Anna Gabriel i Sabaté, nada en Sallent en 1975, é unha educadora social, mestra de dereito e política catalá. É deputada no Parlamento de Cataluña pola CUP dende setembro do 2015.

Traxectoria Naceu en Sallent, un concello obreiro con importante tradición anarquista e pertence a unha familia mineira comprometida coa loita social. O seu pai emigrou dende Minas de Riotinto e chegou a Sallent para traballar na mina e súa nai, nada en Sallent, provén dunha familia mineira de Murcia e militou no PSUC. O seu avó era da CNT, o mesmo que o seu bisavó.

Diplomouse en educación social e despois licenciouse en dereito e realizou un máster en dereitos sociolaborais na Universidade Autónoma de Barcelona. É mestra da Facultade de Dereito da Universidade Autónoma de Barcelona e foi técnica da Dirección Xeral de Atención á Infancia da Generalitat de Cataluña e dos concellos de Manresa e Gironella.

Comezou a militancia política ós 16 anos no eido local, na Plataforma Antifeixista e o Agrupament Roques Albes. Despois de estudar educación social, traballou en diferentes concellos e entidades como educadora da rúa e participou na fundación da Coordinadora d'Associacions per la Llengua Catalana. Está afiliada á Confederación Xeral de Traballo e é membro de Endavant e do colectivo Terra i Llibertat. Milita dende 2002 na CUP, onde defende o feminismo como un dos alicerces fundamentais da formación, aposta por plans de igualdade nos concellos, ademais dun plan de choque contra o feminicidio e para a paridade.

Foi portavoz da campaña Independència per canviar-ho tot e rexedora do concello de Sallent entre os anos 2003 e 2011. Presentouse coa CUP ás eleccións ao Parlamento Europeo de 2004 como número tres. Durante a lexislatura 2012-2015 traballou como coordinadora do grupo parlamentario da CUP. Nas Eleccións ao Parlamento de Cataluña 2015, foi candidata da CUP - Crida Constituent despois de ser escollida en primarias e escollida deputada por Barcelona.

Traslado a Suíza En febreiro de 2018 foi chamada a declarar polo Tribunal Supremo de España en referencia ó referendo de independencia de 2017. A ex-deputada trasladouse despois a Suíza asegurando que non iría ó Tribunal Supremo porque segundo ela en España non tería un xuízo xusto. Un representante da Oficina Federal de Xustiza de Suíza dixo que Suíza non colaboraría en caso de orde de extradición.

En xullo de 2022 fíxose público que Anna Gabriel compareceu voluntariamente ante o Tribunal Supremo de España para regularizar a súa situación procesual.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas “La independència només és possible sense CiU” Entrevista a Anna Gabriel 2015 Entrevista a Vilaweb. 29 de outubro de 2015 Anna Gabriel: "Municipalisme: propostes per a la ruptura". Capítulo do libro Perspectives II. 2014.

Categoría:Nados en 1975 Categoría:Nados en Barcelona Categoría:Políticos da CUP Categoría:Deputados do Parlamento de Cataluña