Sortes de Ancares (Suertes de Ancares en castelán e oficialmente) é unha parroquia do concello leonés de Candín, situado na bisbarra do Bierzo. Recibe o seu nome do río Sortes, en cuxa ribeira se levanta a aldea de Sortes. A principal actividade económica é a agricultura de subsistencia e a gandaría. Moitos habitantes de Sortes, así como doutros lugares do val dos Ancares, traballan na minaría na próxima vila de Fabeiro, pero a crise deste sector empeorou a situación económica de Sortes e do resto da bisbarra. Boa parte dos seus habitantes emigraron principalmente a Barcelona e Francia, pero tamén a Ponferrada. A hostalaría local non está desenvolvida e ademais sufriu unha regresión, de feito o hostal e os dous bares, que existían, están pechados . Os veciños de Sortes falan un dialecto do galego chamado ancarés.

Patrimonio En 1965 a parte alta do lugar sufriu un incendio. Moitos dos edificios de arquitectura tradicional como as pallozas e outros edificios, que tiñan os típicos teitos de palla de centeo e elementos de madeira, perdéronse. A reconstrución fíxose nun ano, pero levouse a cabo con materiais baratos non tradicionais, como a lousa, quedando alterados os trazos arquitectónicos típicos ancareses da zona. As restauracións e remodelacións posteriores das casas fixeron perderse a maior parte dos elementos tradicionais dos edificios da comarca. Porén, na parte baixa consérvanse algúns edificios de arquitectura tradicional, algúns deshabitados e outros en bo estado.

Os principais monumentos son os dous muíños hidráulicos, que servían para moer millo e centeo para facer pan. O mellor conservado dos dous é o que se atopa na ribeira do río a carón da igrexa, de estilo tradicional ancarés.

A contorna natural é o seu principal atractivo, na ladeira occidental da Serra dos Ancares, e encravado nunha zona de abundantes bosques de carballos. Conecta cunha pista de terra que leva ao Porto de Cienfuegos e ás brañas de El Cuadro, xa pertencente ao veciño val de Fornela (Forniella no dialecto leonés do val veciño) no actual concello de Peranzais.

Nas inmediacións existe a fervenza das Nieres, a carón dun terreo chairo ben produtivo a nivel agrícola. Nos bosques da cntorna hai unha gran riqueza faunística: corzos, rebezos, xabarís e moitos máis tipos de animais.

Festas A principal festividade é a de San Roque, o 16 de agosto. Tamén é importante o entroido.

Notas

Véxase tamén Outros artigos O Bierzo Serra dos Ancares

Categoría:Parroquias de Candín Categoría:Artigos sen imaxes