Zygmunt Konstanty Antoni Łoziński, nado o 5 de xullo de 1870 en Baracin (Imperio Ruso, hoxe Belarús) e finado o 26 de marzo de 1932 en Pinsk (RSS de Belarús), foi un bispo da Igrexa católica latina polaco, bispo de Minsk entre 1917 e 1925, e posteriormente bispo de Pinsk até o seu pasamento.
Traxectoria Zygmunt Łoziński naceu o 5 de xuño de 1870 en Baracin, preto de Navahrudak, entón parte da gobernación de Grodno do Imperio Ruso. Estudou en Varsovia e posteriormente en San Petersburgo, onde se graduou pola Academia Teolóxica Católica de San Petersburgo en 1891.
Foi ordenado sacerdote o 23 de xuño de 1895, e pasou a exercer a docencia no seminario e nunha escola secundaria en San Petersburgo. Posteriormente foi sentenciado por "patriotismo polaco" polas autoridades rusas o 17 de novembro de 1898 a tres anos de reclusión nun convento en Aglona (Letonia). En 1900 foi nomeado vigairo parroquial en Smolensk e posteriormente reasignado a Tula en 1901, a Riga en 1902, e a Minsk en 1904. En 1905 Łoziński foi nomeado reitor da catedral de Minsk. En 1906 volveu a San Petersburgo, dando clases de Hebreo e Estudos bíblicos na Academia Católica. Entre 1909 e 1911 acompañou a Jan Cieplak, bispo auxiliar de Mahilioŭ, na súa visita ás diferentes parroquias do Imperio. A partir de 1912 continuou os seus estudos en Alemaña, Roma e Terra Santa.
O papa Bieito XV nomeouno bispo de Minsk o 2 de novembro de 1917. Recibiu a consagración episcopal o 28 de xullo de 1918 en Varsovia, de mans do cardeal Aleksander Kakowski. Comezou a súa tarefa reorganizando a diocese e comezando a estrutura do Seminario Teolóxico de Minsk. Logo da ocupación da cidade polos bolxeviques, as autoridades soviéticas arrestárono o 1 de agosto de 1920 acusado de "contrarrevolucionario" pero foi liberado o 11 de agosto. Foi arrestado novamente o 4 de setembro e retido prisioneiro en Moscova durante 11 meses, e logo foi expulsado a Polonia, onde residiu en Navahrudak a partir de 1922. O papa Pío XI nomeouno o 2 de decembro de 1925 bispo de Pinsk, e foi tamén profesor no seminario local. Malia ser patriota polaco, introduciu o uso do belaruso na liturxia. Finou o 26 de marzo de 1932.
Premios e distincións Foi condecorado coa Orde da Aguia Branca e coa Cruz do Valor de Polonia.
Culto O proceso de beatificación comezou en Pinsk e no Vaticano. O proceso informativo comezou en 1957 e rematou en 1962. O 4 de decembro de 1980 foi nomeado Servo de Deus.
A Congregación para as Causas dos Santos recibiu a positio en 1990, e os teólogos da congregación aprovaron a causa o 10 de decembro de 1992. O 2 de abril de 1993 o papa Xoán Paulo II declarouno Venerable.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Categoría:Nados en 1870 Categoría:Nados na rexión de Brest Categoría:Bispos da Igrexa católica latina Categoría:Bispos católicos de Belarús Categoría:Finados en 1932 Categoría:Venerados pola Igrexa católica Categoría:Orde da Aguia Branca (Polonia) Categoría:Cruz do Valor (Polonia) Categoría:Alumnos da Academia Teolóxica Católica de San Petersburgo Categoría:Profesores da Academia Teolóxica Católica de San Petersburgo