Mercury-Atlas 8 ou MA-8, e tamén coñecida como Sigma 7 polo nome da cápsula, foi a terceira misión orbital tripulada do proxecto Mercury co astronauta Walter M. Schirra Jr. a bordo.

Desenvolvemento da misión

Os obxectivos de MA-8 foron similares ós das misións MA-6 e MA-8: avaliar o rendemento do sistema home-nave nunha misión cunha duración de tres órbitas, estudar os efectos do voo espacial no astronauta e obter as impresións do astronauta sobre o funcionamento da nave e dos sistemas de soporte vital.

O lanzamento da misión estaba planeado para principios de setembro, pero foi posposta dúas veces para dar máis tempo para as preparacións previas. O da Mercury-Atlas 8 foi o primeiro lanzamento retransmitido en directo á audiencia de Europa occidental, usando para iso o satélite Telstar.

Nesta terceira misión a cápsula foi modificada para mitigar os problemas atopados nos primeiros voos: por un lado modificouse o sistema de control a reacción para desactivar os propulsores de alta potencia e poder usar os de menor potencia en modo manual e aforrar propelente; e por outro, montáronse dúas antenas adicionais para alta frecuenciaa (montadas no bloque dos retropropulsores) para axudar a manter as comunicacións ó longo do voo. Schirra describiu a súa misión como "de manual", co único problema de acomodar a temperatura correcta no seu traxe. O plan da misión incluía extensos períodos de tempo nos que a cápsula ía á deriva, sen control de actitude, para aforrar propepelente, co resultado de que ao final da misión a cápsula conservaba o 78% da provisión inicial, permitíntolle a Schirra usar o modo automático para a reentrada.

A bordo da cápsula había catro experimentos: un experimento de visibilidade por luz, un experimento de radiación nuclear no que se usaron emulsións fotográficas para detectar raios cósmicos, un experimento de exposición de materiais ablativos á reentrada atmosférica e un experimento de fotografía da superficie terrestre.

Sigma 7 orbitou a unha altura duns 281 km e reentrou tras seis órbitas, caendo no océano Pacífico, a 440 km ó nordeste da illa de Midway e a uns 8,2 km do portaavións de recuperación, o USS Kearsarge.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Proxecto Mercury Mercury-Redstone 3 Mercury-Redstone 4 Mercury-Atlas 6 Mercury-Atlas 7 Mercury-Atlas 9

Categoría:Proxecto Mercury