuncio do seu nome tivo lugar o 26 de novembro durante o partido que xogou Ilves fronte a Pelicans. Finalmente o nome gañador foi Ipa, figurando no Twitter como "Ipa #00".