A selección de fútbol de Galicia é o equipo de fútbol formado por xogadores galegos, que representa á Federación Galega de Fútbol, independentemente de que participen ou non con outras seleccións nacionais recoñecidas pola FIFA. Dado que este organismo non é membro da FIFA nin do COI, a selección absoluta galega non pode participar en torneos oficiais e só disputa partidos amigábeis a nivel internacional. Porén, en categorías inferiores participa nas competicións que organiza a Federación Española de Fútbol, e dende 1999 a selección de Galicia de afeccionados disputa a Copa das Rexións da UEFA.

O equipo é coñecido familiarmente como «A Irmandiña», rememorando a historia da Galicia medieval, na cal se constituíron Irmandades para a defensa do pobo fronte os abusos dos señores.

Historia Primeira etapa oficial Campionato Interrexional 1922/23 miniatura|Manuel de Castro foi seleccionador nesta primeira etapa xunto a Pepe Bar. A confección da primeira selección galega prodúcese para a disputa do Campionato Interrexional da tempada 1922/23, un campionato de carácter obrigatorio no que participan as seleccións das federacións afiliadas á Real Federación Española de Fútbol, as cales podían seleccionar calquera futbolista dos seus clubs federados independentemente do lugar onde nacera, e co que se pretendía confeccionar un combinado estatal en condicións que representase a España nos Xogos Olímpicos de 1924.

Os seleccionadores desta primeira etapa son Manuel de Castro e Pepe Bar. O debut oficial prodúcese o 19 de novembro de 1922 fronte á selección do Centro (ás veces tamén chamada Castela, xa que a Federación Centro abranguía as provincias castelás de Ávila, Cidade Real, Cuenca, Guadalaxara, Madrid, Segovia e Toledo) nos cuartos de final do Campionato Interrexional, gañando o equipo galego por 4-1. O partido foi disputado no campo vigués de Coia. O equipo titular da estrea estaba formado por Isidro, Otero, Pasarín, Queralt, Balbino Clemente, Pepe Hermida, Moncho, Ramón González, Chiarroni, Polo, e Pedro Pinilla. Chiarroni marcou o 1-0. Empatou a selección Centro cun gol de Monjardín (xogador que curiosamente nacera na Coruña). Polo adiantou de novo á selección galega. Pinilla de penalti marcou o 3-1 e Ramón fixo o cuarto tanto galego.

O primeiro partido fronte a un rival internacional tivo lugar o 7 de xaneiro de 1923. Galicia enfrontouse a unha selección lisboeta, da que formaban parte moitos xogadores da selección portuguesa, vencendo por 3-1. Por Galicia xogaron: Isidro, Otero, Pasarín, Queralt, Jacobo Torres, Balbino, Reigosa, Ramón González, Chiarroni, Polo e Pinilla. A selección gañou 3-1, con dous goles de Polo e un de Reigosa.

O 14 de xaneiro de 1923 a selección galega enfrontouse en Sevilla ao equipo de Andalucía no encontro de semifinais do Campionato Interrexional. O once galego compoñíano os mesmos xogadores que gañaran á selección lisboeta a semana anterior: Isidro, Otero, Pasarín, Queralt, Torres, Balbino, Reigosa, Ramón González, Chiarroni, Polo e Pinilla. Aos tres minutos, Ramón conseguiu o primeiro gol dos galegos. Empatou Andalucía de penalti pouco antes do descanso. Polo logrou o desempate e Ramón e, por cabo, Chiarroni ampliaron a vantaxe galega.

miniatura|Luis Otero, subcampión olímpico en 1920, foi un dos integrantes da primeira selección galega.

Unha semana despois, o 21 de xaneiro, a selección galega contendeu en Coia contra unha selección da escuadra inglesa. No equipo de Galicia xogaban Isidro, Otero, Juanito Clemente, Queralt, Torres, Balbino, Salvador, Ramón González, Chiarroni, Polo e Pinilla. Pinilla abriu o taboleiro, Ramón marcou o segundo tanto e Pinilla repetiu fortuna co terceiro gol. Os ingleses conseguiron minguar a vantaxe antes do descanso. Os xogadores foron ao vestiario cun 4-2 favorábel aos galegos. Na segunda parte a selección galega lograría catro tantos máis. O taboleiro rexistrou finalmente un 8-2 a favor da selección de Galicia.

O 28 de xaneiro a selección de Pontevedra enfrontouse á selección galega en Bouzas. Adiantouse o equipo de Galicia cun gol de Luís Correa. E no segundo tempo anotaron gol Polo, Chiarroni e outra vez Correa. A selección da ‘boa vila’ logrou o tanto de honra por medio de Besada e o partido rematou cun 4-1 no taboleiro. Ao domingo seguinte disputouse en Pontevedra o partido de volta. Gañou a selección galega 1-3. O partido foi xogado en Pasarón. Pasarín, de penalti, e Chiarroni, en dúas ocasións, foron os goleadores do combinado galego. O gol da selección lerense foi anotado por Castillo.

A selección aínda xogou un partido de adestramento máis antes da final do Campionato Interrexional. Foi o 18 de febreiro no campo de Coia fronte dun combinado ferrolán-coruñés. Venceu a selección galega 7-1. Tres goles foron obra de Ramón González, dous de Polo e outros dous de Chiarroni.

Por cabo, o 25 de febreiro de 1923 o equipo de Galicia xogou contra a selección asturiana a final do Campionato Interrexional. No once galego estaban Isidro, Otero, Pasarín, Queralt, Torres, Hermida, Reigosa, Balbino, Chiarroni, Polo e Pinilla. Ramón González non puido xogar a final por lesión. Polo rompeu o marcador cun tanto, pero os asturianos protagonizaron unha remontada que pechou o marcador cun 1-3 e a primeira derrota da selección de Galicia, que rematou subcampioa do torneo. A causa do resultado os seleccionadores presentaron a súa dimisión, mais a Federación Galega de Fútbol pediulles que a retirasen. Despois da derrota, houbo críticas ao feito de que a selección galega fose confeccionada soamente con xogadores do Fortuna de Vigo e do Vigo Sporting e non se contase cos xogadores dos outros equipos galegos. Porén, a boa imaxe amosada no torneo serviu de pulo para que ese mesmo ano os dous clubs vigueses decidisen fundirse nun só e crear o Real Club Celta de Vigo.

En maio dese mesmo ano, a selección galega enfrontouse outra vez coa selección de Lisboa, desta volta na capital lusa o 27 de maio. Na selección de Galicia xogaban Isidro, Juanito, Pasarín, Viñas, Balbino, Machín, Reigosa, Ramón, Manolo Posada, Polo e Pinilla. Marcou de penalti Pinilla, pero os lisboetas déronlle a volta ao marcador cos goles de João Francisco e de Jaime Gonçalves.

Campionato Interrexional 1923/24

En novembro de 1923 comezou o campionato Campionato Interrexional da tempada 1923/24, enfrontándose o día 25 dese mesmo mes a selección de Galicia contra a selección do Centro no campo de Ciudad Lineal, en Madrid, no partido de cuartos de final. Gañou a selección do Centro por 1-0. O equipo galego estivo formado por: Isidro, Clemente, Hermida, Queralt, Balbino, Viñas, Reigosa, Gerardo, Chicha, Polo e Pinilla.

O Campionato Interrexional foi suprimido na asemblea da Real Federación Española de Fútbol celebrada o verán de 1924, pechándose así esta primeira etapa.

Iniciativas posteriores durante os anos 1920-1930 Os seguintes partidos xorden de iniciativas particulares e non da propia federación. En 1929, co gallo da Coroación da Virxe das Dores na Coruña, o comité promotor dos festexos concertou un partido benéfico entre as seleccións de Galicia e do Centro en Riazor. O equipo galego aliñou con Isidro, Manolín, Pasarín, Hermida, Rivera, Basterrechea, Reigosa, Hilario, Rogelio, Polo e Pérez. Os futbolistas Hilario, Pérez, Manolín e Basterrechea aínda que xogaban en clubs galegos non naceran en Galicia, pero iso non foi impedimento para que participasen igualmente no conxunto galaico. A selección do Centro tamén aliñou xogadores non nados no seu ámbito territorial pero que militaban nos clubs desa federación, coma Prats, Esparza, Peña, Rubio, Marín, Vázquez ou o galego Cosme. O partido rematou cun empate 0-0.

O 8 de xuño de 1930 celebrouse un partido no campo de Chamartín entre a selección de Galicia e a selección do Centro. O partido convocouse para recadar fondos para as familias damnificadas polo naufraxio de catro pesqueiros de Bouzas. A iniciativa partiu de Ramón Fernández Mato. Ademais, o Concello de Vigo custeou unha artística copa de prata chamada Copa Vigo, deseñada por Federico Ribas, que sería outorgada á selección gañadora. A aliñación galega foi Isidro, Jiménez, Pasarín, Paredes, Vega, Fariña, Reigosa, Losada, Chacho, Hilario e Polo. Formaron coa selección galega Jiménez e Hilario aínda que non eran nados en Galicia, e coa selección Centro xogadores como Ordóñez, San Miguel, Triana, Morera e Cosme aínda que non naceran nas provincias castelás que abranguía a súa federación. Comezou o partido marcando dous goles Losada e un gol Fariña, acabando o primeiro período con tres goles de vantaxe a favor dos galaicos. No descanso Lilo subtituíu a Isidro na portaría. Na reanudación, os do Centro conseguen marcar por medio de Ordóñez e cando xa se achegaba o final do partido Hilario anota o cuarto gol galego, finalizando así o encontro cun 1-4 a favor da selección galega. Unha semana antes, Galicia derrotara o Sporting Clube de Portugal en Balaídos por 4-2. No equipo galego xogaran Isidro, Cabezo (que foi substituído aos cinco minutos por Jiménez), Hermida, Paredes, Vega, Fariña, Reigosa, Losada, Polo, Hilario e Rubio. Tres goles foron marcados por Losada e o outro por Polo. Os goles lisboetas foron de Correia e Rogério.

Durante estes anos, houbo tamén outros partidos de homenaxe onde tomaron parte combinados de xogadores galegos, coma o disputado o 11 de agosto de 1929 en Riazor para homenaxear a Luis Otero, onde xogou o Deportivo da Coruña con Samitier (do F.C. Barcelona) e Cosme (do Real Madrid) fronte a unha selección galega formada por xogadores do Celta de Vigo, Racing de Ferrol e o defensa Calvo do Racing Club de Madrid, empatando 0-0, ou o disputado o 7 de setembro de 1930 en homenaxe a Ramón Polo, onde un combinado galego derrotou en Balaídos o Athletic Club (campión de Liga e Copa ese ano) por 5-4. Outros partidos con combinados galegos foron un partido en homenaxe a Isidro no que xogaron o Deportivo da Coruña e unha selección galega en Riazor o 23 de agosto de 1931 no que gañou o club herculino 3-1, un encontro en homenaxe a Manuel Rivera xogado no Inferniño o 22 de agosto de 1932 entre o Racing de Ferrol e unha selección galega con vitoria para o equipo departamental 3-2 ou un partido entre a selección de Lisboa e un combinado de futbolistas do Celta e o Deportivo que se xogou na capital lusitana o 29 de xuño de 1930 con vitoria para os lisboetas por 4-2.

En 1936, o Comité Rexional Pro-Olimpíada Popular seleccionou un combinado galego para participar na Olimpíada Popular de Barcelona, resposta internacional aos Xogos de Berlín. O 12 de xullo, seis días antes do golpe de Estado, xogou o combinado galego un encontro de adestramento en Balaídos. Segundo afirman certas fontes, moitos destes xogadores galegos ficarían na Cidade Condal, a maioría loitaría no bando republicano, e segundo algúns testemuños habería xogadores galegos deste equipo que disputarían encontros xunto a outros soldados durante a guerra civil española e a segunda guerra mundial.

O franquismo En maio de 1939, ao remate da guerra civil, anunciouse un partido en Balaídos entre o Futebol Clube do Porto e “a selección galega”, que rematou 5-1 a favor dos portuenses. A pesar de se anunciar con ese título, non foi un partido oficial da selección, xa que non foi organizado pola Federación Galega de Fútbol, razón pola cal o Racing de Ferrol se negou a ceder os seus xogadores. Despois deste encontro tamén se publicou na prensa que se estaban a facer xestións para que unha selección galega, que desta volta si sería confeccionada pola FGF, xogase no Porto contra o club dos dragões, pero isto non se chegou a producir.