A Guerra de independencia de Texas, tamén coñecida como Revolución Texana,Chamada Texas Revolution en inglés ou Revolución de Texas en castelán. Esta nomenclatura non se axustaría correctamente á definición do termeo en galego, xa que unha revolución implicaría unha "transformación profunda e rápida da estrutura social, económica e política dunha sociedade", que non se deu neste caso. foi o conflito que enfrontou o goberno de México e os colonos texanos entre o 2 de outubro de 1835 e o 21 de abril de 1836.
Os problemas entre o goberno mexicano e os habitantes do que daquela era a provincia de Coahuila e Texas comezaran coa promulgación da constitución centralista de 1835, coñecida como as Sete Leis. Esta nova lexislación, promulgada polo presidente mexicano Antonio López de Santa Anna, deixaba sen efecto a antiga constitución federal de 1824. Pouco tempo despois, xurdiron pronunciamentos en diversas rexións do país. A guerra comezou no territorio texano o 2 de outubro de 1835 coa batalla de Gonzales. Axiña as forzas texanas tomaron as cidades de La Bahia (actual Goliad) e San Antonio Béjar (actual San Antonio), malia que serían derrotadas poucos meses despois.
Despois dalgunhas vitorias mexicanas, a guerra acabou de xeito inesperado na batalla de San Jacinto, a uns 300 quilómetros de San Antonio. Neste conflito, o xeneral Samuel Houston liderou os rebeldes texanos e voluntarios estadounidenses na vitoria sobre unha parte das tropas mexicanas, baixo o comandamento directo de Santa Ana, que ademais foi capturado. Despois do remate da guerra, formalizaríase a independencia da República de Texas. Posteriormente, en 1845, os Estados Unidos anexionaríanse este territorio, e as disputas entre os dous países conducirían en última instancia á intervención norteamericana en México, entre 1846 e 1848.
Notas
Categoría:Texas Categoría:Historia de México Categoría:Guerras do século XIX Categoría:Guerras de independencia