José Antonio Fernández Romero, nado en Ponteareas o 5 de xullo do 1931 e finado en Vigo o 19 de decembro do 2011, foi un profesor universitario e tradutor galego especializado nas linguas nórdicas.

Traxectoria Fernández Romero doutorouse en Filosofía e Letras pola Universidade Complutense de Madrid, cunha tese sobre as perífrases verbais en castelán e sueco. Posteriormente, graduouse en Filoloxía Islandesa pola Universidade de Islandia.

Foi profesor titular da Universidade de Vigo. Entre o 1952 e o 1978, foi tamén profesor de castelán en varias universidades de Islandia, Finlandia e Suecia, incluída a propia Universidade de Islandia. Traduciu a Halldór Laxness, Jóhann Hjálmarsson e Hans Christian Andersen, entre outros autores.

No ano 1982, coa colaboración de Valentín Arias, verteu ao galego o libro Lendas islandesas, de Skúlli Gíslason, unha serie de contos populares islandeses. Cada relato incluído nesta escolma conta cunha introdución para explicar e contextualizar o seu tema.

En 1996 recibiu o Premio Nacional de Tradución de España pola antoloxía Poesía nórdica, traducido en conxunto con Francisco Uriz. Esta obra reúne poemas de case 150 autores dos países nórdicos.

Fernández Romero faleceu en Vigo o 19 de decembro do 2011, aos 80 anos de idade. No 2012, a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo inaugurou o Salón de Graos "José Antonio Fernández Romero" na súa memoria.

Obra en galego

Gíslason, Skúli (1982). Lendas islandesas. Tradución ao galego de Valentín Arias e José Antonio Fernández Romero. Prólogo de José Antonio Fernández Romero. Edicións Xerais de Galicia.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

José Antonio Fernández Romero (Biblioteca Nacional de España)

Categoría:Tradutores de Galicia Categoría:Nados en Ponteareas Categoría:Nados en 1931 Categoría:Finados en 2011 Categoría:Tradutores do islandés Categoría:Tradutores ao castelán Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes