Francisco Domínguez Mosquera, nado en San Paio (Lousada, Carballedo) o 2 de abril de 1889 e finado na Habana o 3 de outubro de 1937, foi un emigrante, galeguista e filántropo do primeiro terzo do século XX.
Foi coñecido por toda a Galiza nacionalista do período republicano como Pancho da Barrela e na contorna como O rico de Sampaio.
Traxectoria Emigrou a Cuba en 1904, onde se fixo cunha boa fortuna. En 1912 participou na fundación da sociedade "Chantada, Carballedo y sus comarcas” radicada na Habana e da cal chegou a ser presidente en 1924. Esta sociedade encargouse da construción das escolas de Merlán, A Laxe, e Vilaquinte. De volta a España, o seu labor filantrópico foi recoñecido en 1928 cunha homenaxe en Madrid na que participou Gabriel Ricardo España, ex gobernador provincial de Ourense. Cos seus propios cartos construíu a escola de Santiago de Lousada, a fonte do lugar onde naceu e o camiño veciñal que vai de San Paio, ata a estrada da Barrela a Castro. Ademais, electrificou o seu lugar de nacemento. miniatura|Lugar de San Paio, cuxo camiño financiou Domínguez. Colaborou nas actividades dos galegos en Cuba: En las distintas fiestas que organizó esta sociedad en beneficio de sus asociados, donaron distintos géneros y vinos, en evidente beneficio del tesoro social, el ex-presidente don Francisco Domínguez, dueño de uno de los más importantes establecimientos de víveres de la Habana
Apoiou as actividades e publicacións do Seminario de Estudos Galegos. En xuño de 1934 organizou unha das principais excursións escolares do período para coñecer Galicia, a cal comezou cun banquete e discursos na Barrela en que participaron Otero Pedrayo, Ramón Suárez Picallo, e Alexandre Bóveda. En agosto dese mesmo ano organizouse en Carballedo unha homenaxe ao "ilustre filántropo" para premiar " El tan abnegado patriotismo de tan altruista hijo de este pueblo”. miniatura|Tarxeta de visita. Era membro do Partido Galeguista, do cal foi accionista, e participou como orador na campaña propagandista a prol do Estatuto de autonomía en Pereira, Chantada, Taboada, Carballedo e na Barrela con Xosé Ramón Fernández-Oxea, Ánxel Fole, José María Díaz Díaz-Villamil, Xerardo Álvarez Gallego e outros. O 13 de outubro de 1935 asistiu á reunión das Mocidades Galeguistas en Celanova ("Figuran en la presidencia señoritas de los grupos femeninos de Orense y Allariz, el coro "Aires de Montaña" y el filántropo galleguista don Francisco Domínguez"), en compañía de Alexandre Bóveda, Fernández del Riego e outros. Foi representante dos agrarios da comarca como presidente e fundador do Sindicato Agrario de Carballedo, cuxa casa de reunións construíu. En abril de 1936 foi proclamado compromisario para participar na elección do presidente da República, aínda que se retirou cando o Partido Galeguista pasou a ser parte da Fronte Popular. Estivo presente na Asemblea da Facultade de Medicina o 17 de maio de 1936, onde se declarou a convocatoria ao referendo sobre o Estatuto de Autonomía.
En outubro de 1936 buscou quen os levase a Portugal a el e o seu fillo Paquiño pero alguén o delatou á Garda Civil, polo que decidiu saír por Zamora e Salamanca en dirección a Cataluña. Entrou en Francia pola fronteira de Portbou. Xa en París obtiveron un visado para embarcaren no buque Normandíe a Nova York con destino a Cuba. Alí foron recibidos por familiares e amigos. O chofer que os ía levar a Portugal foi asasinado.
Ao pouco de volver a Cuba enfermou e finou na Habana o 3 de outubro de 1937 despois de dispoñer que o fillo seguise os estudos nos Estados Unidos. Foi soterrado no panteón dos membros da Sociedad Chantada, Carballedo y sus comarcas no Cemiteiro de Colón.
Familia O seu fillo, tamén Francisco Domínguez, morreu en 1950. En Cuba foi á escola bilingüe Ruston Academy e cando morreu o pai á escola militar Riverside Academy en EE.UU. En 1944 visitou Carballedo.
O seu neto Francisco Domínguez Fernández, Frank A. Domínguez, é un lingüista e profesor de lingua e literatura castelá na Universidade de Carolina do Norte en Chapel Hill, en 2025 publicou a biografía do avó, editada pola Deputación de Lugo.
Homenaxe en 2022 A asociación cultural O Garabullo organizou unhas xornadas de homenaxe o día 26 de xuño de 2022. No colexio da Barrela falaron o Alcalde de Carballedo Julio Yebra, Hita Gómez (O Garabullo), Uxío-Breogán Diéguez, Moncho Ermida e Frank Domínguez (neto do homenaxeado), presentados por Anxo González Guerra e coa música de Os Parentes (Sober). Descubriuse unha placa en San Paio, na casa onde naceu. Finalmente en Castro inaugurouse unha exposición e fíxose un xantar. En todos os actos estiveron presentes o neto, Frank A. Domínguez, coa súa muller e fillo.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Domínguez Fernández, Francisco (2025). Francisco Domínguez Mosquera. Carballedo, Lugo (1889) - A Habana, Cuba (1937). Lugo: Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo. ISBN 978-84-8192-612-5.
Outros artigos Emigración galega Álbum da Emigración
Ligazóns externas
Ligazón aos cinco vídeos sobre a homenaxe en Carballedo en 2022
Categoría:Políticos do Partido Galeguista Categoría:Nados en Carballedo Categoría:Nados en 1889 Categoría:Finados en 1937 Categoría:Galegos de Cuba Categoría:Filántropos de Galicia