miniatura|dereita|300px|Dous soldados alemáns fumando O movemento antitabaco na Alemaña nazi comezou no Terceiro Reich despois de que os médicos alemáns fosen os primeiros en descubrir a relación entre o cancro de pulmón e o tabaco, liderando a primeira campaña antitabaco da historia moderna. Os movementos antitabaco medraron en moitas nacións dende comezos do século XX, pero tiveron pouco éxito agás en Alemaña, onde a campaña recibiu o apoio do goberno despois do ascenso dos nazis no poder. Este foi o movemento en contra do tabaco máis poderoso do mundo nos anos 1930 e comezos dos anos 1940. Os líderes nacionalsocialistas condenaron o consumo de tabaco e moitos deles criticárono publicamente. Baixo o goberno nazi prosperou a investigación sobre o tabaco e os seus efectos na saúde, sendo a máis importante do seu tipo naquel momento. Ademais da investigación efectuada, a aversión persoal de Adolf Hitler cara ao tabaco, as políticas reprodutivas dos nazis e a asociación do tabaco co antisemitismo e o racismo foron outros factores a prol desta campaña contra o tabaco.

A campaña antitabaco dos nazis consistiu en prohibir fumar nos tranvías, autobuses e trens urbanos, promover a educación saudable, limitar as racións de cigarros na Wehrmacht, organizar clases médicas para os soldados e incrementar os impostos sobre o tabaco. Os nacionalsocialistas tamén impuxeron limitacións nos anuncios de tabaco, restrinxiron fumar en espazos públicos e regulárono nos restaurantes e cafeterías. O movemento antitabaco non tivo demasiada eficacia nos primeiros anos do réxime nazi e malia os esforzos da campaña o consumo de tabaco medrou entre os anos 1933 e 1939, mais posteriormente diminuíu entre os anos 1939 e 1945. Nin sequera a finais do século XX o movemento antitabaco da Alemaña da posguerra acadou tanta influencia coma nos tempos do nacionalsocialismo.

Precedentes O sentimento antitabaco xa existía no Imperio Alemán a comezos do século XX. Os críticos do tabaco organizaron o primeiro grupo antitabaco no país, chamado Deutscher Tabakgegnerverein zum Schutze der Nichtraucher (Asociación de opositores alemáns do tabaco para a protección dos non fumadores). Establecida en 1904, esta organización tan só existiu durante un breve período de tempo. A seguinte organización deste tipo, chamada Bund Deutscher Tabakgegner (Federación de opositores alemáns do tabaco), estableceuse no ano 1910 en Trautenau, Bohemia. Outras organizacións semellantes xurdiron no ano 1912 nas cidades de Hannover e Dresden. No ano 1920 formouse en Praga a Bund Deutscher Tabakgegner in der Tschechoslowakei (Federación de opositores alemáns do tabaco en Checoslovaquia), trala separación de Checoslovaquia de Austria o final da primeira guerra mundial. Nese mesmo ano estableceuse tamén a Bund Deutscher Tabakgegner in Deutschösterreich (Federación de opositores alemáns do tabaco na Austria alemá) na cidade de Graz.

Estes grupos publicaron xornais que avogaban en contra do uso do tabaco. A primeira destas publicacións en alemán foi Der Tabakgegner (Opositor do Tabaco), editada pola organización de Bohemia entre os anos 1912 e 1932. Deutscher Tabakgegner (Opositor Alemán do Tabaco) foi o segundo xornal que trataba este tema, publicándose en Dresde dende 1919 ata 1935. Xunto co tabaco, estas organizacións foron opositoras tamén do consumo de bebidas alcólicas.

Factores motivadores Investigacións As investigación e estudos dos efectos do tabaco na saúde pública estaban máis avanzados en Alemaña que en calquera outra nación no momento en que os nazis chegaron ao poder. A conexión entre o cancro de pulmón e o tabaco probouse por primeira vez na Alemaña nazi, en contra da crenza popular de que os científicos estadounidenses e británicos foron os primeiros en descubrila nos anos 1950, e o termo "fumador pasivo" ("Passivrauchen") cuñouse na Alemaña nazi. Os proxectos de investigación financiados polos nazis revelaron moitos dos efectos prexudiciais do tabaco na saúde, e a Alemaña nazi apoiou diversas investigacións epidemiolóxicas nestes efectos do uso do tabaco. Hitler deu apoio financeiro de forma persoal a Wissenschaftliches Institut zur Erforschung der Tabakgefahren (Instituto para a investigación dos perigos do tabaco) na Universidade de Jena, liderado por Karl Astel. Establecida no ano 1941, esta institución antitabaco foi a máis significativa da Alemaña nazi.

miniatura|esquerda|200px|Dous soldados alemáns fumando nunha trincheira da Fronte Oriental Franz H. Müller no ano 1939 e posteriormente Eberhard Schairer en 1943 foron os primeiros en empregar métodos epidemiolóxicos de caso-control para estudar o cancro de pulmón nos fumadores. En 1939 Müller publicou un informe nunha reputada revista médica alemá que afirmaba que a incidencia de cancro de pulmón era maior nas persoas fumadoras. Müller, descrito en ocasións como "o pai esquecido da epidemioloxía experimental", foi membro do NSKK e do Partido Nazi (NSDAP). A súa disertación foi o primeiro estudo epidemiolóxico controlado da relación entre o tabaco e o cancro de pulmón. Entre a mención doutros factores causantes como o po, os gases de escape dos automóbiles, a tuberculose, os raios X e outros contaminantes procedentes das fábricas, o seu informe indicou que "o papel significativo do fume do tabaco estaba cada vez máis no primeiro plano" entre ditos factores.

Os doutores do Terceiro Reich sabían que fumar era causa de doenzas cardíacas, consideradas as doenzas máis serias resultantes do uso do tabaco. O uso da nicotina tamén se considerou responsable do incremento nos infartos de miocardio reportados no país. Nos últimos anos da segunda guerra mundial, os investigadores consideraron a nicotina como un factor dos fallos cardíacos coronarios que sufriron un número significativo de persoal militar na fronte oriental. Un patólogo da Wehrmacht examinou 32 soldados mozos que faleceran a causa de infarto de miocardio nesta fronte, e documentou nun informe de 1944 que todos eles eran "fumadores entusiastas", citando a opinión do tamén patólogo Franz Buchner que afirmou que os cigarros eran "un veleno coronario de primeira orde".

Postura de Hitler sobre o tabaco miniatura|dereita|200px|Adolf Hitler Adolf Hitler foi fumador habitual na súa xuventude, chegando a fumar entre 25 e 40 cigarros diarios, pero finalmente deixou o hábito tras chegar a conclusión de que era "unha perda de cartos". En anos posteriores chegou a considerar o hábito de fumar como "decadente" e "a ira do Home Vermello contra o Home Branco, en vinganza por darlles licores", lamentando que "a perda de moitos homes excelentes por envelenamento do tabaco". Sentíase infeliz xa que tanto Eva Braun como Martin Bormann eran fumadores e preocupáballe que Hermann Göring fumase continuamente en lugares públicos, chegando a poñerse furioso cando se comisionou unha estatua na que se representaba a Göring fumando. Adoita considerarse a Hitler como o primeiro líder nacional que propugnou non fumar, aínda que Xacobe VI de Escocia e I de Inglaterra xa declarara abertamente a súa postura antitabaco 330 anos antes ca el.

Hitler non aprobaba a liberdade para fumar da que dispoñía o persoal militar, e durante a segunda guerra mundial declarou que "era un erro, culpa do liderado do exército naquel momento, no comezo da guerra" e que "non é correcto dicir que un soldado non pode vivir sen fumar", chegando a prometer que acabaría co uso de tabaco no exército en canto rematase a guerra. Animou persoalmente aos seus amigos próximos para que non fumasen e premiou a aqueles que deixaron de fumar. Porén, o rexeitamento persoal do tabaco por parte de Hitler tan só foi un dos diversos factores catalizadores da campaña antitabaco alemá.

Políticas reprodutivas As políticas reprodutivas nazis foron un factor significativo na súa campaña antitabaco. Consideraban que as mulleres fumadoras eran vulnerables o envellecemento prematuro e a perda de atractivo físico. Vían a estas mulleres inapropiadas como esposas e nais para a familia alemá. Werner Huttig da Rassenpolitisches Amt (Oficina de Política Racial) do Partido Nazi afirmou que o leite das mulleres fumadoras embarazadas contiña nicotina, afirmación probada como correcta por investigacións modernas. Martin Staemmler, un doutor prominente durante o Terceiro Reich, opinaba que fumar durante o embarazo resultaba nun aumento dos natimortos e abortos espontáneos. Esta opinión foi apoiada pola hixienista racial Agnes Bluhm, quen publicou un libro no ano 1936 expresando este mesmo punto de vista. Os líderes nazis amosaron a súa preocupación por esta cuestión xa que desexaban que as mulleres alemás tivesen unha gran facilidade reprodutiva. Un artigo publicado nunha revista xinecolóxica alemá de 1943 afirmou que as mulleres que fumaban tres ou máis cigarros diarios tiñan máis posibilidades de quedar sen fillos en comparación coas mulleres non fumadoras.

Asociación co antisemitismo e co racismo A maiores da preocupación pola saúde pública, os nazis estaban moi influenciados pola súa ideoloxía, particularmente polos seus conceptos de hixiene racial e pureza corporal. Os líderes nazis crían que estaba mal que a "raza superior" fumase e que o consumo de tabaco era equivalente a unha "dexeneración racial". A súa visión do tabaco era a dun "veleno xenético", e os hixienistas raciais opoñíanse ao consumo de tabaco, aducindo que "corrompía o plasma xerminal alemán". Algúns activistas antitabaco nazis chegaron a representar o tabaco como un vicio dos "negros dexenerados".

Os nazis chegaron a afirmar que os xudeus eran os responsables da introdución do tabaco e dos seus efectos prexudiciais, e a Igrexa adventista do sétimo día en Alemaña anunciou que fumar era un vicio malsán espallado polos xudeus. Johann von Leers, editor do Nordische Welt, proclamou en 1941 durante a cerimonia inaugural do Wissenschaftliches Institut zur Erforschung der Tabakgefahren que o "capitalismo xudeu" era responsable da expansión do uso do tabaco por toda Europa. Afirmou tamén que o primeiro tabaco en terreo alemán foi introducido polos xudeus e que estes controlaban a industria tabaqueira en Ámsterdam, o punto principal de entrada da Nicotiana.

Campaña Medidas antitabaco Os nazis empregaron varias tácticas de relacións públicas para convencer ao público xeral alemán de non fumar. Revistas de saúde ben coñecidas como Gesundes Volk (Xente saudable), Volksgesundheit (A saúde da xente) e Gesundes Leben (Vida saudable) publicaron advertencias sobre as consecuencias que fumar tiña na saúde así como pósters que amosaban os efectos prexudiciais do tabaco. Enviáronse mensaxes antitabaco a xente nos seus postos de traballo, habitualmente coa axuda da Hitlerjugend e da Bund Deutscher Mädel. A campaña antitabaco levada a cabo polos nazis tamén incluíu iniciativas de educación da saúde. En xuño de 1939 formouse un departamento antitabaco e antialcohol, e a Reichsstelle für Rauschgiftbekämpfung (Departamento para a loita contra o envelenamento do tabaco) tamén axudou nesta campaña. As revistas Die Genussgifte (As drogas sociais), Auf der Wacht (En garda) e Reine Luft (Aire limpo) publicaron tamén artigos que avogaban non fumar. De entre estas publicacións, Reine Luft foi a principal revista do movemento antitabaco, e a institución de Karl Astel na Universidade de Jena mercou e distribuíu centos de exemplares desta publicación.

Tras recoñecer os efectos prexudiciais do uso do tabaco na saúde, o goberno nazi promulgou varios elementos de lexislación antitabaco. A finais dos anos 1930 incrementouse a posta en marcha deste tipo de lexislacións, e no ano 1938 a Luftwaffe e o Reichspost impuxeron a prohibición de fumar. Esta prohibición estendeuse as institucións médicas, colexios e varias oficinas públicas asilos. En 1939 o Partido Nazi prohibiu fumar en tódalas súas oficinas, e Heinrich Himmler, por aquel entón xefe do Schutzstaffel, prohibiulles fumar ós oficiais de policía e da SS mentres se atopaban de servizo.