Para a enfermidade causada por Listeria ver listeriose.

Listeria é un xénero de bacterias grampositivas con forma de bacilos, que comprende dez especies. O xénero recibiu o seu nome en 1940 en honor ao cirurxián inglés pioneiro no uso da esterilización microbiana en cirurxía Joseph Lister. O principal patóxeno humano do xénero é L. monocytogenes, que é o axente causante normal da listeriose, unha enfermidade infecciosa bacteriana rara grave causada pola inxestión de alimentos contaminados con bacterias, que afecta principalmente a mulleres preñadas, neonatos e adultos con sistemas inmunitarios debilitados ou a vellos.

A listeriose é unha enfermidade grave en humanos; a forma manifesta da enfermidade ten unha taxa de mortalidade de 20-30%Ramaswamy V, Cresence VM, Rejitha JS, Lekshmi MU, Dharsana KS, Prasad SP, Vijila HM. (02 2007). "Listeria – review of epidemiology and pathogenesis." (PDF). J Microbiol Immunol Infect. 40 (1): 4–13. PMID 17332901. Retrieved 2010-09-05.. As dúas manifestacións clínicas principais son a sepse e a meninxite. A meninxite con frecuencia complícase con encefalite, unha patoloxía que é infrecuente en infeccións bacterianas. Listeria ivanovii é un patóxeno de mamíferos ruminantes, e ten causado en raras ocasións listeriose en humanos.Christelle Guillet, Olivier Join-Lambert, Alban Le Monnier, Alexandre Leclercq, Frédéric Mechaï, Marie-France Mamzer-Bruneel, Magdalena K. Bielecka, Mariela Scortti, Olivier Disson, Patrick Berche, José Vazquez-Boland, Olivier Lortholary, and Marc Lecuit. Human Listeriosis Caused by Listeria ivanovii. Emerg Infect Dis. 2010 January; 16(1): 136–138.

Clasificación O primeiro caso documentado de infección por Listeria data de 1924. A finais da década de 1920, dous investigadores identificaron independentemente Listeria monocytogenes en animais. Propuxeron para o xénero o nome de Listerella en honor do cirurxián abandeirado da antiséptica Joseph Lister, pero ese nome estaba xa usándose para designar a un mofo mucoso e un protozoo. Finalmente, propúxose para el o novo nome Listeria, que foi aceptado. Todas as especies do xénero Listeria son bacilos grampositivos, non formadores de esporas, catalase positivos. O xénero Listeria foi clasificado na familia Corynebacteriaceae na sétima edición do Manual de bacterioloxía sistemática de Bergey. Os estudos de catalogación do ARNr 16S de Stackebrandt et al. demostraron que L. monocytogenes é un taxon diferente dentro da rama Lactobacillus-Bacillus da filoxenia bacteriana elaborada por Woese. En 2004, o xénero foi situado nunha familia de nova creación, a Listeriaceae. Comparte a familia só con outro xénero, o Brochothrix.Elliot T. Ryser, Elmer H. Marth. Listeria, Listeriosis, and Food Safety. Second edition. Elmer Marth. 1999.

Actualmente o xénero contén as dez especies seguintes: L. fleischmannii, L. grayi, L. innocua, L. ivanovii, L. marthii, L. monocytogenes, L. rocourtiae, L. seeligeri, L. weihenstephanensis e L. welshimeri. Outra especie, Listeria dinitrificans, que inicialmente se pensaba que formaba parte do xénero Listeria, foi despois reclasificada no xénero novo Jonesia.M. D. Collins, S. Wallbanks, D. J. Lane, J. Shah, R. Nietupskin, J. Smida, M. Dorsch and E. Stackebrandt. Phylogenetic Analysis of the Genus Listeria Based on Reverse Transcriptase Sequencing of 16S rRNA. International Journal of Systematic and Evolutionary Microbiology. April 1991 vol. 41 no. 2 240-246

Características Vistas ao microscopio, as especies de Listeria aparecen como pequenos bacilos grampositivos ás veces dispostos en curtas cadeas. En frotis directos, poden ser cocoides, polo que poden confundirse con estreptococos. As células máis longas poden parecerse a corinebacterias. Forman flaxelos a temperatura moderada, pero non se sobe ata os 37 °C. A actividade hemolítica en ágar sangue utilizouse para distinguir L. monocytogenes das outras especies de Listeria, pero non é un criterio absolutamente definitivo. Cómpre unha caracterización bioquímica maior para distinguir con certeza entre as diferentes especies de Listeria.

Listeria pode encontrarse no solo, o que pode facer que contamine os vexetais cultivados. Os animais tamén poden ser portadores. Atopouse Listeria en carnes non cociñadas, vexetais non cocidos, froitas como certos melóns, leite non pasteurizado e outros alimentos feitos con leite, e en alimentos procesados. A pasteurización e un cociñado suficiente matan a Listeria; porén, pode producirse contaminación despois do cociñado e empaquetado. Por exemplo, as plantas de procesamento de produtos cárnicos e alimentos listos para o consumo, como salchichas e embutidos, deben seguir uns procedementos de hixiene exhaustivos para previr a contaminación por Listeria. Deben controlarse tanto os alimentos como as superficies de contacto cos mesmos, estas últimas poden ser tratadas con alcohol e amonio cuaternario. Os alimentos refrixerados en casa deben gardarse a menos de 4 °C, o que evita o crecemento da bacteria.

Listeria monocytogenes atópase comunmente no solo, augas correntes, augas residuais, plantas e alimentos.

Patoxénese

A especie de Listeria L. monocytogenes é responsable da listeriose, unha rara pero potencialmente letal infección alimentaria. A taxa de mortalidade da forma grave da enfermidade é algo superior ao 25%. (esta taxa en Salmonella, en comparación, é de menos do 1%.) Aínda que Listeria monocytogenes ten unha baixa infectividade, é moi resistente e pode crecer a temperaturas desde 4 °C (a temperatura dun refrixerador) ata 37 °C (a temperatura interna corporal). A listeriose é unha enfermidade grave, e pode manifestarse como meninxite ou afectar aos neonatos debido á súa capacidade de penetrar na capa endotelial da placenta.

Listeria realiza unha infección intracelular, e utiliza a maquinaria celular para moverse dentro da célula hóspede: Induce a polimerización directa da actina pola proteína transmembrana ActA, o que empuxa a bacteria servíndolle de forza motora.

Listeria monocytogenes, por exemplo, codifica xenes da virulencia que son termorregulados. A expresión do factor de virulencia é óptimo a 39 °C, e está controlado por un activador transcricional chamado PrfA, cuxa expresión está termorregulada polo elemento UTR termorregulador PrfA. A baixas temperaturas, o transcrito de PrfA non se traduce debido a elementos estruturais situados preto do sitio de unión ao ribosoma. Cando a bacteria infecta ao hóspede, a temperatura do hóspede funde a estrutura e permítelle a iniciación da tradución dos xenes virulentos.

Na maioría dos caos, as Listeria son atacadas polo sistema inmunitario antes de que poidan causar unha infección. As que conseguen escapar á resposta inicial do sistema inmunitario son as que poden espallarse por medio de mecanismos intracelulares e así quedan resgardadas contra os factores inmunes circulantes.

Para invadir as células, as Listeria inducen a súa captación por macrófagos fagocíticos mostrando D-galactosa nos ácidos teicoicos das súas paredes, que despois se unen a receptores de polisacáridos dos macrófagos. Outras importantes adhesinas son as internalinas. Unha vez fagocitada, a bacteria é encapsulada polos orgánulos celulares fagolisosomas ácidos. Porén, Listeria escapa do fagolisomsoma lisando toda a membrana de dito vacúolo segregando unha hemolisina, agora caracterizada como a exotoxina listeriolisina O. A bacteria despois replícase dentro do citoplasma da célula hóspede.

Listeria debe despois navegar á periferia da célula para estender a infección a outras células. Fóra do corpo, Listeria presenta mobilidade por flaxelos. Pero a 37 °C (aproximadamente a temperatura corporal), os flaxelos deixan de desenvolverse e a bacteria utiliza elementos do citoesqueleto celular para moverse, xa que polimeriza unha cola ou "cometa" de actina celular coa promoción do factor de virulencia ActA. Esta "cometa" fórmase dun modo polar e axúdalle á bacteria a migrar á membrana da célula. Na cola de Listeria atópase unha proteína que corta filamentos de actina chamada xelsolina, que acelera a mobilidade da bacteria. Unha vez na superficie celular, a Listeria propulsada por actina empuxa contra a membrana plasmática celular formando unhas protrusións chamadas filópodos ou "foguetes". As protrusións son guiadas polo bordo de ataque da célula para contactar coas células adxacentes, as cales entón fagocitan o "foguete" de Listeria e o proceso repítese, perpetuando a infección. Unha vez fagocitada, a bacteria xa nunca máis volve a ser extracelular, senón que é un parasito intracitoplasmático , igual que o son Shigella flexneri ou Rickettsia.

Tratamento Na listeriose non invasiva, a bacteria xeralmente permanece no tracto dixestivo, causando só síntomas suaves que duran poucos días e só requiren un tratamento sintomático de apoio. Na listeriose invasiva, a bacteria espállase polo sistema circulatorio e o sistema nervioso central. O tratamento inclúe a administración intravenosa hospitalaria de doses altas de antimicrobianos, xeralmente durante non menos de dúas semanas. Entre os antibióticos usados normalmente están segundo os casos os seguintes: ampicilina, penicilina, amoxicilina, e ás veces xentamicina.. As cefalosporinas non son efectivas. En casos de infección por Listeria durante o embarazo cómpre un tratamento rápido con antibióticos para impedir que a bacteria afecte ao feto.

Investigación Listeria é un patóxeno oportunista: É máis común en persoas vellas, mulleres preñadas e pacientes de SIDA. A Listeria virulenta só afecta a aproximadamente a 7 de cada millón de persoas sas cada ano. Unha mellor comprensión da bioloxía celular das infeccións por Listeria, incluíndo factores de virulencia releventes, poden levar a mellores tratamentos para listeriose e outras infeccións por parasitos intracitoplasmáticos. Os investigadores están agora a investigar o uso de Listeria como vacina contra o cancro, aproveitando a súa capacidade de "inducir unha potente inmunidade innata e adaptativa".

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Food and Drug Administration (FDA). 2005. "Foodborne Pathogenic Microorganisms and Natural Toxins Handbook: The ìBad Bug Book" Food and Drug Administration, College Park, MD. Consultado: 1 de marzo de 2006.

Frank, J.F. 2001. "Microbial attachment to food and food contact surfaces". In: Advances in Food and Nutrition Research, Vol. 43. ed. Taylor, S.L. San Diego, CA. Academic Press., Inc. 320–370.

USDA-FSIS. (United States Department of Agriculture – Food Safety and Inspection Service) 2003. "FSIS Rule Designed To Reduce Listeria monocytogenes In Ready-To-Eat Meat And Poultry Products". United States Department of Agriculture Food Safety and Inspection Service, Washington, D.C. Consultado: 1 de marzo de 2006

Ligazóns externas

DMOZ Listeriose. xenoma de Listeria en PATRIC, do National Institute of Allergy and Infectious Diseases.

Categoría:Bacillales