Uladzimir Tarasievič (en ), nado o 27 de novembro de 1921 en Kliešniaki (voivodato de Nowogródek, Polonia; hoxe Belarús) e finado o 2 de xaneiro de 1986 en Chicago (Estados Unidos de América), foi un bispo grecocatólico belaruso, visitador apostólico para os fieis belarusos no exterior dende 1983 até o seu pasamento. Traxectoria Naceu nunha familia católica en Kliešniaki, preto de Hrodna, o 27 de novembro de 1921. Pouco antes de comezar a segunda guerra mundial emigrou aos Estados Unidos de América xunto co seu tío, Janka Tarasievič. Alí estudou no seminario e no St. Procopius College en Lisle. En 1944 entrou na Orde de San Bieito, e aos vinte e sete anos, o 26 de maio de 1949, foi ordenado sacerdote da devandita orde.
En 1950 graduouse pola Universidade Católica de América, e continuou os seus estudos en Roma, no Pontificio Instituto Oriental e na Pontificia Universidade Gregoriana, doutourándose en Teoloxía en 1958. Posteriormente estivo encargado até a súa morte da parroquia grecocatólica belarusa do Cristo Salvador en Chicago, sendo elevado en 1975 ao rango de arquimandrita. Ao pouco de volver aos Estados Unidos, o 24 de abril de 1959 dirixiu unha oración no Congreso dos Estados Unidos polo pobo belaruso.
O 1 de xullo de 1983 foi nomeado bispo titular de Mariamme e visitador apostólico para os grecocatólicos belarusos no exterior. Recibiu a consagración episcopal o 8 de setembro de 1983 de mans do bispo de San Nicolao de Chicago Inokentii Lototskyi.
Finou o 2 de xaneiro de 1986, e sucedeuno como visitador apostólico Aliaksandr Nadsan.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas Bishop Vladimir Ladislas Tarasevitch, O.S.B., en Catholic-Hierarchy.org Nekrolog 1986, en Apostolische-Nachfolge.de Bp Włodzimierz Tarasewicz OSB, en Unici.pl
Categoría:Nados en 1921 Categoría:Nados na rexión de Hrodna Categoría:Finados en 1986 Categoría:Bispos católicos de Belarús Categoría:Bispos católicos dos Estados Unidos de América Categoría:Bispos da Igrexa católica bizantina belarusa Categoría:Alumnos da Universidade Católica de América Categoría:Alumnos do Pontificio Instituto Oriental Categoría:Beneditinos Categoría:Relixiosos católicos de Belarús